son do pallote
recollida de música vocal tradicional
CPI Viaño Pequeno
CPI Viaño Pequeno
O Día das Letras Galegas 2025 está dedicado á poesía popular oral, representada por mulleres como Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e as pandeireteiras de Mens: Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda.
Ese tesouro cultural perviviu nas nosas aldeas durante xeracións, adquirindo aquí unhas características propias que o singularizan entre o repertorio galego.
O CPI Viaño Pequeno quere contribuír a esta tarefa de posta en valor e difusión. Así, o departamento de Música e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega 'Trazos' decidimos poñer en marcha este proxecto Son do pallote, recompilando máis de trescentas coplas populares, recollidas en 2002 polo alumnado de Música de 4º de ESO. Das dez cintas conservadas, nove son voces femininas. Aquí aparece unha selección dos audios de cada cantareira.
Estes audios e os traballos escritos foron entregados ao Museo do Pobo Galego, onde serán accesibles a toda a cidadanía a través do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI). A mellor homenaxe ao alumnado que o recompilou e, sobre todo a estas mulleres e un home que cantaban ante a gravadora, é escoitar, compartir e manter viva a tradición.