É un edificio de pedra sinxelo, rodeado polo cemiterio parroquial, cunha fachada barroca rematada en espadana para o campanario. Ten unha soa nave e unha única ábsida na que se aloxa o retablo, en madeira policromada. Unha pequena tribuna aos pés da igrexa amplía o espazo para os fieis.
A igrexa de Santiago de Mens é o mellor exemplo de arquitectura románica do concello de Malpica e as súas orixes remóntanse ao século XI-XII. Ten planta de cruz latina, con tres naves separadas por piares que sosteñen arcos formeiros de medio punto e van cubertas con madeira no interior. Ten tamén tres ábsidas cubertas con bóvedas de canón. A fachada foi remodelada no período barroco, cun corpo central destacando sobre os laterais e remata o conxunto cun esvelto campanario rematado por unha lanterna sostida por pilastras e pináculos; son apreciables as formas decorativas características do barroco galego de placas.
No século XV formou parte do priorado de San Martiño Pinario (Santiago) e logo paso a depender da Colexiata de Santa María da Coruña.
Está declarada como Monumento nacional.
Nesta igrexa destaca a escultura, tanto a de vulto redondo cunha espléndida imaxe de Santiago peregrino no seu interior, realizada en pedra e de estética románica, como os canzorros do exterior con variadas figuras xeométricas, vexetais, humanas e de animais fantásticos.
Fachada principal
e
ábside