5. Os valores

A paisaxe tamén ten que ver cos significados e cos valores que as persoas lle atribúen. Diante dunha paisaxe xorden emocións positivas e negativas. Que nos gusta e que non nos gusta desa paisaxe? Que lembranzas nos evoca? Que sentimentos nos esperta? Os valores da paisaxe non só responden ao noso sentir persoal, senón aos diferentes significados que adquiren na sociedade. Os valores que pode xurdir inclúen:

•Valores sociais, como encontro, o lecer, o paseo, o repouso, a práctica do deporte, etc.

•Valores estéticos, na medida en que unha paisaxe transmita un sentimento de beleza ou a xente a aprecie ou lle confira un determinado significado.

•Valores identitarios, cando unha sociedade se identifica cunha paisaxe concreta.

•Valores simbólicos, relacionados cunha determinada lenda ou historia fantástica.

•Valores produtivos, como as actividades agrarias, turísticas, mineiras, industriais, etc.

•Valores naturais, como a presenza de determinadas especies e vexetais relevantes.

•Valores históricos, na medida en que unha determinada paisaxe exprese a pegada do ser humano na historia.

Non se pode esquecer que tamén os valores e os significados puideron variar no tempo, de xeito que se puideron perder, ou ben puideron emerxer novos. As diferenzas culturais explican non só diferentes paisaxes, senón modelos culturais á hora de percibir esas paisaxes.