Microtoponimia

A dispersión da poboación favoreceu que Galicia sexa un dos territorios con máis riqueza toponímica. Os microtopónimos conformaron ao longo de séculos a cartografía emocional de todas aquelas persoas que vivían en aldeas que funcionaban como entidades autárquicas, das que apenas se saía posto que fornecían de todo aquilo que se precisaba para a subsistencia. Eses nomes de lugar que día a día tanto se pronunciaban nesas aldeas albergan un tesouro de lembranzas en todos aqueles que habitaron eses espazos. Ofrecen información valiosa, ademais, sobre distintos elementos da paisaxe, da flora, da fauna, da orografía.... Desexamos manter vivo ese tesouro e axudarlle ao alumnado a descifrar a información que garda. Por iso decidimos incluír como actividade do Plan Proxecta  a nosa participación no proxecto “Galicia Nomeada”, unha web que xeorreferencia a microtoponimia de Galicia e axuda a interpretala  a través de distintos arquivos de son, imaxes e texto. Nela, coa axuda dos antigos habitantes de Remesar, rexistraremos e analizaremos os microtopónimos desta aldea. 

Galicia Nomeada  (plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela )

Todo o alumnado, preguntando a familiares e veciños foi quen de traer microtopónimos que fomos incorporando a este proxecto.