Deportistas

Aquí poderás encontrar información pormenorizada de todos os pasos que tes de dar para faceres parte do noso clube como deportista, desde a preinscrición até xogares a balonmán vestindo a camisola do Ribadosar.


Preinscrición

Através da ligazón Apúntate ao Ribadosar da web www.ribadosar.es accederás ao formulario que tes de preencher para realizares a preinscrición como deportista do Club Balonmán Ribadosar. No caso de menores de idade, serán precisas informacións da persoa adulta responsábel. Despois receberás un correo-e de confirmación de ribadosar@gmail.com con instrucións para os seguintes pasos.

A tabela que acompaña esta información indica cal é a categoría en que tes de facer a preinscrición segundo o teu ano de nacemento.

A preinscrición é gratuita e non compromete calquera relación posterior co clube.

Inscrición

Para seres deportista do Club Balonmán Ribadosar é imprescindíbel ter a afiliación en vigor na Federación Galega de Balonmán (FGB). Ademais, terás de realizar os trámites para a ficha no clube, manter en día as cotas de persoa asociada e abonar no momento indicado as cantidades fixadas polo clube para a realización da actividade.

Para a realización da inscrición tes de dar os seguintes pasos:

Para te dares de alta na Plataforma que utiliza a Federación tes de acceder ao sistema de afiliación da súa web (carrega para iso na ligazón acima), entrar através do “acceso individual”, preencher os datos persoais requeridos e anexar (de acordo cos formatos alí indicados: .png, .jpg ou .jpeg) dous documentos:

a. Fotografía túa actual

b. Fotografía do anverso e do reverso do teu Documento Identificativo (DNI/ NIE/ Pasaporte) en vigor

Se o/a deportista for menor de idade, a aplicación irá solicitar tamén os datos correspondentes da persoa adulta responsábel, que terá de achegar a fotografía do seu Documento Identificativo.

Receberás un correo-e de iSquad para confirmares a solicitude de afiliación e despois outro indicando que a túa afiliación foi validada; nel constarán tamén os teus datos identificativos. Se o menor aínda non tiver Documento de Identidade, a aplicación xerará un código (ISQUAD+serie numérica) que figurará nese segundo correo-e e que necesitamos no clube para tramitarmos a fichaxe. Encamíñao, por favor, para ribadosar@gmail.com.

Se xa realizache este proceso en anos anteriores, só tes de actualizar a túa fotografía de perfil e verificar que a túa documentación non está caducada (se así for, hai que anexar Documento Identificativo actualizado).

Só coa afiliación en orde en iSquad o Ribadosar pode tramitar a túa fichaxe através da mesma aplicación.

Receberás un correo-e de iSquad solicitando que confirmes a fichaxe (carrega no botón verde!). Despois diso, cada deportista ten de enviar para ribasdosar@gmail.com copia dixital dun certificado médico e da autorización para xogar na categoría inmediatamente superior.

 a) Certificado Médico: Para podermos validar a ficha coa Federación precisamos copia dixital dun certificado médico de cada deportista emitido por unha clínica autorizada e no formato disponibilizado através do hipervínculo que encabeza esta epígrafe (o certificado en papel será entregue en man a un/ha representante do clube no inicio do primeiro adestramento).


Deportistas alevíns, cadetes, xuvenís e sénior necesitan levar impreso este documento á clínica onde será feito o recoñecemento médico. Deportistas das categorías pré-benxamín e benxamín non precisam certificado médico, sendo suficiente con esta autorización da persoa adulta responsábel.

O Ribadosar asinou un convenio de colaboración coa clínica Revimedic (Santo Domingo de la Calzada, nº 6, 2ºC, Santiago de Compostela). En virtude desta parcería e unha vez aplicado o desconto sobre o prezo de mercado, o custo da revisión e certificación para deportistas do Ribadosar é de 18,00 € para a temporada 2023-2024. Se optares por Revimedic, é preciso solicitares cita previa desde 17 de agosto nos TLFs 981 595 223 ou 616 898 827 e te apresentares ao recoñecemento no día e hora marcados (menores acompañados da persoa adulta responsábel).

b) Autorización para xogar en categoría superior: Responsábeis legais de deportistas menores de idade deben preencher e asinar esta autorización para as crianzas poderen participar nalgún encontro da categoría inmediatamente superior a súa, cando así o considerar o corpo técnico do Ribadosar.

