Novidades


Os primeiros becados do Erasmus+

Zaira, Ismael, Sabela, Israel e Laura presentáronnos a súa experiencia como os primeiros becados do proxecto Erasmus+! Os cinco traballaron moito para poder mostrarnos todo o que viviron en Pyrgos (Grecia) durante a semana do 4 de marzo. 


Unha lingua nova, coñecer aos seus compañeros gregos, asistir a clase, facer distintas actividades relacionadas con medioambiente, ir de excursión á Arcadia, visitar Atenas...foron so algunhas das moitas cousas que puideron vivir nesta viaxe que nunca esquecerán. 

Máis teatro no IES de Mos!


No último encontro, fixemos distintos xogos de quecemento. O primeiro foi "un número, unha parte do corpo". Despois, o "teléfono escarranchado" pero...con mímica! Chegou de todo...


E para continuar, comezamos a preparar as "historias mudas". A partir dunha serie de imaxes que narran unha historia, tivemos que pensar que estarían a pensar, a sentir, a dicir...os personaxes, para así preparar as nosas representacións. 

Novos encontros de igualdade.

O Grupo de Igualdade leva un trimestre moi completiño! Reunímonos á volta do Nadal para organizar o segundo trimestre. Tiñamos moitas cuestións nas que traballar, así que decidimos dividirnos nos grupos de traballo habituais.

Estamos a preparar unha actividade para o 8M, que consiste en crear centos de marcapáxinas de mulleres referentes para repartir entre todo o alumnado do centro. Para iso, todos os departamentos reunirán dez nomes de mulleres do seu eido e o alumnado de todos os cursos encargarase de procurar información e sintetizala no marcapáxinas. A rapazada do Grupo de Igualdade deseñou un modelo de marcapáxinas para que todos teñan a mesma estrutura. 

Tamén estivemos a preparar as actividades que realizamos o martes 30 de xaneiro co alumnado e profesorado do Erasmus+ procedente de Francia. Traballamos a igualdade desde unha perspectiva lúdica e colaborativa. Para iso, deseñamos un “jenga feminista”, un xogo de crear historias inclusivas e un concurso de preguntas rápidas.

Ademais de contar coa agradable visita do alumnado francés, tamén viaxaron a Mos tres profesoras francesas para realizar un job shadowing. Asistiron á clase de “Inclusión desde a poesía”, na que traballamos a inclusión, a igualdade e a diversidade desde moitas perspectivas.


Preparámoslles unha actividade deseñada polo Grupo de Igualdade que consistía en adiviñar que fotos artísticas (feitas pola rapazada) representaban os distintos poemas escritos por mulleres. Fixérono moi ben e incluso aprenderon algunha palabriña en lingua galega!


Seguiremos traballando!

O teatro continúa!

Segue coa súa actividade o Grupo de Teatro do IES de Mos. Neste novo encontro estiveron traballando a voz e o movemento corporal a través de distintas técnicas e dinámicas grupais.

Iniciando! Igualdade e diversidade

O Grupo de Igualdade de Xénero e Diversidade do IES de Mos reuniuse numerosas veces ao longo do primeiro trimestre do curso 23-24. Nestas xuntanzas, crearon e participaron en diferentes actividades relacionadas coa violencia contra a muller e os estereotipos de xénero que nos ditan como ser e actuar partindo do sexo que nos é asignado.


Na primeira reunión, a rapazada veterana acolleu o novo alumnado de 3º da ESO (primeiro curso no que poden formar parte do Grupo de Igualdade), explicoulle a traxectoria dos anos anteriores e debateron sobre os propósitos deste novo curso. As alumnas de 3º da ESO trouxeron moitas ideas e reflexións novas, sobre todo relacionadas cos estereotipos de xénero na moda. Levouse a cabo un debate moi interesante, compartiron inquedanzas e decidiron traballar e dividirse por “grupos de traballo” ao longo do curso para ser máis eficaces. 


