En San Andrés están presentes costumes moi antigos que chegaron ata nós, destacando a herba de namorar, as figuras de miga de pan, a fonte dos tres caños, o culto ao apóstolo e a peregrinación ata o seu santuario ( a romaría).
A HERBA DE NAMORAR:
Relaciónase co rito da fecundidade. A herba é unha planta que abunda pola zona e serve para conseguir parella. Para iso, teremos que meter no peto da persoa amada, unha ramiña desta herba.
A FONTE DOS TRES CAÑOS E AS FIGURAS DE MIGA DE PAN (SANANDRESES):
Segundo a lenda, o manancial nace debaixo do altar maior do santuario e as súas augas son moi boas para curar enfermidades da pel. A auga sae por tres caños e hai que beber dos tres. Tamén se poderán mollar panos na auga para poñelos nas verrugas e nas manchas da pel para podelas eliminar, deixándoos, despois, a “secar el mal” nas árbores.
Realízanse peticións e bótanse as migas de pan na pía da fonte para pescudar se esas peticións se van cumprir: se as faragullas de pan flotan , serán cumpridas; pero, se se afonden non é unha boa predición. Segundo outra versión, se a miga de pan flota, o romeiro volverá, ao menos, unha vez máis a San Andrés. Se polo contrario, a miga cae ao fondo, é que ese mesmo ano será o último na vida da persoa. Por esta razón, a fonte leva tamén o nome da “Fonte da morte e da vida”
A xente de Teixido, os paisanos, nas súas tendas e postos de “souvenirs”, ás portas das súas casas, encárganse de manter vivas as tradicións de San Andrés de Teixido, regalando ramiños de “herba de namorar” e vendendo os amuletos de cores vivas chamados “sanandreses” que eles mesmo fabrican con miga de pan endurecida ao forno.
Cada figura ten un significado: a flor acompañaranos no amor, a man pedirá que nos vaia ben nos estudos, a sardiña coidará de que non nos falte alimento, a barca protexeranos nas viaxes, a escaleira axudaranos a mellorar no traballo e nos negocios, a figura de San Andrés daranos boa saúde e amizade e a coroa do santo e a pomba traerannos sorte.
A PEREGRINACIÓN E A ROMARÍA DE SAN ANDRÉS DE TEIXIDO:
Crese que a peregrinación a San Andrés de Teixido comezou durante a cultura castrexa, na Idade do Ferro .
As festas de San Andrés de Teixido fanse a principios de setembro e a finais de novembro, sendo a romaría ao santuario o 8 de setembro. Ese día, é costume beber da fonte dos Tres Caños e pedir desexos ao santo.
Hai que ter en conta varias tradicións: a primeira é mercar unha colección de sanandresiños. Despois hai que entrar na ermida e rogar a bendición do santo. Logo, haberá que ir á fonte do santo a lavar as verrugas nos tres caños para perdelas para sempre. Tras beber na fonte, hai que baixar ata a beira do mar en busca da “herba namoradeira”e dos “xuncos de ben parir”, plantas máxicas que axudan a conquistar amores e a calmar as dores das parideiras. Logo hai que volver ao santuario co ramiño e as débedas saldadas. E por último, un consello: hai que procurar non matar a ningún animal nin insecto que se vexa pola zona, nin a unha mosca! Porque é probable que os bichiños que atopemos sexan defuntos reencarnados en peregrinación ao santuario para poder entrar no ceo.