OS NENÚFARES DE MONET (2º curso)

Os nenúfares son unha serie de obras realizadas en óleo sobre lenzo polo artista francés Claude Monet (1840 ? 1926). Monet foi un dos mestres do impresionismo francés xunto con artistas tan importante como Renoir ou Degás. Comezou a súa carreira artística como caricaturista e nos seus primeiros anos traballou nun estilo moi realista; na década dos sesenta o seu estilo desembocou cara aos postulados impresionistas e en 1874 expuxo no Salón dos Rexeitados a súa famosa obra Impresión, sol nacente que deu nome ao movemento.

Monet realizou a serie dos Nenúfares baseándose nos nenúfares que crecían no seu propio estanque da súa casa de Giverny onde viviu a partir da década dos oitenta e ata o momento da súa morte; o artista mandou construír na súa casa unha ponte de estilo xaponés onde crecían estas flores. Os seus coidados eran tan especiais que houbo que aumentar a temperatura da auga do estanque e construír presas provocando a indignación dos habitantes da localidade de Giverny.

Monet realizou as pinturas en paneis alongados de 220 cm de alto e 600 cm de ancho, este era o mesmo formato que o utilizado polos publicistas para os carteis publicitarios. A idea do artista era colocar os paneis nunha estancia circular de modo que o espectador puidese observar a evolución destas preciosas plantas acuáticas en diversos momentos do día e sobre todo os cambios producidos polo paso das estacións.

No seguinte vídeo podemos ver as diferentes interpretacións que realizaron os nenos e nenas de 2º curso.