A artista Camino Casabella ofrece visitas guiadas á súa exposición “Heroínas De Tódolos Días” inaugurada o pasado xoves, día 24 de outubro de 2024, no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo (Praza da Constitución, Lugo).
DATAS E HORARIOS: a exposición poderá verse ata o vindeiro día 30 de novembro de 2024. É necesario reservar praza para acordar a data e horario da visita con Camino Casabella.
PREZO: todas as visitas guiadas son gratuítas.
PÚBLICO: están dirixidas a grupos de adultos, e estudantes de secundaria e bacharelato.
AFORO: os grupos deberán ser dun mínimo de 5 persoas e dun máximo de 25. (Ata un máximo de tres grupos simultáneos. Consultar dispoñibilidade).
DURACIÓN APROXIMADA: 50 minutos.
IDIOMA: galego. No caso dos grupos de persoas estranxeiras empregarase o inglés.
RESERVA DE PRAZA: Para concertar unha visita, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a caminocasabellapumares@gmail.com, polo menos cunha semana de antelación. Camino Casabella poñerase en contacto con eles para acordar o día e a hora na que se fará a visita.
No correo deberase indicar a seguinte información:
- Nome do centro ou da persoa que solicita a visita.
- Número de persoas de que consta o grupo.
- A súa idade e nivel de formación.
- Un número de teléfono e unha dirección de correo electrónico.
TOMA E USO DE IMAXES: Durante a visita, tomaranse imaxes para a difusión da actividade nas redes sociais e na páxina web de Camino Casabella.
Heroínas de Tódolos Días é unha serie continuada de retratos de mulleres de Camino Casabella, acompañadas de textos acerca da traxectoria destas mulleres, escritos tamén pola artista. Na exposición, amósanse os textos resumidos ao lado dos cadros, e o público pode ler os textos completos no seu dispositivo móbil, escaneando un código QR na cartela de cada pintura.
En palabras de Camino Casabella,
“Esta é a miña homenaxe a unha serie de mulleres ordinarias que fan cousas extraordinarias cada día.
Decidín poñelas en primeiro plano, porque as mulleres foron fundamentais no pasado, e son chave para o presente e o futuro.
A lista destas mulleres é diversa e infinita. Xente guapa coma Sinéad O'Connor, Carola Rackete, Rosa Parks, Ciara Lawrence, YSÉE, Charlotte Courbe, Jessica Greenfield, Fernanda Arrojo ou Vero Boquete, entre moitas outras.
A súa resistencia fronte a actitudes represoras é un exemplo de feminismo persistente e apoderado que non vemos a miúdo, pero que chegou para quedar.
O meu propósito é poñer no foco de atención as historias da vida e da traxectoria destas mulleres; todas elas queren traballar para contribuír á sociedade, e fan fronte a grandes desafíos co propósito de superalos.
Son mulleres abrindo camiño para que máis mulleres se adiquen a profesións tradicionalmente dominadas polos homes. Mulleres pioneiras, que rachan estereotipos de xénero, e adoptan roles de liderado. Mulleres que axudan a outras a acada-las súas metas. Mulleres e nenas que alzan a voz polos seus dereitos e loitan por eles.
En ocasións, experimentaron reaccións negativas por parte dalgúns detractores. Pero por cada un deles, hai un milleiro de persoas que se aledan de ver cara a onde se dirixe o mundo para as mulleres.
En ningunha parte do planeta as mulleres teñen tantas oportunidades coma os homes. Actualmente, en todo o mundo hai 122 millóns de nenas fóra da escola. Globalmente, a fenda salarial entre homes e mulleres é de aproximadamente un 20%. As mulleres están insuficientemente representadas nos parlamentos nacionais na maioría dos países, xa que tan só un 26,9% dos parlamentarios do mundo son mulleres.
Xa era hora de que a súa voz fose escoitada, e de que comezásemos un movemento para que haxa xustiza para tódalas mulleres e nenas, en todo o mundo. Este proxecto é para todas elas.”
Os obxectivos da exposición son:
• Transformar o xeito no que tradicionalmente se representa ás mulleres: coma un obxecto, é dicir, reproducindo e contribuíndo a perpetuar as desigualdades de xénero que se dan na sociedade.
• Poñer en cuestión os estereotipos de xénero.
• Combater o predominio dos homes en determinados ámbitos da sociedade, como en moitas profesións, no espazo público, e en postos de liderado e responsabilidade.
• Influenciar actitudes culturais para obter recoñecemento e igualdade para as mulleres.
Durante a visita:
• Estimularase o aprecio e o coñecemento da arte, en particular o da obra dunha artista local.
• Trataranse diferentes temáticas relacionadas coa promoción da igualdade, a diversidade e a inclusión.
• Presentarase a unha serie de mulleres que son referentes que rachan cos estereotipos de xénero, en canto ás actividades que deben desempeñar as mulleres, e ás súas actitudes e comportamentos.
• Poñeranse en valor as historias das experiencias e logros destas mulleres en diferentes eidos.
• Amosaranse exemplos de superación de diferentes tipos de obstáculos causados pola desigualdade de xénero na vida real.
• Promoverase a importancia da loita polos dereitos das persoas con discapacidades físicas e discapacidades de aprendizaxe, a loita polos dereitos das persoas LGBTQIA+, e a loita pola igualdade racial.
• Demostrarase que as diferenzas por razón de sexo, orixe, raza, etnia, cultura, capacidades físicas, intelectuais, aspecto físico, ou orientación sexo-afectiva enriquecen a nosa sociedade, e fomentaranse os valores de respecto, tolerancia e igualdade en relación con esas diferenzas.
• Incentivarase o pensamento crítico e non estereotipado fronte á diversidade existente na nosa sociedade.
• Consideraranse outros temas transversais coma o quecemento global, a crise de refuxiados, os conflitos internacionais ou a loita contra a pobreza extrema, e como inflúen nas desigualdades.
• Fomentarase o apoderamento da xente moza para que sexan protagonistas da transformación social, e na resolución de problemas na súa contorna.
• Responderase a preguntas sobre a obra, o proceso creativo e a traxectoria da artista.