CEIP Antonio Pedrosa Latas. Celeiro

COÑECER E GOZAR DA ARTE CONTRIBÚE A SENSIBILIZARNOS E SUPÓN OUTRA MANEIRA DE EXPRESAR OS NOSOS SENTIMENTOS.
O proxecto para traballar conxuntamente este curso, está relacionado coa pintura e concretamente co
IMPRESIONISMO E A FIGURA DE MARUJA MALLO
Queremos conseguir con este proxecto, un achegamento ao mundo da pintura, da creatividade e da expresión. Dar a coñecer ao noso alumnado distintas técnicas pictóricas e distintas correntes pictóricas que se sucederon ao longo dos anos. Este proxecto, no seu conxunto, pretende dar resposta aos intereses e necesidades dos nosos alumnos e alumnas. Consideramos que a contorna dos nenos e nenas é, na actualidade, unha contorna da cultura visual: televisión, anuncios, carteis pola rúa, letreiros luminosos, propaganda nas caixas de correos; un mundo de imaxes cheo de estímulos que inflúen continuamente neles. Por iso, é necesario que desde a escola axudemos aos nenos e nenas a analizar e comprender as imaxes, educalos no gusto estético e inicialos no goce das obras de arte mediante un novo enfoque das artes plásticas, un proxecto globalizador e creativo mediante o cal se convida aos nenos e nenas a coñecer, mirar e descubrir os diferentes artistas e as súas obras. Non pretendemos por tanto, preparar ao neno para...., senón permitir que o neno descubra as súas posibilidades en relación aos demais e ao medio, actúe, decida e se exprese. Debuxar e pintar para comunicarnos cos demais. Propoñemos o traballo da Expresión Plástica e, máis en concreto, do Impresionismo, a través deste proxecto de traballo, xa que consideramos que é unha forma de traballo que propicia e favorece a implicación activa dos nenos, sendo eles os que constrúen as súas propias aprendizaxes a través da experimentación, a observación e a manipulación, favorecendo o desenrolo da autonomía, a imaxinación e a creatividade.