A San Andrés de Teixido: “vai de morto o que non foi de vivo”.
Todos sabemos que o que non vaia a San Andrés de Teixido vivo, terá que ir de morto en forma de insecto ou réptil. Din que por iso é obrigada a visita ao templo. “ A San Andrés de Teixido, vai de morto quen no foi de vivo”, é por iso que no seu camiño atopamos moi diversos animais: cobras, lagartos, paxaros, bolboretas. Nestes van as almas daqueles que non fixeron a peregrinación de vivos. Quen os atopa no camiño non debe danalos para que poidan chegar ao seu destino.
Hai varias lendas que falan de San Andrés:
Conta unha lenda que San Andrés estaba triste, xa que o seu templo se encontraba solitario e contaba con moi pouca devoción, en contraposición ao de Santiago Apóstolo, que estaba moi cheo de xente e de fe, co cal pediulle axuda ao Señor. Un día, apareceu o Todopoderoso en compañía de San Pedro. Ao ver a San Andrés tan desanimado prometéronlle que ao seu templo acudirían todos os mortais, e aquel que non o fixera de vivo, faríao despois da súa morte reencarnado nun animal. Así foi como o santuario de San Andrés de Teixido, tamén chamado San Andrés de Lonxe ou San Andrés do cabo do mundo, converteuse no segundo centro de peregrinación de toda Galicia e é considerado como a Meca dos galegos.
Conta outra lenda que San Andrés afundiu a súa barca nos cantís converténdose nunha rocha que hoxe se coñéce como a barca de San Andrés. Por iso, Deus concedeulle este santuario.
Barca de San Andrés
Di outra lenda, que os romeiros tiñan o costume de tirar unha pedra nos amilladoiros, ou milladoiros, que se encontraban a ambos lados do camiño. As pedras "falarán" no Xuízo final para dicir quen cumpriu coa promesa de ir a San Andrés e darán testemuño do cumprimento do camiño feito polo peregrino. Outros cren que as pedras do milladoiro representan o purgatorio cheo de almas que se atopan alí por non cumpriren un ofrecemento feito na vida.