Mbira Song e Dualités
As pezas Mbira Song e Dualités foron as protagonistas da experiencia colaborativa inicial entre os departamentos de percusión e danza contemporánea do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes e do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, respectivamente. Ambas formaron parte de espectáculos de danza colectivos e heteroxéneos desenvoltos ese ano, poñendo desta forma a primeira pedra dun longo camiño de colaboracións e proxectos de maior entidade e unidade artística.
Diego Ventoso
O minimalismo: Philip Glass e Terry Riley
O termo «minimalismo» foi tomado das artes visuais para describir un estilo de composición caracterizado pola utilización dun vocabulario musical intencionadamente simplificado a nivel rítmico, melódico e harmónico. Xurdíu nas décadas de 1960-1970 nos Estados Unidos como un antídoto contra o arte modernista representado na música polo serialismo integral de Boulez e Stockhausen e a indeterminación de Cage, pero débelle máis á arte non occidental (oriental e africana), ó jazz e ó rock que ó modernismo do s. XX ou a calqueira outra estética musical.
As influencias máis notables da música oriental no minimalismo son a simplicidade do material musical, o predominio das suxerencias veladas sobre a clara expresividade e o fomento dunha resposta de observación pasiva no oínte en lugar dunha implicación activa. A música desprégase lentamente sobre extensións de tempo amplias sen ningún acontecemento dramático nin sobresaínte.
Co obxectivo de ser máis accesible que a modernista, a música minimalista é abertamente tonal ou modal onde a modernista é atonal, ritmicamente regular e contínua na que a modernista é aperiódica e fragmentada, estrutural e texturalmente simple onde a modernista é complexa. Entre os compositores máis destacados da estética minimalista encontramos a La Monte Young, Terry Riley, Philip Glass e Steve Reich.
Diego Ventoso
Contrapunto eléctrico
A relación entre instrumentos acústicos e a electrónica ten xa un longo percorrido na música clásica-contemporánea. O desenvolvemento da música electroacústica e electrónica incidiu na exploración de novos recursos instrumentais e dunha escritura idiomática, incrementando e dándolle sentido a todas as posibilidades acústicas dos instrumentos musicais, de xeito que conviven e interaccionan morfoloxías sintéticas (sons electrónicos) e orgánicas (sons producidos por instrumentos musicais tradicionais). No caso da percusión, estes sons poden ser producidos de múltiples maneiras, dende o golpeo dun tambor cunha baqueta ata a sacudida dun idiófono como pode ser unha maraca.
Moito máis percorrido ten a relación entre a música para percusión e a danza, xa que habería que remitirse a tempos ancestrais para encontrar as primeiras manifestacións de danzas de tipo ritual e cerimonial acompañadas por tambores. Dalgunha maneira pódese dicir que a percusión é en si mesma unha forma de danza que articulaban as mans do percusionista e que é capaz de crear música.
Deste xeito, o espectáculo Electric Counterpoint trata de tender pontes e establecer unha convivencia e diálogo entre manifestacións artísticas tan diferenciadas como poden ser os sons produto da síntese da electrónica, a danza contemporánea e sons orgánicos de naturezas acústicas tan diferentes como a dos diferentes instrumentos de percusión. Estas tres manifestacións artísticas (electrónica, danza e instrumentos de percusión en directo) articulan un discurso variado en canto ás situacións acústicas e visuais e ás linguaxes específicas de cada unha das obras, pero cunha traxectoria moi definida que culmina na obra do compositor norteamericano Steve Reich que dá título ao espectáculo.
Diego Ventoso
Monográfico Steve Reich
A grandeza de Steve Reich é un feito. A súa reputación como creador fundamental da música contemporánea está máis ou menos gravada en pedra. Na década de 1960 e 70 atopou unha solución rigorosa a un problema acuciante: como restaurar, tras un longo período de experimentación, os praceres básicos da harmonía estable e o pulso firme. Reich fíxoo dunha maneira que foi sen dúbida moderna e para nada nostálxica ou neo-romántica. Obras como Drumming, Music for 18 Musicians, New York Counterpoint ou You Are (Variacións) resoan limpamente a través das cavernas da mente, deixando ó oínte nun estado de desperto deleite. A influencia de Reich é enorme, de grande alcance fóra da composición clásica para abarcar ó jazz, rock, pop, música electrónica e hip-hop. Algúns días, cando recoñezo o eco deses brillantes patróns musicais nas bandas sonoras dos anuncios ou emerxendo dos altofalantes das discotecas, paréceme que vivimos nun mundo orquestrado por Reich.
