Patrimonio etnográfico material

Co despoboamento dunha aldea, quizais sexa o patrimonio etnográfico material o que acusa as consecuencias máis visibles do abandono: valados derruídos, camiños intransitables pola matogueira, muíños apeados nos que o rodicio deixa de bailar ao son das augas, fornos que non fumegan para levar polo aire o arrecendo do pan levedado, hórreos inutilizados porque as leiras xa non producen cereal e vivendas, cuxa fasquía foi sendo forxada cun evidente sentido estético  por moitas xeracións de canteiros, que comezan a esborrallarse. Distintos elementos dun patrimonio que no caso de Remesar pretendemos retratar a través de fotografías e vídeos, analizar e valorar nesta sección, posto que, á parte do valor estético que posúen, forman parte da paisaxe natural e humana que estudamos neste proxecto.