Copenhague (Dinamarca)

Jobshadowing en Bjorn's International School

Entre o 6 e o 13 de maio, as profesoras Leire e Sabela viaxaron a Copenhague con obxectivo de formarse e aprender sobre o sistema educativo dinamarqués. En concreto, as temáticas centrais foron a diversidade e a inclusión, así como a observación da materia Global Perspectives.

O centro Bjorn's International School é unha mostra da diversidade que caracteriza a este país do norte de Europa. Con máis de vinte nacionalidades distintas, o alumnado está afeito a vivir na diversidade e na inclusión. 

Así, este centro educativo inaugurouse nunha vella fábrica. As súas dimensións son pequenas (igual que o número reducido de alumnos e alumnas), pero as instalacións están pensadas para facilitar o traballo colaborativo e promover a convivencia entre a rapazada, da igual a idade ou a súa orixe.

Unha das cousas que nos chamou a atención foron as Asambleas que se fan os luns e os venres con todo o alumnado do centro. É un momento de convivencia moi bonito, no que se fan actividades, cántanse cancións, compártense ideas...

O sistema dinamarqués e Cambridge

Teñen dúas liñas que se adaptan ás circunstancias do alumnado:

- A liña Cambridge desenvolve as materias en inglés (máis enfocado ao alumnado que non é dinamarqués).

- A liña dinamarquesa, para alumnado que ten coñecemento do idioma e que nun futuro seguirá cos seus estudos en Dinamarca.

Asimesmo, nunha aula hai alumnado de distintas idades. Por exemplo, a aula Years 10&11 ten alumnas e alumnos de 15 e 16 anos. A materia ten unha temporalización de dous anos, nos que o docente ten que adaptar os contidos e os obxectivos aos distintos niveis.

Global Perspectives

En canto ás materias que observaron Sabela e Leire foron Global Perspectives, History, Science e unha clase de Support (Apoio a dous alumnos con NEA). 

A primeira destas materias era unha das de maior interese nesta mobilidade, xa que un dos obxectivos era coñecela de primeira de man e así, máis adiante, poder chegar a implatar unha materia similar no IES de Mos. O enfoque, como xa se dixo, era práctico, realista e cunha perspectiva social. Por exemplo, o grupo Y10&11 analizou distintos textos argumentativos sobre a migración. O grupo Y8&9 traballou de xeito colaborativo sobre a influencia das redes sociais nas nosas vidas e como dar unha solución á adicción que estas xeran. Incluso os máis cativos, Y1&2 tiñan esta materia na que desenvolvían a Escoita Activa (aprender a respetar o turno de palabra, escoitar, mirar aos ollos do emisor, etc.).

Actividade cultural: picnic coas familias

Xa o derradeiro día da semana, Sabela e Leire despedíronse na Asamblea do venres. Pero aínda quedaría a actividade cultural do sábado: un picnic que, anualmente, organiza o centro con todo o alumnado e as súas familias. 

O lugar escollido foi un fermoso parque chamado Bakken, onde está tamén o parque de atraccións máis antigo de Europa. Alí, a rapazada e a súa familia reuniuse cos profesores do centro. Xogaron, comeron... Dende logo, unha das mellores formas de despedirse de Copenhage.