«Hai un paradoxo profundo e interesante na colaboración produtiva. As capacidades individuais de cada participante adquiren máis profundidade, ó mesmo tempo que estes descobren os beneficios da reciprocidade. Pero o éxito das colaboracións produtivas precisa tempo e esforzo sostidos. Require a formación dunha linguaxe compartida, os praceres e os riscos do diálogo honesto e a busca dun terreo común.
Nos esforzos colaborativos aprendemos uns dos outros. Ó ensinar o que sabemos, participamos nunha apropiación mutua. Nas asociacións vémonos a través dos ollos dos demais e a través do seu apoio atrevémomos a explorar novas partes de nós mesmos. Podemos vivir mellor cos fracasos temporais se nos apoiamos nos puntos fortes dos nosos compañeiros. Ó unirnos a outros, aceptamos o seu don de confianza e, grazas á interdependencia, alcanzamos a competencia e a conexión. Xuntos creamos o noso futuro».
Vera John-Steiner
Creative Collaboration (2000)
Estes parágrafos da investigadora Vera John-Steiner definen á perfección a intención, o espírito e a filosofía dos proxectos pedagóxicos presentados neste blog. Así, partindo da colaboración como metodoloxía básica para a creación de produtos artísticos orixinais, esta converteuse tanto no motor principal das accións desenvolvidas como nun método de aprendizaxe para todos os participantes. Podo dicir, polo tanto, que os procesos colaborativos foron en si mesmos un medio e unha finalidade.
Máis aló destas reflexións e xa dende unha perspectiva máis persoal, penso que estas colaboracións serviron, de certa maneira, para facer realidade algúns dos anhelos que un grupo de profesores tiñamos en relación coas implicacións que para nós ten estudar unha arte escénica. Estes desexos concretáronse en proxectar no noso alumnado unha actitude non só académica respecto dos seus estudos, senon tamén proactiva, aportándolles os instrumentos e as plataformas para expresarse artísticamente. Por iso, é honesto recoñecer que o tempo e esforzo postos nestes proxectos partiron, en gran medida, dunha necesidade profesional.
Especial mención pola súa trascendencia merecen o primeiro proxecto levado a cabo en 2010 e o último en 2023, constatándose no percorrido desenvolto entre ambos un crecemento continuo en todos os sentidos. Mostra diso foi, en efecto, o espectáculo Universo Reich, proposta que tomou como punto de partida a lexendaria peza de Steve Reich Music for 18 Musicians. Neste caso, a través da metodoloxía Art Thinking, 12 profesores e máis de 100 alumnos de escenografía, deseño gráfico, técnicas audiovisuais, fotografía, danza contemporánea e música presentaron unha acción artística colectiva dunha envergadura sen precedentes no ámbito educativo galego.
Finalmente, só me queda reflexar o meu máis sincero agradecemento e recoñecemento a tod@s @s compañeir@s colaboradores de música, danza e outras especialidades artísticas do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, Cardinais - Academia Internacional Vertixe Sonora e Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, así como ás propias institucións, ó alumnado participante, ás súas familias e ós técnicos axudantes en cada unha das actuacións levadas a cabo. A tod@s el@s, cunha mención especial a José Ramón Saborido polo seu apoio e infinita xenerosidade á hora de facer realidade este espazo web, un enorme GRAZAS.
Diego Ventoso Fernández
"Ao longo destes 13 anos participei en numerosas ocasións nos proxectos colaborativos co Conservatorio de Danza e a Escola de Deseño Ramón Falcón de Lugo baixo a dirección de Diego Ventoso, e diría que aprendín doutras formas de traballo e de creación artística que antes descoñecía. Levo comigo moitas ideas sobre todo en canto á escenografía".
"Formar parte deste proxecto dende estudante ata a actualidade axuda a completar unha formación musical que vai máis aló do interpretativo, pasando polas diferentes fases do proceso.
Interactuar coas diferentes disciplinas artísticas en cada proxecto serve para reforzar o valor de todas elas no individual e amosar o potencial que teñen cando conflúen".
"Tiven a enorme fortuna de poder gozar deste proxecto ao longo de todos estes anos como espectador, intérprete e docente de participantes.
Mire dende onde se mire, só poido sacar conclusións positivas: a promoción e difusión da arte contemporánea, o enriquecemento na oferta cultural da cidade de Lugo, a oportunidade de que o alumnado dos centros de réxime especial da nosa cidade (CMUS, CDAN e EASD) tivesen a oportunidade de participar de forma conxunta en proxectos nos que conflúen as distintas disciplinas que neles se imparten e poder tamén experimentar o feito de participar en espectáculos cunha produción profesional.
O que en teoría debería ser algo habitual, xa que o feito de colaborar e traballar en conxunto para acadar un producto artístico que posteriormente se poida amosar ao público é algo intrínseco ás nosas ensinanzas, por desgraza convértese en algo extraordinario que depende do esforzo e iniciativas individuais.
Só me queda dar as grazas a Diego Ventoso polo seu pulo, traballo e esforzo ao longo de todos estos anos, e tamén dicir que ogallá algún día as autoridades responsables de desenvolver os currículos das distintas ensinanzas, especialmente as de réxime especial, sexan conscientes destas necesidades e inclúan neles estes aspectos para que a formación do noso alumnado sexa íntegra e axustada á realidade".
"A creación destes proxectos colaborativos está a enriquecer a vida musical da nosa contorna e enmarca unha serie de oportunidades artísticas nas que é unha honra e un pracer poder aportar.
Dende o meu punto de vista, a investigación realizada para cada proxecto leva ao descubrimento de novas liñas, novas sensacións de vivir nun espazo onde comeza algo eminentemente valioso, onde se pode demostrar que se pode gozar amando tanto o pasado como o futuro, algo que fai falta nunha cidade que quere sentir a arte.
Asimesmo, como reto, o seu valor artístico e educativo conforman un proceso non exento de dificultades procedentes de ámbitos totalmente inesperados e que aumentan, se cabe, este mérito. Sobre eles sobrevoa a importancia da valentía e do esforzo persoal e colectivo, deixando unha impronta que será plenamente comprendida no futuro pola maioría dos axentes e interlocutores.
Dende aquí desexo longa vida a estes proxectos artísticos colaborativos".