Alex Ross
Escritor e crítico musical
Opening
Opening é unha viaxe ó mundo interior da muller a través da natureza e do son.
Baseándonos nesa percepción e formulando unha metáfora entre elementos da natureza como a auga, o aire, o lume e a terra e as diferentes fases da vida polas que pasamos as personas, preséntamos este traballo multimedia de música, danza, poesía e imaxe.
A Auga é a emoción, o nacemento….
O Aire é a liberdade verdadeira…
O Lume é a identidade, a paixón, o eu…
A Terra é a construcción, a solidez…
Alba Felpete
Poema electrónico
Poème Électronique, considerado o primeiro proxecto multimedia da historia da música, foi unha colaboración do arquitecto Le Corbusier co músico Edgard Varese para o pabellón da compañía Phillips con motivo da Exposición Universal de Bruselas de 1958. A súa mensaxe central celebraba o progreso e criticaba a bomba atómica e os campos de concentración.
Tratábase dunha creación audio-visual de música electroacústica na que as imaxes proxectábanse no interior de dito edificio e na que durante oito minutos experimentábanse todo tipo de sensacións visuais e sonoras coa proxección de films, diapositivas, iluminación de distintas cores, efectos de son e vibracións, todas elas acadadas mediante un auténtico alarde de medios técnicos (350 altofalantes, 20 amplificadores, cañóns de luz, proxectores, etc.) e onde a ruta espacial de cada efecto luminoso e sonoro fora calculada e manipulada con precisión.
Poème Électronique foi una complexa máquina que conseguíu unha síntese total da arte e tecnoloxía e onde a arquitectura foi, simultáneamente, forma, espazo, volumen, imaxe en movemento, cor, acústica e música, realizando, ó seu modo, o que xa anunciaran Wagner, Kafka, Ball, Leger, Duchamp e Schlemme: a obra de arte total. Hoxe en día, soamente pode interpretarse nunha versión aproximada, xa que a verdadeira peza pódese dicir que desapareceu co derruído pabellón Phillips.
Inspirándonos nesta obra e facendo un percorrido polo desenvolvemento posterior da música electrónicaelectroacústica e o uso que dela fixeron compositores con visións estéticas tan diferentes como os europeos Patrick Gallet, Jacob ter Veldhuis e Pierre Jodlowski, os americanos Steve Reich e Ben Hackbarth ou o australiano Martin Wesley-Smith, presentamos o espectáculo multimedia Poema electrónico.
Diego Ventoso
Monográfico John Cage
"Xamáis escoitei un son sen amalo, o único problema cos sons é a música". J. Cage.
Esta frase podería considerarse un resumo da esencia creativa de John Cage, sendo o seu legado de gran importancia no desenvolvemento da música posterior dos séculos XX e XXI. Dalgunha maneira, Cage redifiníu o significado da palabra música, revisando o papel do compositor, do intérprete, da peza musical, do son e do acontecemento musical.
Este programa monográfico é una pequena mostra do seu traballo que comeza e remata con dúas interpretacións que o propio Cage fixo das súa pezas Fontana Mix e Williams Mix. Ámbalas dúas foron compostas por medio de sistemas de azar e pódense interpretar en concerto a través de músicos en directo ou de gravacións de música electrónica. Asímesmo, tamén escoitaremos a interpretación que Cage fixo da súa obra Imaginary Landscape nº 1, a cal é considerada a primeira peza composta de música electrónica e un claro precedente dos concertos de música electrónica en vivo.
Da súa etapa máis temprana escoitaremos Composition for Three Voices, peza composta baixo a influencia de Schoenberg na que emprega series de 25 notas, unha evolución das técnicas seriais da 2ª Escola de Viena. As súas pezas para percusión, todas elas xa clásicos na literatura destes instrumentos, estarán representadas por Living Room Music, obra con gran ímpetu rítmico, humor, teatralidade e surrealismo, na que os percusionistas non empregan ningún instrumento convencional na súa interpretación.
