A grandeza de Steve Reich é un feito. A súa reputación como creador fundamental da música contemporánea está máis ou menos gravada en pedra. Na década de 1960 e 70 atopou unha solución rigorosa a un problema acuciante: como restaurar, tras un longo período de experimentación, os praceres básicos da harmonía estable e o pulso firme. Reich fíxoo dunha maneira que foi sen dúbida moderna e para nada nostálxica ou neo-romántica. Obras como Drumming, Music for 18 Musicians, New York Counterpoint ou You Are (Variacións) resoan limpamente a través das cavernas da mente, deixando ó oínte nun estado de desperto deleite. A influencia de Reich é enorme, de grande alcance fóra da composición clásica para abarcar ó jazz, rock, pop, música electrónica e hip-hop. Algúns días, cando recoñezo o eco deses brillantes patróns musicais nas bandas sonoras dos anuncios ou emerxendo dos altofalantes das discotecas, paréceme que vivimos nun mundo orquestrado por Reich.
Alex Ross
Escritor e crítico musical
PROGRAMA:
Steve Reich Piano Phase (1967) 2 pianos e 2 marimbas
Steve Reich Clapping Music (1972) palmas
Steve Reich Music for Pieces of Wood (1973) claves
Steve Reich Electric Counterpoint (1987) marimba, vibráfono, cinta magnética e danza
A relación entre instrumentos acústicos e a electrónica ten xa un longo percorrido na música clásica-contemporánea. O desenvolvemento da música electroacústica e electrónica incidiu na exploración de novos recursos instrumentais e dunha escritura idiomática, incrementando e dándolle sentido a todas as posibilidades acústicas dos instrumentos musicais, de xeito que conviven e interaccionan morfoloxías sintéticas (sons electrónicos) e orgánicas (sons producidos por instrumentos musicais tradicionais). No caso da percusión, estes sons poden ser producidos de múltiples maneiras, dende o golpeo dun tambor cunha baqueta ata a sacudida dun idiófono como pode ser unha maraca.
Moito máis percorrido ten a relación entre a música para percusión e a danza, xa que habería que remitirse a tempos ancestrais para encontrar as primeiras manifestacións de danzas de tipo ritual e cerimonial acompañadas por tambores. Dalgunha maneira pódese dicir que a percusión é en si mesma unha forma de danza que articulaban as mans do percusionista e que é capaz de crear música.
Deste xeito, o espectáculo Electric Counterpoint trata de tender pontes e establecer unha convivencia e diálogo entre manifestacións artísticas tan diferenciadas como poden ser os sons produto da síntese da electrónica, a danza contemporánea e sons orgánicos de naturezas acústicas tan diferentes como a dos diferentes instrumentos de percusión. Estas tres manifestacións artísticas (electrónica, danza e instrumentos de percusión en directo) articulan un discurso variado en canto ás situacións acústicas e visuais e ás linguaxes específicas de cada unha das obras, pero cunha traxectoria moi definida que culmina na obra do compositor norteamericano Steve Reich que dá título ao espectáculo.
Diego Ventoso
PROGRAMA:
Pierre Jodlowsky Time & Money (2004/2006) percusión, electrónica e video-proxección
Daniel Almada Linde (1994) vibráfono e electrónica
Javier Álvarez Temazcal (1984) maracas e electrónica
Gary Berger Spins (2003) percusión e electrónica en vivo
Steve Reich Electric Counterpoint (1987) marimba, vibráfono e electrónica
O termo minimalismo foi tomado das artes visuais para describir un estilo de composición caracterizado pola utilización dun vocabulario musical intencionadamente simplificado a nivel rítmico, melódico e harmónico. Xurdíu nas décadas de 1960-1970 nos Estados Unidos como un antídoto contra o arte modernista representado na música polo serialismo integral de Boulez e Stockhausen e a indeterminación de Cage, pero débelle máis á arte non occidental -oriental e africana-, ó jazz e ó rock que ó modernismo do s. XX ou a calqueira outra estética musical.
As influencias máis notables da música oriental no minimalismo son a simplicidade do material musical, o predominio das suxerencias veladas sobre a clara expresividade e o fomento dunha resposta de observación pasiva no oínte en lugar dunha implicación activa. A música desprégase lentamente sobre extensións de tempo amplias sen ningún acontecemento dramático nin sobresaínte.
Co obxectivo de ser máis accesible que a modernista, a música minimalista é abertamente tonal ou modal onde a modernista é atonal, ritmicamente regular e contínua na que a modernista é aperiódica e fragmentada, estrutural e texturalmente simple onde a modernista é complexa. Entre os compositores máis destacados da estética minimalista encontramos a La Monte Young, Terry Riley, Philip Glass e Steve Reich.
Diego Ventoso
PROGRAMA:
Philip Glass Opening (Glassworks) (1982) piano e marimba
Philip Glass 1+1 (1967) mesa amplificada
Terry Riley In C (1964) grupo instrumental