Feísmo

Feísmo


É un termo informal e ambiguo, empregado para caracterizar certo estilo construtivo do medio urbano e, especialmente, do medio rural galego.

Características:

  • Coexistencia non harmoniosa de ordes e estilos arquitectónicos, e mestura de materiais construtivos.

  • Mestura de materiais (por exemplo, un primeiro piso de pedra, unha segunda altura en formigón e unha terceira en tixolo coroado con fibrocemento) ou o seu uso inadecuado (un hórreo de ladrillo, por exemplo).

  • Inexistencia de remates e acabados exteriores. As edificacións carecen de revestimento, quedando o ladrillo ou o bloque de formigón á vista.

  • Ausencia de aliñamento nas edificacións. Os edificios, construídos en periodos distintos e sometidos a lexislacións cambiantes, non manteñen a liña da beirarrúa, describindo o conxunto das fachadas un plano sinuoso ou unha liña crebada.

  • Convivencia de distintas alturas nas edificacións. Dado que non hai homoxeneidade nos estilos arquitectónicos, tampouco hai unha liña de altura regular senón que é posible atopar edificios de quince plantas no medio do campo ou encostados a unha casa de planta baixa.

  • Edificacións sen rematar, ou cuxa construción se prolonga durante décadas. Dadas as características sociais, políticas e legais do municipio galego, unha construción pode permanecer en estrutura durante anos, ou mesmo non ser terminada nunca.

  • Simultaneidade de usos. A construción dun almacén encostado a unha igrexa románica, ou un galiñeiro xunto a un hipermercado, ou a xuxtaposición de chan industrial con terreo habitado son características da paisaxe feísta. É habitual a indiscernibilidade de chan urbano e chan rural, ou uso empresarial ou habitacional.

  • Ornamentacións desproporcionadas ou incongruentes, ou remates aberrantes, que se colocan nas fachadas e xardíns en busca de originalidade ou distinción, en recordo dos anos de emigración, ou como simple ostentación. Para satisfacer o desexo de orixinalidade nada mellor que dotalo [ao edificio] dun volume importante en altura, dunha cuberta cunha serie de bufardas rebuscadas e rocambolescas e tratalo exteriormente con gran profusión de elementos acompañados con carpinterías de aluminio ou plástico con cores e despieces?