A tradición musical oral galega foi recollida por investigadores como o estadounidense Alan Lomax, que estivo nos anos 50 en Val do Dubra, ou a suíza Dorothé Schubarth, que gravou na Paínza, en Numide (Tordoia) algunhas pezas para o seu monumental Cancioneiro Popular Galego.
Nos anos 80 empezou a chegar xente entusiasta das recollidas de cantos e bailes ata Monzo, Xavestre ou Restande. Ese patrimonio inmaterial, transmitido de xeito oral nas fiotas, nas esfolladas e as ruadas dos pallotes, axiña pasou a formar parte dos grupos de música e baile tradicional de todo o país, asegurando así a súa pervivencia.
Algunhas melodías popularizáronse da man do xa desaparecido Berrogüetto, con Xabier Díaz e Guadi Galego poñendo voz aos Cantos de Monzo en 1992, ou da orquestra folc Sondeseu, que versionou a Rumba de Monzo en 2003. Dende 1979, a Asociación Cultural Os Xeitosos de Trazo. traballa por preservar e difundir este legado. Recentemente, neste primavera de 2025, o mesmo Xabier Díaz publicou o Cancioneiro Galego Serodio, un libro onde escolma coplas das súas recolleitas. Monzo ten un lugar destacado no libro, así coma no CD que o acompaña, onde incluíu un cantar, unha muiñeira e unha rumba de informantes desa parroquia. Ademais das corenta coplas, inclúe unha pequena historia do día da recollida e unha foto das tres cantareiras máis coñecidas: Maruxa de Noia, María de Fraga e Lela de Rosa, ás que acompañaba Hermosinda Seoane cos seus aturuxos inesquecibles.