PROXECTA REMESAR

O concello de Rodeiro enfróntase, como outros moitos da Galicia rural do interior, a un problema de envellecemento e sangría demográfica con graves consecuencias ambientais, económicas, sociais e culturais que deixan pegada na paisaxe física e humana que nos rodea. Desde a escola non debemos obviar esta realidade, senón poñer os medios para que o noso alumnado, que padece este problema, analice as causas que orixinaron esta situación, se decate das consecuencias dela e investigue posibilidades para revertela.

Por iso, un grupo de docentes do CPI de Rodeiro, de distintos niveis educativos, quixemos solicitar este curso un proxecto educativo interdisciplinar que versase sobre este tema. Non foi difícil, lamentablemente, concretar o tema, pois a ben poucos quilómetros do centro aparecen ben visibles os sinais deste problema demográfico: a través dalgúns dos nosos alumnos, que teñen as súas raíces familiares alí, coñecemos a existencia dunha aldea abandonada chamada Remesar, na parroquia de Carboentes, situada nas inmediacións da serra do Faro, zona declarada Rede Natura. Os muros ocultos polas silvas, os camiños desdebuxados pola ausencia do tránsito por eles e o silencio dos muíños pechados parece que camiñan vencidos cara a un inexorable esquecemento daqueles tempos en que estiveron habitados. Esta aldea, afastada das vías principais de comunicación do concello, parece envergoñarse deste abandono e resígnase a permanecer desde o anonimato na lista dos núcleos rurais que están catalogados en Galicia como deshabitados.

Por iso cremos na idoneidade de levar a cabo este curso este proxecto educativo, baixo o paraugas dun Plan Proxecta de Paisaxe e Sustentablidade, que faga que o alumnado sexa consciente da necesidade de cuestionar esta inercia.