En Dream —composta para ser coreografiada por Merce Cunningham—, na Suite for Toy Piano e en The Wonderful Widow of Eighteen Springs mostra a súa predilección pola música de Erik Satie, na que a música modal, as sonoridades suaves e a preponderancia da melodía son evidentes, deixando ben ás claras o dinamismo que sempre mantivo na súa carreira como compositor. A Suite for Toy Piano tamén mostra a desmitificación que fai dos instrumentos musicais, utilizando un piano de xoguete como medio para facer música melódica. Por último, escoitaremos Prelude for Meditation e Sonate V, dúas pezas para piano de preparado, instrumento que lle debe a Cage o seu nacemento e importancia na música dos s. XX e XXI.
Diego Ventoso
Monográfico Morton Feldman
Interésame a dimensión global de Rothko, que anula o concepto das relacións entre proporcións. Non é a forma o que permite á pintura emerxer; o descubrimento de Rothko foi o de definir unha dimensión global que sostén os elementos en equilibrio... Son o único que compón desta maneira, como Rothko: no fondo trátase soamente de manter esa tensión, ou ese estado, á vez xeado e en vibración…
Toda a miña xeración estaba obsesionada coa obra de 20-25 minutos. Ese era o noso reloxo. Todos o coñecíamos e o sabíamos manexar. En canto se abandona esa peza de 20-25 xorden os problemas para unha obra que ten un só movemento. Ata unha hora considérase forma, pero máis aló dunha hora pénsase en dimensión. A forma é algo doado, só consiste en dividir as cousas en partes, pero a dimensión xa é outra cousa. Hai que poder controlar a obra e isto precisa dunha especie de concentración aguda. Antes as miñas obras eran obxetos, agora son como cousas evolutivas.
Morton Feldman
Ouvir o espazo
«Partimos do son. De que é o son. De cómo cualificar o son. De cómo facer reverberar o son. De cómo o espazo compón o son. De cómo o espazo intervén na transformación do son. De cómo o son sucede no espazo, precisamemnte na dimensión combinatoria dos diferentes sons segundo as diferentes tipoloxías de espazo».
Estas reflexións eran publicadas por Luigi Nono en 1985 no seu ensaio De outras posibilidades de escoita. Dos sete enunciados dos que consta o parágrafo, catro manifestan unha absorvente preocupación polo espazo. Non foi un vicio exclusivo. De xeito similar nos grandes autores coetáneos —Xenakis, Boulez, Stockhausen, etc.—, volveranse cruciais aspectos como a espacialización, a resonancia ou a reverberación.
Estas razóns seguen a burbullar na obra actual de moitos creadores para os que, da ourivaría espacial de sons movéndose en sistemas multicanle ou dos efectos de inmersión sonora, abrolla un golpe de sentido capaz de totalizar o discurso. Por outra banda, a configuración arquitectónica dos espazos de recepción da música vai indefectiblemente ligada ao concepto sonoro de cada época e das súas agrupacións. Pero paralelismos entre música e arquitectura non rematan aquí: un vocabulario compartido que inclúe conceptos como plano, ritmo, estrutura, eixo ou emprego de ferramentas de cálculo matemático, testemuñan un entedemento entre ambas disciplinas que imos abordar coa colaboración do arquitecto Alfredo Sirvent.
Ramón Souto
Estocástico
Música e matemáticas, ondas sonoras e números en cadea, sentimento e lóxica, arte e ciencia. Mundos aparentemente opostos, pero capaces de encontrarse na mente de compositores que buscaron nos números unha maneira de achegarse á orde establecida na natureza, estruturando e construíndo todo tipo de arquitecturas sonoras.
Iannis Xenakis, como precusor, e outros compositores coma Karlheinz Stockhausen ou Alberto Posadas máis tarde, foron algúns dos que, a partir da segunda metade do S.XX e ata a actualidade, utilizaron diferentes teorías e fórmulas matemáticas para erixir as súas composicións, en contraposición a outras estéticas coetáneas que avogaban pola indeterminación na composición, simbolizadas por compositores coma John Cage.