Na segunda reunión, logo de dez días de reflexión,  establecéronse os catro grupos de traballo:



Tamén se produciu un debate sobre que actividades facer cando asista ás nosas reunións o alumnado que vén de visita ao IES grazas ao Erasmus+. O Grupo de Igualdade está directamente relacionado cos obxectivos do noso proxecto Erasmus+, polo que a rapazada amosou a súa implicación e achegou ideas para a primeira visita en xaneiro do 24



Durante a seguinte xuntanza, a terceira, a rapazada traballou dividida nos ditos grupos de traballo. Finalmente comezamos os preparativos para este 25N: o alumnado propuxo unha performance na que cada persoa, vestida de loito, portaría un cartel co nome e imaxe de cada unha das mulleres asasinadas (oficiais e non oficiais). Para iso, debido á alarmante cifra, o grupo de igualdade tivo que pedir axuda a outros compañeiros e compañeiras do centro para que levasen tamén carteis das mulleres asasinadas.



Para levar a cabo este acto, o alumnado reuniuse durante algúns recreos para preparar o manifesto, rematar carteis e detallar o momento e espazo no que tería lugar a performance.




Tamén con motivo do Día Mundial da Eliminación da Violencia contra a Muller (25N), o Grupo de Igualdade, na súa seguinte xuntanza, tivo a oportunidade de coñecer a Noelia Míguez, sobrevivinte de violencia de xénero. Escoitaron impactadas/os a súa durísima historia e admiraron a súa forza e valentía.



Xa en decembro, tivemos a sorte de recibir un curso máis a Lucía Coutado, de Creando Educación Social. Esta vez, realizou un obradoiro sobre os estereotipos de xénero no Nadal que permitiu á rapazada reflexionar e preparar unha campaña de cartelería de concienciación para o resto do IES.



Foi un trimestre moi produtivo no que as rapazas e rapaces do Grupo de Igualdade e Diversidade foron quen de organizarse, debater desde o respecto e traballar en diferentes campañas para concienciar o resto de compañeiros/as do IES. 



Facendo equipo


Leire, Carmela, Maite e Sabela, coordinadoras dos grupos de traballo (Sostibilidade, Igualdade e Educación Emocional), do proxecto Erasmus+ e do PFPP, tiveron unha reunión telemática o día 13 de decembro.


O proxecto Erasmus+ ten como un dos seus obxectivos principais aunar o traballo de ditos grupos do centro. Por iso, este ano creouse o PFPP en "Proxecto transversais", co fin de aprender a traballar de xeito cooperativo.

Así, nesta reunión decidiuse como se van organizar estes tres grupos para compartir ideas, crear materiais conxuntos e, en definitiva, aprender a ser un equipo. 

Diario sostibilidade, comezamos a aventura!


O grupo de Sostibilidade do IES de Mos reuniuse tres veces durante o primeiro trimestre deste curso 2023-24, para falar de temas moi interesantes que nos fan cuestionarnos moitas cousas sobre as causas e consecuencias do noso modo de vida, e sobre como poder mellorar a situación de crise climática na que nos atopamos. 


O primeiro día foi unha toma de contacto co grupo, onde fixemos unha dinámica para coñecernos mellor entre nós e para saber que nos levou a cada un a entrar no grupo de Sostibilidade. Somos, en xeral, persoas implicadas e interesadas no medio ambiente e a sostibilidade, habendo ademais moito interese en participar no programa Erasmus+ e poder intercambiar coñecementos con alumnado doutros países, xa que o grupo de Sostibilidade é unha das claves do Erasmus.

O segundo día que nos reunimos recibimos a Guillermo Gómez Reboreda, que nos deu unha charla moi interesante sobre a importancia dos insectos polinizadores para manter o equilibrio do medio natural no que vivimos, absolutamente necesarios para que a agricultura e o sistema de produción de alimentos, por exemplo, siga funcionando ben. Debido á crise climática e ao modelo agroalimentario actual, a poboación de insectos estase vendo perigosamente mermada. Pero non só falamos do problema, senon que Guillermo tamén nos deu as claves para revertilo. 

