Cartografía, paisaxe, Flora e Fauna

Nesta sección aprenderemos a manexar distintas ferramentas cartográficas, que nos axuden a interpretar a paisaxe de Remesar e que permitan aplicar os coñecementos de áreas científicas como as matemáticas. Tamén aprenderemos a identificar as principais especies de fauna e flora que conforman o seu contorno, destacando a importancia da súa conservación e a utilidade que tiñan moitas destas especies para os antigos habitantes da aldea. 

Visualizador de Mapas da Xunta de Galicia  (aplicación que permite o acceso aos servizos de visualización, consulta e análise de información xeográfica de Galicia )

O alumnado de Primaria, coa axuda do seu profesorado e das fontes bibliográficas existentes, elaboraron estes dous artigos sobre a flora e fauna da zona. Na saída tivemos a oportunidade de buscar algúns dos exemplares dos que se fala neles.

FLORA DA ZONA DE REMESAR

No artigo “O medio de Rodeiro” de Cristina Guzmán López e José Manuel Taboada Faílde, incluído no libro Rodeiro, unha terra con historia, coordinado por Xoán Carlos García Porral, analízanse, entre outros aspectos, a flora e fauna do concello de Rodeiro; no que ao noso propósito concerne, interésannos as verbas que se recollen na páxina 31 “Segundo a clasificación corolóxica de Rivas Martínez, o concello de Rodeiro enclávase no subsector lucense do sector galaico-asturiano, pertencente á provincia cántabro-atlántica da Rexión Eurosiberiana. Segundo esta clasificación Rodeiro enmárcase dentro da asociación Rusco aculeati-Quercetum roboris, correspondente a unha carballeira termófila galaico-portuguesa de tránsito entre o bosque caducifolio atlántico e o dominio dos bosques mediterráneos e ocupa o piso colino”.

Con estes datos, na zona de Remesar, temos un sotobosque arbustivo con ericáceas como as uceiras (Erica arborea), silverdeira (Rucus aculeatus) ou o espiño (Crataegus monogyna). Así mesmo, desenvólvense as matogueiras, compostas por silvas (Rubus lusitanus), toxos (Ulex europeaus), xestas (Cytinus striatus) e fentos (Pteridium aquilinum).

Nas beiras do río Arnego abundan os ameneiros (Almus glutinosa), en convivencia con especies como os salgueiros (Salix atrocinerea), os bidueiros (Betula alba), e os freixos (Fraxinus excelsior)..

Xa en lugares maís secos conviven carballos (Quercus robur) e castiñeiros (Castanea sativa) formando soutos, cuxa leña é usada para quentar oss fogares dos habitantes da parroquia.


FAUNA DA ZONA DE REMESAR

Polo que respecta á fauna da zona de Remesar, esta, ao igual que no resto de Rodeiro, presenta unha gran variedade que esperta a curiosidade de naturistas e amantes do deporte da caza e da pesca.

Abundan aves comúns a outras zonas do concello, como os merlos (Turdus merula), pegas (Pica pica) perdices (Alectoris rufa), corvos (Corvus Corax), bubelas (Upupa epops), xílgaros (Carduelis carduelis), pardais (Passer domesticus), andoriñas (Hirunda rustica). Entre as aves nocturnas está o moucho galego (Athene noctua) e a coruxa (Tyto alba).

Dentro das rapaces, abundan o azor (Accipiter gentilis), o falcón peregrino (Falco peregrinus) e o lagarteiro peneireiro (Falco tinnunculus); no subgrupo das zancudas destacan a garza real (Ardea cinerea) e a cegoña (Ciconia ciconia).

Nas augas do Arnego atópanse especies como as troitas (Salmo trutta fario), as máis abundantes porque as augas son de calidade e están ben osixenadas; tamén vemos anguías (Anguilla anguilla), escalos (Squalus caroliternii) e os peixes (Rutilus arcasii).

Dentro dos anfibios, obsérvanse ras verdes (Rana perezi) e salamántigas, tanto a rabilonga (Chioglossa lusitánica) como a pinta con manchas (Salamadra salamadra).

Aínda viven polos montes de Carboentes depredadores mamíferos como o lobo (Canis lupus), relacionado con ataques ao gando bovino e ovino; o raposo (Vulpes vulpes), a donicela (Mustela nivalis), o porco teixo (Meles meles) ou a xineta (Genetta genetta).

Hoxe en día unha das especies que máis estragos está a producir nos cultivos, ao non ter que comer nos montes, é o xabaríl (Sus scrofa).