Novas formas de pensar a música, novas maneiras de interpretala, busca de novos paradigmas...a música estocástica foi unha máis das correntes estéticas que naceron e se desenvolveron na segunda parte do s. XX e que enriqueceron o pensamento desbordante en dinamismo desta parte da historia.
Diego Ventoso
Cinematic Counterpoint
Cinematic Counterpoint é un espectáculo colaborativo de música, danza e vídeocreacións no que cada manifestación artística ábrelle portas de novos ámbitos creativos ás demais. É así, nesta sorte de retroalimentación, que a música de Pablo Beltrán, Philip Glass e Steve Reich semella adquirir unha aura visual cos movementos da cada coreografía, dimensión que podería denominarse como «cinemática» e que seríalle inalcanzable por si soa. Do mesmo xeito, poñendo o prisma no lado oposto, a danza acada un estado sonoro, coma se cada movemento implicase un xiro melódico ou unha acentuación rítmica. Unha terceira dimensión ou capa de percepción é aportada polas vídeocreacións que, dalgunha maneira, reinterpretan todo o conxunto.
Diego Ventoso
Rock Influence
¿Onde está a fronteira entre a chamada música culta e a música popular? ¿Existen entre elas liñas divisorias que actúen coma valos de «non relación»? A historia dinos que os diferentes estilos e xéneros da música popular retroalimentáronse entre si para dar lugar á aparición doutros novos, ocorrendo o mesmo no ámbito da música clásica. Da mesma forma, o mesmo tipo de intercambio levouse a cabo entre compositores e músicos populares, sendo esta a proba de que a música non evoluciona nunca baixo consignas ou ideas herméticas.
Rock Influence é unha mostra das diferentes formas nas que ambos mundos poden relacionarse: dende a música fusión con influencias do jazz de Pepe Evangelista, ata as explícitas progresións harmónicas, melodías pegadizas e ritmos sinxelos case pop de Omphalo Centric Lecture, pasando polos procesos de abstracción cos que Christian Lauba introduce elementos do hard rock e do soul en Hard. Por último, este programa inclúe unha peza minimalista como In C de Terry Riley que, na interpretación do grupo In Black Cage Ensemble, adquirirá a forza e enerxía dun tema de música rock.
Diego Ventoso
Opening
Opening é unha viaxe ó mundo interior da muller a través da natureza e do son.
Baseándonos nesa percepción e formulando unha metáfora entre elementos da natureza como a auga, o aire, o lume e a terra e as diferentes fases da vida polas que pasamos as personas, presentamos este traballo multimedia de música, danza, poesía e imaxe.
A Auga é a emoción, o nacemento….
O Aire é a liberdade verdadeira…
O Lume é a identidade, a paixón, o eu…
A Terra é a construcción, a solidez…
Alba Felpete
Seven Colours Extensions
Toda vida, incluídos nós mesmos, é unha enerxía vital que vibra en diferentes graos no noso organismo. Hai quen di que incluso a Terra ten os seus chakras. Esta enerxía pasa desapercibida a maior parte das veces. Estas forzas ou enerxías percorren o noso corpo e os nosos órganos; reciben o nome de Chakra, en sánscrito, que significa roda ou vórtice enerxético. Cada vórtice afecta a diferentes áreas do noso corpo, órganos, glándulas, facultades, emocións… e asóciase a unha cor e a un elemento. Por todo o noso corpo prodúcese unha danza enerxética entre as rodas de enerxía. É todo un sendeiro vital interno.
A nosa proposta é exactamente iso: unha viaxe espiritual a través do espertar enerxético dos nosos vórtices, mediante a danza, o son e a cor. Cada peza, un chakra, unha virtude, un desafío, un desbloqueo, unha curación, e a comporta ábrese para pasar a outro rincón interior...pequeno no corpo quizais, enorme no seu significado vital.
