XUSTIFICACIÓN

Actualmente vivimos nunha sociedade industrial desenvolvida que evoluciona cara a unha sociedade de servizos. Tan só un 15 % da poboación activa vive do sector primario (agricultura e gandaría).

A maior parte da poboación vive nas cidades e o litoral, podendo dicir que esta sociedade é ademais predominantemente urbana.

Este desenvolvemento levou á desaparición das hortas que ata hai uns anos localizábanse na periferia das cidades, ao descoñecemento dos procesos de produción por parte dos consumidores, a valorar un produto agrícola non como un alimento, senón máis ben polo seu prezo, tamaño cor, etc, en definitiva á desaparición do coñecemento “agriculto”.

Doutra banda, a introdución de criterios económicos no campo contribuíu a transformar unha agricultura tradicional nunha agricultura intensiva, o cal nos levou ao abuso na utilización de fertilizantes, fitosanitarios de síntese química, ao abuso de auga para rega e aos plásticos para o cultivo en invernadoiros entre outros.

Esta visión da dedicación ao campo como un oficio marxinal e a falta de mellores perspectivas fai do agricultor tradicional un oficio en perigo de extinción.

A agricultura ecolóxica consiste na integración dos coñecementos da agricultura tradicional coas modernas investigacións biolóxicas e tecnolóxicas.

Este é o modelo que temos que empregar, non só por cuestións de saúde ou respecto ao medio, senón que por riba de todo temos que falar de cultura, esa cultura que se está perdendo a custa dun progreso mal entendido e orientarse cara ao camiño do progreso sostible.

Temos que decatarnos de que necesitamos espertar en cada ser humano un respecto profundo cara ao seu ámbito que o faga capaz de conservalo e de compartilo cos demais dunha forma solidaria.

Non hai dúbida de que os educadores debemos de formar aos futuros cidadáns non só no estudo teórico da natureza, senón tamén lles temos que ensinar a vivir con ela.

Así pois, todas as referencias que faremos de aquí en diante ao horto escolar ecolóxico as relacionaremos cun intento de educar ambientalmente.

Para que un horto escolar?

A finalidade deste horto escolar ecolóxico é que sexa o punto de saída dunha educación ambiental na escola, entendendo como educación ambiental o proceso interdisciplinar que debe preparar para comprender as interrelacións dos seres humáns entre sí e coa natureza, enmarcándoo todo dentro dun proxecto educativo global.

Este proceso debe propiciar a adquisición de actitudes e a responsabilidade persoal e solidaria orientada cara a unha mellor calidade de vida.

Temos o compromiso dende a escola na educación ambiental como algo máis profundo que realizar saídas esporádicas por algún tema ecolóxico nos que por suposto tamén se participa e que nos poñen en contacto coa nosa contorna desenvolvendo actitudes de repecto.

Por que un horto ecolóxico?

I) Pois porque para ser consecuentes con este intento de educar ambientalmente, temos que ser o máis respectuosos posible co medio. Hoxe en día, aínda non estando de todo desenvolvida ao cen por cen, a agricultura ecolóxica é o único tipo de agricultura que respecta o medio.

II) Para que sexa coherente dentro dun proxecto de educación ambiental, o intento de levar adiante un anaco de terra baixo os principios de agricultura ecolóxica, tamén representa, por unha parte propoñer a utilización dun horto para experimentar e ensinar os ciclos biolóxicos máis importantes como poden ser os das plantas, materia, enerxía... coas técnicas de cultivo ecolóxico.

III) Por outra parte representa a introdución dun novo recurso pedagóxico para o CEIP Antonio Pedrosa Latas de Celeiro, xa que coa construción dun horto escolar, propoñeranse máis experiencias prácticas para afondar nos contidos teóricos de diversas materias.

IV) Existen outras razóns que tamén xustifican a obrigatoriedade de encarar un enfoque ecolóxico como a improcedencia de utilizar produtos químicos dentro dun recinto escolar, por exemplo...