Toda a documentación necesaria está accesíbel para descarga nos hipervínculos indicados e, na sección de Recursos, e ten de ser enviada dixitalizada para ribadosar@gmail.com indicando no asunto: documentación + nome deportista.

Non poderá entrar nas instalacións ninguén sen a súa ficha no Ribadosar correctamente tramitada. Só así é posíbel garantir a cobertura completa a deportistas: un seguro médico gratuito a través de Xogade para as categorías de pré-benxamíns até cadetes, ou da FGB de xuvenís e sénior.

Para ser deportista no Ribadosar é preciso ser socio/a do clube. No caso de deportistas menores de idade, a persoa asociada ao Ribadosar será unha adulta responsábel. Podes asociarte ao Ribadosar através do procedemento habilitado na sección Apoiantes desta web.

Para podermos sustentar a actividade deportiva do clube é necesario que cada deportista abone as cotas indicadas segundo categoría na tabela colada abaixo. As cantidades fixadas equivalen no ano 2023-2024 a un pagamento mensal de 60€ no caso da equipa xuvenil, de 50€ para infantil e cadete, e de 40€ para as restantes categorías. Os pagamentos podem ser realizados en tres veces, de acordo coas datas indicadas na tabela disponibilizada nesta sección. En caso de deportistas pertencentes a unha mesma família, foi habilitado un sistema de descontos segundo o cal o irmán ou irmá máis vello/a pagará 100% da cota correspondente á súa categoría, mais á/ao seguinte irmá/n de igual ou menor idade será aplicado un desconto de 15% na cota correspondente e á/ao terceiro/a máis novo/a un desconto de 25% (véxanse as cantidades cos descontos tamén na tabela).

Esta cota anual inclúe o pagamento dos adestramentos, do mesmo número de viaxes que as realizadas na temporada pasada e dos custos propios da competición (taxas, dereitos, arbitraxes, seguros, ...) até cobrir aproximadamente 60% dos custos totais da actividade; a percentagem restante é atendida polo Ribadosar através doutras fontes de financiamento do clube (subvencións de entidades públicas, ingresos de asociados/as,  colaboracións, patrocinios, vendas de material, etc.). Ademais desta cota, cada deportista ten de asumir o pagamento do certificado médico (18€), a cota de asociación (20€) e a compra dalgunha roupa deportiva (chándal completo e pantalón curto de xogo). A camisola de adestramento é fornecida polo clube e a de competición (co dorsal correspondente) é emprestada polo Ribadosar e ten de ser devolvida en bon estado no fin da temporada.

O Ribadosar asinou un convenio de colaboración con Amancio Deportes (Av. Rosalía de Castro 38, Santiago de Compostela, TLF. 981.575.381) que supón un desconto para deportistas na roupa deportida do clube (véxanse prezos e procedemento de compra) e un desconto de 20% en calquera produto da tenda para persoas asociadas.

No Ribadosar traballamos para facer accesíbel a prática do balonmán a toda a xente. Se queres facer parte do noso clube como deportista, non queremos que o impidan as eventuais dificultades económicas. Contacta en ribadosar@gmail.com e faremos todo o que estexa na nosa man para que poidas xogar connosco ao balonmán en Compostela.

Adestramentos

O Club Balonmán Ribadosar adestra no Pavillón Quiroga Palacios (Rúa do Monte de Conxo) de segunda a sexta feira (de luns a venres) entre 18:30h e 21:30h, de acordo cos horarios segundo categorías indicados na tabela inserida ao final desta sección.

Na temporada 2023-2024 os adestramentos no Ribadosar comezaron o día 28 de agosto para Xuvenil e Cadete, e 4 de setembro para Infantil, Alevín, Benxamín e Pre-benxamín.