Alba Felpete
Moving into a New Age
Ionisation de Edgar Varèse, Sonata para dous Pianos e Percusión de Béla Bartók, First Construction in Metal de John Cage, Pleiades de Iannis Xenakis e Drumming de Steve Reich: aquí temos cinco das obras máis importantes xamais escritas para percusión. Compostas todas elas no século XX e sendo este o da eclosión da percusión como vehículo fundamental para a expresión de novas ideas musicais, ben poderían formar parte tamén todas elas dunha lista de obras claves deste período histórico.
Extremadamente sinxela na súa concepción e nos seus conceptos compositivos, a innovación, trascendencia e xenialidade de Drumming veñen do prisma que, con absoluta modernidade, Reich utilizou para transformar ideas claramente asociadas ás orixes máis ancestrais da percusión, nunha música totalmente nova e xenuína que, á vez, estaba fóra das estéticas experimentais en voga nese momento na Norteamérica herdeira dos postulados de John Cage.
De maneira natural, pronto xurdiu a conexión entre a música de Reich e a danza contemporánea da man de coreógrafas como Laura Dean ou Anne Teresa de Keersmaeker, formando unha unión inevitable dadas as reminiscencias que esta música encontra na orixe primitiva da percusión e no cruce de camiños que sempre houbo entre este tipo de expresión instrumental e as danzas de tipo ritual.
É así que hai algo de máxico en Drumming, quizais orixinado nese tremendo caudal enerxético que a percorre de principio a fin e que invita irremediablemente a imaxinar movementos, crealos e plasmalos dunha maneira artística e fermosa.
Diego Ventoso
Resonancias en movemento
Duración, intensidade, altura e timbre: estes son os catro parámetros do son como fenómeno acústico considerados e estudados tradicionalmente. Pero a estas catro cualidades hai que engadirlles unha máis, que toma vida e emerxe no contexto dunha sala ou espazo concreto: a resonancia.
Resonancias en Movemento é un espectáculo de música e danza que reflexiona sobre as diferentes formas nas que a resonancia pode ser tratada e abordada, así como os reflexos que poden inspirar na danza. Dende as reverberacións naturais do son dun vibráfono ou dunha lira nos Postludes de Elliot Cole e en Evensong de Stuart Saunders Smith, ata complexas técnicas de retardo-delay electrónico creadas con sistemas dixitais en Hinchinbrook Riffs ou en Diving Bell, pasando por diferentes formas texturais creadas pola mente de compositores que sentiron fascinación por esta máxica cualidade do son, tanto música como danza camiñarán xuntas na busca dunha sinerxía que converta sensacións paralelas —ondas sonoras e movementos— nun todo máxico.
Diego Ventoso
The Mathematics of the Resonant Bodies
The Mathematics of the Resonant Bodies é un espectáculo de música e danza onde a composición coreográfica está imbricada na composición musical. Tomando as ideas presentes na peza musical de expansión e contracción, maior ou menor densificación, aumento e disminución de volume e aceleración e retardo rítmico, na danza utilizamos o espazo, as dinámicas do movemento, as enerxías e a respiración para representar estes conceptos. Tamén deixamos que as auras sonoras presentes na electrónica atravesen os corpos e produzan un eco neles, visible ou tan só sensible.
The Mathematics of the Resonant Bodies é unha creación que nos achega ó universal, dende o máis pequeno ata o máis grande. Son movementos e fenómenos que unen e conectan a todo ser vivo: básicos, fortes, terrestres ou cósmicos.
Alba Felpete
Perspectiva Amércica
O mundo da música contemporánea nos Estados Unidos de América é un enorme laberinto onde conflúen e diverxen numerosos estilos que van dende o posromantismo de compositores coma Samuel Barber ata o minimalismo de Philip Glass, pasando por aportacións máis persoais de figuras coma Morton Feldman e George Crumb.
Nesta perspectiva do panorama musical americano tamén estarán presentes dous compositores europeos coma Kurt Weill, compositor exiliado a este país por causa da represión nazi en Alemaña, e Pierre Jodlowski, creador da vangarda actual europea que asimilou algúns dos postulados do minimalismo americano.
Diego Ventoso
Six Japanese Gardens
A fascinación de Occidente cara as diferentes culturas orientais data de tempos ancestrais. Como consecuencia diso, no ámbito musical moitos compositores europeos encontraron nas diversas manifestacións artísticas asociadas a esas culturas e nas súas correntes filosóficas unha forte inspiración.
