Arquipélago das illas Sisargas
O vello e o novo faro da illa Sisarga Grande
As illas Sisargas son un pequeno arquipélago situado fronte á vila de Malpica de Bergantiños. Está formado por tres illas -Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante- ademais dunha serie de pequenos illotes arredor delas.
Presentan unha costa rochosa de fortes acantilados nos que aniñan numerosas aves, por iso as illas están declaradas Zona de Especial Protección para as aves. Posúen tamén unha gran riqueza de mariscos e crustáceos.
Non están habitadas pero na zona sur da Sisarga Grande hai un embarcadoiro e unha pequena praia.
Na illa maior hai un pequeno faro construído en 1853 e tamén unha sirena que avisa ás embarcacións nos días de néboa.