Os adestramentos do Club Balonmán Ribadosar réxense polas seguintes normas de funcionamento para deportistas e, en xeral, polo indicado no Regulamento de Rexime Interno e Disciplinario do Club Balonmán Ribadosar:

i. Estar no pavillón 10 minutos antes da hora marcada para o inicio do adestramento.

ii. En caso de non asistencia, avisar a/o adestrador/a o antes posíbel (através da conta de Whatsapp)

iii. Asistir aos adestramentos con unha mochila ou saco deportivo con capacidade para todas as pertenzas:

a. Tenis para balonmán (as sapatillas usadas na rúa non poden ser utilizadas na pista)

b. Pantalón curto e camisola de adestramento (fornecida polo clube)

d. Toalla

e. Garrafa individual identificada

iv. Atender as indicacións de adestradores/as

v. Tratar co respeito debido a toda a xente (adestrador/a, colegas, persoal das instalacións, corpo técnico, directiva, público, ...)

vi. Non utilizar o telefone móbil (TLM) dentro do vestiario nen na pista

vii. Non entrar no vestiario con pelotas nen outros obxectos procedentes da pista

viii. Recoméndase tomar ducha despois do adestramento.

Partidos

Os encontros de competición oficial en que participe o Club Balonmán Ribadosar estarán axendados sempre para o fin de semana. As categorías de (Pré-)Benxamín, Alevín e Infantil xogarán sábado ou domingo en horario de mañá. As categorías Cadete, Xuvenil e Sénior poderán xogar tamén sábado ou domingo en horario de tarde.

Na páxina web www.ribadosar.es publicaranse todas as cuartas feiras (mércores) os horarios dos partidos axendados para o seguinte fin de semana, así como os resultados da xornada anterior.

Toda a información sobre os encontros estará accesíbel através do site do clube.

Nos partidos, as/os deportistas do Club Balonmán Ribadosar deben atender as seguintes normas e, en xeral, ao indicado no Regulamento de Rexime Interno e Disciplinario do clube:

i. Asistir aos partidos uniformados/as co chándal do clube e a equipación, así como cuns tenis apropriados para a práctica do balonmán e unicamente para seren usados na pista. Roupa e calzado deben estar en bon estado.

ii. Utilizar unha mochila ou saco deportivo con capacidade suficiente para todas as súas pertenzas, incluída garrafa con auga, toalla e material de aseo.

iii. Atender as indicacións de adestradores/as, oficiais e persoal técnico do Club Balonmán Ribadosar.

iv. Tratar co respeito debido toda a xente (adestradores/as, colegas, persoal das instalacións, corpos técnicos, directivas, público, deportistas da equipa contraria, equipa arbitral, etc.). As decisións arbitrais non se discuten.

v. En partidos en que o Ribadosar xogue como local, os/as deportistas convocados/as deberán estar 1 hora antes do encontro na porta do Pavillón Quiroga Palacios. Xuvenís e sénior deberán estar 1 hora antes do encontro na porta do Pavillón do Restollal (Rúa de Emilio e Manuel, nº 3, 15.702 Santiago de Compostela)

vi. En partidos en que o Ribadosar xogue como visitante, os/as deportistas convocados/as deberán estar na porta do Pavillón Quiroga Palacios 10 minutos antes da hora fixada para a saída do autobús.

vii. As xogadoras e xogadores convocados, persoal técnico e persoas asociadas que vaian de autobús aos encontros en que o Ribadosar xogue como visitante deben anotarse no formulario web antes de cuarta feira (mércores) ás 22:00 horas (despois desa hora o formulario permanecerá fechado, así que quen non tiver feita a inscrición para a viaxe non poderá ir no autobús alugado polo clube). Por ecoloxía, economía, seguranza e cohesión do grupo, recoméndase fortemente o uso do servizo de autobús.

Todas as persoas vinculadas ao Club Balonmán Ribadosar deben manter un comportamento repeituoso e exemplar en todo momento, e atender ao indicado no Regulamento de Rexime Interno e Disciplinario do clube en todos os seus termos.