Por último, en decembro reunímonos unha última vez para ver un documental moi interesante sobre o problema global da produción e consumo da chamada fast fashion, ou moda rápida. Quedamos moi impactados pola situación tan horrible de contaminación xerada polo modelo actual da moda, no que mercamos moitas prendas, moi baratas, pero de mala calidade e que usamos moi poucas veces. Recomendamos a todo o mundo o visionado deste capítulo do programa “Enviado Especial: Ropa basura”, así podedes pensar con nós en que podemos facer para cambiar esta situación.


Seguiremos traballando durante o 2024, para informarnos e poder actuar, para traballar por unha sociedade mellor.

Segundo encontro do grupo de teatro!! Con moita música e movemento!! 

Fomos peixiños no xogo do Cardumen, no que unha persoa dirixía ao grupo movéndose polo espazo mentres os resto a seguían imitando o movemento como se dun cardumen de peixes se tratara. Tamén botamos unhas risas xogando a adiviñar quen era o/a director/a da Orquestra... 

Comezamos tamén as nosas primeiras representacións. A partir dunha canción, cada persoa escribiu palabras que lle viñesen á cabeza. Despois, por grupos e mesturando todas as palabras, tivemos que planificar pequenas representacións.


E por último...unhas respiracións para voltar relaxados/as a clase.

Concurso de inclusión. 

Data límite até o venres 12 de xaneiro de 2024

Lembrade que propomos este concurso para reflexionar sobre o concepto de inclusión e tódolos ámbitos que abrangue, concepto moi importante que non debemos esquecer dende as aulas. 

Acéptanse propostas escultóricas, debuxos, relatos, vídeos, poemas, performances,...aspiramos a que sexades creativos á hora de plasmar a inclusión nas vosas obras. 

Valorarase a creatividade, a orixinalidade a adecuación e tamén o plurilingüismo.

Animádevos a participar, tedes até o venres 12 de xaneiro!

Xa temos grupo de teatro!

O pasado 30 de outubro comezamos a actividade teatral do centro coa rapazada de 1º e 2º  da ESO. A primeira parte do taller estivo destinada a coñecernos a través de dinámicas que nos axuden a lembrar os nomes dos compañeiros.

Seguimos con actividades de movemento e música con cancións que inducen a diferentes estados de ánimo. Deste xeito, traballamos as emocións primarias, como a ira, a tristeza, a sorpresa e a alegría.

Para rematar, fixemos unha meditación guiada para baixar revolucións e prepararnos para as clases da tarde. Finalmente, realizamos unha posta en común de impresións e expectativas coas que comezaran a sesión.

Saída cos gañadores do vídeo Erasmus

O día 3 de maio os rapaces e rapazas que participaron na elaboración, grabación e edición dos tres mellores vídeos ERASMUS  para presentar o centro foron agasallados cunha saída a praia de Samil e posteriormente un obradoiro sobre a contaminación dos oceános no Museo do Mar. 

Alí o grupo, de 30 rapaces e rapazas, dividiuse en grupos máis pequenos e mediante diferentes probas puideron reflexionar sobre os axentes activos maís perxudiciais para a extinción dalgunhas especies mariñas así como a polución da auga. Finalmente,os estudantes puideron botar unha ollada o Museo con todas as súas exposicións así como ao acuario, no que recibiron unha visita guiada por parte das traballadoras do museo. 

Recepción de profesores visitantes

Na terceira semana de abril o profesor Akshay Singh do centro escolar "Costachi Neri" de Rumanía visitou o noso centro e intercambiou experiencias tanto cos nosos docentes e discentes.  Foi recibido polas coordinadoras do Erasmus no centro xunto co equipo directo e varios membros do Concello.  

Durante estes días o devandito profesor asistiu a diferentes clases (sobre todo aquelas que se imparten en inglés) como Bioloxía, Física e Química e a propia materia de inglés (con estudantes desde os 12 aos 17 anos)  para observar a metodoloxía que se aplica nas nosas aulas. Tamén durante a súa estancia participou nunha visita escolar co grupo de 1º ESO a Ribeira Sacra e as súas magníficas vistas.