A nosa compañeira Eva Abal estivo a comezos do mes de setembro a realizar un curso en Valencia chamado “ Educación ambiental; aprendendo e actuando por un futuro mellor”. Nesta semana compartiu a súa experiencia e coñecementos con compañeiros doutras nacionalidades como profesoras búlgaras, croatas, polacas e húngaras. Aquí é onde reside o espírito do mundo Erasmus, compartir experiencias e aprender xuntos sobre temáticas importantes na actualidade traspasando fronteiras e nacionalidades.
O curso tiña como obxectivo reflexionar sobre o papel da educación na conciencia e conservación do medio ambiente. Para iso, tomaron conciencia das ameazas más importantes dos ecosistemas máis próximos e desenvolveron estratexias para ensinar a respectar o medio ambiente e explorar as conexión entre os plans de estudios escolares e a preservación destes espazos. En consonancia, estiveron deseñando actividades prácticas que poidan supoñer un impacto significativo e positivo nos seus lugares de traballo, as escolas e institutos dos seus respectivos países.
Polas tardes a nosa compañeira descubriu a gastronomía e tamén o patrimonio cultural da cidade de Valencia. Tamén aproveitou para visitar o museo das artes e das ciencias así como o parque nacional da Albufera.
A súa volta, a nosa compañeira fixo unha reunión con todo o profesorado interesado do IES para compartir os coñecementos adquiridos e por a nosa disposición actividades para traballar estes contidos nas aulas.