A mediados de xuño, coincidindo co domingo máis próximo ao 16, festividade de Santo Hadrián, celébrase unha das romarías máis populares da Costa da Morte, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Ese día, miles de persoas levan en peregrinación a imaxe do santo desde a igrexa parroquial de Malpica á ermida dedicada ao santo, situada no cabo do seu mesmo nome, na que, durante toda a mañá celébranse oficios relixiosos. Os romeiros van a pé percorrendo o camiño que atravesa as praias de Area Maior e Seaia e tendo sempre á vista o perfil da península malpicá e a silueta das illas Sisargas.
Hermida de Santo Hadián
Romeiros de camiño á ermida de Santo Hadrián
A festa ten lugar no campo que hai arredor da ermida, o campo da festa, como é habitual nas romarías galegas. Hai gaitas, banda de música, comida campestre e tamén asistencia ás misas que se celebran ao longo da mañá. Moitos fieis ofrecen ao santo os seus exvotos e ofrendas en figuras de cera e diñeiro. Ata hai uns anos era frecuente levar tamén animais para ser bendicidos pero agora unicamente se puxan galos doados por algún devoto do santo e cuxa recadación serve para contribuír aos gastos da festa en honor do santo.
Conta unha lenda que Santo Hadrián liberou a Malpica dunha praga de serpes e por iso se lembra o agradecemento ao santo cada ano coa celebración da romaría. Todos os malpicáns coñecen a canción dedicada ao santo na que se recolle a versión do santo mártir pero adaptado a un porto de mar:
San Adrián é barqueiro
Barqueiro é San Adrián
San Adrián é barqueiro
Que leva o remo na man
Pasado o mediodía e a hora do xantar, os romeiros comezan o camiño de regreso ás súas casas, aínda que son moitos os que agardan á caída da tarde para acompañar a imaxe do santo de retorno á igrexa de San Xulián de Malpica, onde agardará a saír de novo o próximo ano.
No camiño á ermida está a Fonte do Santo, fonte de auga milagreira porque ten poderes curativos para limpar a pel de verrugas daquelas persoas que, ademais de ter fe no santo, deixen enxugar na fonte un pano branco que, empapado da auga da fonte, pasaron por riba das verrugas. Ao tempo que se enxuga o pano desaparecerán tamén as feas verrugas.
Vista das Sisargas dende a ermida
Malpica de Bergantiños dende Santo Hadrián