21 CONGRESO INTERNACIONAL GALICIA/NORTE DE PORTUGAL DE FORMACIÓN PARA O TRABALLO

Presentación

A crise económica impactou directamente noutra inda máis profunda, a social, na que diferentes brechas segmentan o mercado de traballo como consecuencia do impacto das discriminacións, dando lugar á emerxencia de grupos de persoas da poboación activa-produtiva, fondamente afectadas na súa empregabilidade por novas concepcións e lóxicas sobre o valor da competencia profesional, e da posesión do talento nos contextos da produción. As cifras amosan datos inquietantes que poñen de manifesto o crecemento do edadismo no emprego, abrindo unha nova brecha interxeracional que afecta á transferencia do coñecemento experto e á adquisición de competencias nos contextos de traballo máis aló dos efectos da innovación tecnolóxica no horizonte da cuarta revolución industrial.

Unha evidencia desta situación é o aumento dos traballadores e das traballadoras que superan os 45 e os 55 anos. Segundo o Instituto Nacional de Estatística de España (2019), cerca dun 30% das persoas de máis de 45 anos afirman ter sufrido discriminación pola súa idade.

A socioloxía entende o traballo como unha categoría de análise da realidade. O mercado de traballo, nas sociedades actuais, proxecta para as persoas destinos exclusivos, utilizando a idade —entre outras— como variable de selección. Nas dinámicas formativas, de inserción e produción actuais, as persoas que se atopan nestas idades constitúen un grupo de vulnerabilidade, en risco de ser excluídas dos circuítos de acceso ao emprego, escasamente estudado dentro da poboación activa desocupada e ocupada. Máis aló do valor cuantitativo dos datos, pouco ou nada sabemos acerca da súas carreiras profesionais, da súa realidade formativa e de traballo, dos estancamentos e tránsitos, das súas necesidades, intereses, posibilidades, achegas, e de como se transfire o coñecemento entre xeracións de profesionais (xoves-adultos) cando nos sistemas laborais actuais a prolongación da idade de xubilación alonga o tempo de postulación para o emprego.

O último informe publicado por ADECCO en 2018 (p. 144) conclúe que, a tendencia xeral rexistrada en España constata que as empresas optan por persoas de 26 a 35 anos para cubrir as súas ofertas de emprego, e que “o segmento de 36 a 45 anos segue perdendo peso”. Segundo este mesmo informe, as persoas de máis de 45 anos sofren aínda máis esta realidade, só un 2,21% das ofertas foron destinadas a candidatos/as que se atopan nos últimos 20 anos de vida laboral. INFOJOBS, pola súa parte, advirte das dificultades para atopar emprego das persoas de 55 anos en adiante. Cifras coma estas dan conta das novas brechas aludidas e de fronteiras entre a formación e o emprego.

Mentres que as persoas se ven obrigadas polos sistemas socioeconómicos a prolongar a súa vida activa, as empresas e empregadores/as non contan con elas para os seus cadros de persoal, e as administracións amósanse lentas á hora de proxectar medidas e programas para intervir nesta realidade crecente, que anticipa novas transicións por debuxar na prolongación das carreiras profesionais, nun contexto de anticipación dos posibles efectos (adversos para elas e a sociedade) da revolución tecnolóxica que apenas deu comezo, e que configura no horizonte novos desaxustes na xustiza social, e novos desafíos para a alfabetización das persoas maiores en idade de traballar.

Anticipándose aos desafíos máis importantes derivados desas necesarias alfabetizacións o goberno portugués, co apoio técnico da Asociación Europea para a Educación de Adultos (EAEA), presentou o pasado 8 de outubro de 2018 a proposta no Gabinete do Parlamento Europeo en Portugal de deseñar e crear un “Plan Nacional de Literacia de Adultos”, para dar resposta ás adversas cifras da poboación que participa en formación de competencias básicas, que sendo moi baixa, aumenta considerablemente as probabilidades de ser excluída dos itinerarios da Aprendizaxe ao Longo da Vida, e en consecuencia do mercado de traballo, e mesmo da sociedade.

Estamos ante un novo fenómeno crecente no contexto sociolaboral: o edadismo na Formación, a Orientación e o Emprego. Este termo, acuñado polo psiquiatra Robert Butler (1968) gañador dun Premio Pulitzer e investigador no campo das demencias e o envellecemento, para referirse á discriminación das persoas maiores, baseada en prexuízos e estereotipos respecto da idade, debe ser estudiado no mercado de traballo. A importancia da formación e a orientación na empregabilidade e a inserción laboral son indiscutibles, así e todo necesitan revisar as súas misións na intervención con esta parte da poboación.

O director Xeral da Organización Internacional do Traballo (OIT), Guy Ryder, pon de manifesto a importancia do traballo decente máis aló das necesidades derivadas das transformacións tecnolóxicas e produtivas, focalizando sobre o envellecemento da poboación e o crecemento económico inclusivo.

Ignorar a participación e achegas deste grupo da poboación activa, as súas circunstancias e o seu talento, é renunciar á súa experiencia, ás súas contribucións e ideas, ao mesmo tempo que se vulneran os seus dereitos. Debater acerca dos factores que condicionan a súa empregabilidade, facer visible a súa realidade, poñer a énfase sobre o envellecemento produtivo, recoñecer as súas necesidades educativas, de orientación e formación desde unha perspectiva de desenvolvemento dunha carreira profesional inacabada, son algúns dos interrogantes que pretendemos abordar na 21 edición do CONGRESO INTERNACIONAL GALICIA/NORTE DE PORTUGAL DE FORMACIÓN PARA O TRABALLO 2019, que nesta celebración abordará a temática “Poboación produtiva maior: a formación e a orientación na empregabilidade e mobilización do talento senior fronte ao edadismo no emprego”.

É a nosa intención abrir novas liñas de reflexión, traballo e investigación ao respecto, anticipándonos aos cambios mundiais que se están a producir no mundo do traballo. Animámoste a explorar e compartir as túas reflexións sobre estas cuestións, por iso te convocamos a participar nesta 21 edición do Congreso. Do cal publicaremos posteriormente as actas, seguindo a tradición das vinte edicións anteriores.

Margarita Valcarce Fernández

Presidenta do Congreso