Na mesma parroquia na que se atopa o Faro de Punta Nariga, San Pedro de Barizo, está unha pequena ermida dedicada ao Espírito Santo. É unha sinxela construción do século XVII que foi reconstruída en 1994. Consta dunha única nave e ábsida rectangular, construída con muros de cachotería e escasos ocos. Pegado ao muro oeste hai un pórtico sostido por dúas columnas de granito para resgardo dos fieis nos días de romaría.
No muro contrario, no leste, hai un escudo nobiliario labrado na pedra e unha inscrición na que se le: “Esta obra se realizó siendo rector D. Antonio Piñeiro (Santa Inquisición) en el año 1684”.
No interior da ermida venérase o corpo embalsamado de San Calisto. Segundo a tradición oral era un corpo que se encontrara na praia e que ao depositalo na igrexa parroquial de Barizo, ao día seguinte aparecía no adro, polo que se decidiu trasladalo á ermida do Espírito Santo. Pero en realidade foi traído desde Roma a finais do século XIX grazas ás xestión do párroco Antonio Varela de Leis.
No mes de maio celébrase unha romaría no campo que rodea a ermida. Nel se levanta un esvelto e sinxelo cruceiro formado por un pedestal sobre dúas escaleiras, fuste de sección octogonal, capitel cuadrangular e cruz sen imaxes.
Moi preto da ermida, nun cruce de camiños, hai un oratorio tipo peto de ánimas, a modo de pequena capela, con cuberta a dúas augas rematadas por unha cruz con imaxe de cristo crucificado. Está realizado todo el en pedra e presenta dous ocos baixo arcos e no interior hai un relevo da Virxe María diante da que os devotos depositan ofrendas.
Corpo embalsamado de San Calisto