Six Japanase Gardens é un espectáculo de música, danza e pintura en vivo inspirado e concibido a partir dun dos símbolos máis significativos da cultura xaponesa: o círculo. Alegoría da iluminación, da forza, da elegancia, do universo ou do baleiro, nel encontramos a estrutura sobre a cal construír un relato no que cada peza semella xurdir da anterior, nun proceso permanente non de alineación, senón de transformación ou desfiguración continua e na que, coma no trazo que pecha o círculo, a última peza semella rematar no mesmo punto que comezou a primeira.
Diego Ventoso
Orixes
A música popular foi dende sempre unha das principais fontes de inspiración para compositores doutras músicas, extraendo dela, a través do seu estudo, os seus xiros melódicos e harmónicos e a súa esencia co obxectivo de crear algo máis aló por medio da abstracción das súas linguaxes persoais. Da mesma maneira, pódese dicir que o mesmo paralelismo se produciu no mundo da danza con coreógrafos e coreógrafas de danza contemporánea asimilando para si elementos das danzas populares de todas as culturas.
Orixes é un espectáculo de música e danza concibido en dúas metades na que catro pezas populares e outras tantas contemporáneas se reflicten mutuamente a través dun espello do tempo na procura de que unhas encontren nas outras os seus rizomas.
Diego Ventoso
Olladas no tempo
O espectáculo de música e danza contemporánea Olladas no Tempo propón un retrato da creación artística actual na Península Ibérica que mira ó pasado en busca dos seus rizomas, establecendo desa forma diferentes tipos de conexións entre a música antiga e a contemporánea.
A partir desta idea, preséntanse catro creacións actuais dos compositores Polo Vallejo, María Mendoza, Uxío Domínguez e João Pedro Oliveira e outras catro de compositores de diferentes épocas como Francisco Tárrega (s. XIX), Joan Baptista Comes (s. XVII), Tomás Luis de Victoria (s. XVI) e os do Llibre Vermell de Montserrat (s. XIII–XIV), plantexando así unha viaxe estilística de ida e volta na que a danza incidirá en aportar novos significados a esta relectura do pasado e presente.
Diego Ventoso
Conversando con J. S. Bach
Conversando con J. S. Bach propón un diálogo aberto entre catro compositores actuais e o gran xenio alemán a través dalgúns dos xéneros que máis cultivou como a sonata a trío, a sinfonía para teclado, o coral e a fuga.
Considerado por moitos como o pai da música erudita occidental, o estudo da obra de Johann Sebastian Bach ofrece a cada xeración de compositotes novas perspectivas, así como unha fonte inesgotable de inspiración creadora, sendo este un legado tan inabarcable como a propia riqueza da súa vasta produción.
Diego Ventoso
Música para 18 músicos
Música para 18 músicos foi unha proposta pedagóxica desenvolvida por Cardinais - Academia Internacional Vertixe Sonora 2022 en xullo, agosto e setembro dese ano. Co patrocinio do Auditorio de Galicia e a colaboración do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, este proxecto enfocouse na preparación e interpretación da lexendaria peza de Steve Reich Music for 18 Musicians, a cal foi interpretada por un grupo de estudantes o 4 de setembro de 2022 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, sendo esta a súa estrea en Galicia.
Diego Ventoso
Universo Reich
Universo Reich é un proxecto pedagóxico colaborativo desenvolvido por alumnado de escenografía e deseño audiovidual, danza contemporánea e música da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón, do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e de Cardinais - Academia Internacional Vertixe Sonora 2022/2023, respectivamente.
Tomando como punto de partida a lexendaria peza musical de Steve Reich Music for 18 Musicians e a través da metodoloxía Art Thinking, dito alumnado levou a cabo unha proposta artística propia coa coordinación do profesorado das tres institucións en diferentes sesións de traballo conxunto e individual. A creación resultante foi presentada no Auditorio Gustavo Freire de Lugo, frutificando desta forma unha experiencia artística sen precedentes no ámbito educatico galego.
Diego Ventoso