METODOLOXÍA E ORGANIZACIÓN DO TRABALLO

Presentar o horto como un proxecto ambiental. Con esta proposta non só engádese un recurso á escola senón un elemento dinamizador que irá xerando propostas de traballo que van máis alá do tratamento curricular como por exemplo, a toma de conciencia na contaminación do solo e as augas, a posible reutilización dos recursos, a reciclaxe tanto na aula como na horta, xa que por exemplo os restos orgánicos da aula e/ou comedor escolar se recollerían para facer o compost, experimentar sobre o degradado e descomposición de distintos elementos no chan (plástico, comida, papel) durante un período de tempo, etc...

De tódolos xeitos, este é un obxectivo ambicioso que resultará co tempo; para empezar dámonos por satisfeitos coa posta en marcha do espazo, coas primeiras planificacións e por suposto coa implantación dunha dinámica de aulas encamiñadas a utilización efectiva deste recurso. Pouquiño a pouco, pero seguros.

Así pois, a formulación do noso horto ecolóxico é que se converta nunha actividade puntual continuada onde o primeiro ano estará dedicada á construción e posta en funcionamento do horto, dando a coñecer as técnicas básicas de cultivo ecolóxico e aproveitamento didáctico do horto con experiencias de campo.

Esperamos que ao final do primeiro ano todo estea en marcha para ir avanzando en proxectos moito máis ambiciosos.

Características do noso horto ecolóxico escolar

Para conseguir os obxectivos e poder realizar as actividades previstas así como o modelo de actividade puntual continuada e a intención dos principios de agricultura ecolóxica, o noso horto quedaría do seguinte xeito:

Partimos de que o horto terá:

*Dimensións reducidas. *Zona soleada. *Acceso a auga sen problema. *Posibilidade de (mínimo) mantemento en verán. *Primeiro ano de experiencia coa formulación de continuidade a longo prazo. *Necesidade de achegar terra fértil...

Criterios para a elección de cultivos

*Hortalizas coñecidas e próximas aos alumn@s. *Cultivos sinxelos (primeiro ano). *Ciclos adaptables ao calendario escolar. *Posibilidades de sementeiras graduadas para ter á vez a mesma especie en diferentes estados do desenvolvemento vexetativo (por exemplo a leituga). *Posibilidade de cultivo en espaldeiras (xardín vertical). *Soportar rego con mangueira ou regadeira. *Que sexan aproveitables (follas, raíces, bulbos e froitos). *Posibilidades de obradoiros sinxelos. *Importancia da relación entre especies, dende o punto de vista biolóxico para a prevención e control de pragas. *Traballo coas plantas aromáticas e menciñais...

Especies recomendadas

Patacas, allos, alloporros, cebolas, leitugas, berenxenas, cenorias, remolacha, tomates, acelgas, pementos, amorodos, feixóns verdes, cabazas, xirasol, aromáticas (romo, xarxa, menta, lavanda, …)

Metodoloxía

As actividades do horto favorecen o desenvolvemento dunha metodoloxía activa que está baseada en dous principios didácticos fundamentais: a aprendizaxe construtiva e a aprendizaxe significativa. Deste xeito os/as alumnos/as estarán capacitados/as para comprender as relacións co medio ao cal pertencen e dar respostas de forma activa, participativa e reflexiva aos problemas do seu ámbito máis próximo.

A aprendizaxe construtiva que se basea en ter en conta que cando o/a alumno/a aprende un contido non o fai a partir da nada, senón a partir dunhas ideas e representacións previas. Polo tanto isto deberemos telo en conta para establecer relacións entre o que xa sabe e o que se aprende. Deste xeito, o/a alumno/a constrúe o seu coñecemento dende a realidade propia da cal parte, o ámbito rural, nivel de desenvolvemento conceptual e as emocións e experiencias que extrae do mundo que o envolve.

Por outro lado, a aprendizaxe significativa entende que a actividade educativa non consiste en transmitir coñecementos illados, senón en procesar e ordenar dúbidas e problemas reais que partan do interese do alumnado, que fará que o desexo de aprendizaxe sexa realmente significativo para eles, pois este desexo nace da curiosidade de coñecer todo aquilo que o rodea.

Posteriormente, coa actividade práctica e de manipulación xa ten sentido contextualizar aquilo que se aprende, tendo en conta que na Educación Infantil a organización dos contidos e actividades do programa para a horta deberían facerse de xeito globalizado, posto que os/as nenos/as, perciben a realidade de forma global, dada unha característica fundamental que é o seu pensamento sincrético.

Organización do traballo

O horto escolar debe entenderse como un recurso máis do que dispoñemos. Neste sentido, a preparación das actividades a realizar nel terá que ser igual co que facemos na aula, cunha programación en canto ao que traballaremos e unha temporalización entendida a largo, curto e medio prazo co establecemento de quendas tanto para a práctica de actividades como para o seu coidado e mantemento.

Antes de poñernos a cavar teremos que seleccionar:

*Os contidos a traballar. *Organizalos temporalmente. *Que materiais curriculares imos elaborar (rexistro de tódalas actividades). *Deseñar un instrumento de avaliación...

Temos que ter en conta que un horto escolar ten unhas características especiais:

*Os traballos veñen impostos por un calendario de sementeira, transplantes, regos, etc... *Cada actividade ten unha repercusión no horto irreversible, moi poucas veces poderemos borralas ou facer algo de novo. *Con frecuencia encontrarémonos con imprevistos (chuvia, vento, frío...) que nos obrigarán a cambiar as actividades previstas...

Xa que este horto vai dirixido aos nenos e nenas de infantil e primaria, temos que ter en conta que as idades e capacidades, así como o número de alumnos por grupo, non son os mesmos, e polo tanto a organización faise máis complexa e particular en cada caso. Será entón, que de forma coordinada, establecemos as pautas de actuación para non interferir e non obstaculizar o desenvolvemento do proxecto.

Esta coordinación será a que teña a responsabilidade máxima á hora de ter unha visión de conxunto para determinar as faenas obrigatorias, os recursos dispoñibles, recoller información útil para os/as compañeiros/as do ciclo e lles axude a adecuar os contidos, propoñendo as tarefas semanais, mensuais, a distribución dos espazos...

Esta coordinación virá asignada pola dirección do centro. Podería propoñerse inicialmente tres horas semanais, a revisar posteriormente segundo a temporalización, o tempo meteorolóxico, etc... escollido polas mestras e mestres titores e que se propón como segue:

I) A temporalización coa cal se quere utilizar o recurso do horto escolar poderá ser voluntaria, de xeito que cada titor/a segundo o grao de necesidades ou intereses do seu grupo pode elixir un réxime de visitas ao horto quincenal, cada vinte e un días, ou cada mes.

II) Queda aberta a participación a outros/as mestres/as, especialistas, coordinación de normalización e dinamización da lingua,… ou persoal do centro que poida colaborar ou aproveitar este recurso. Por suposto a colaboración coas familias será esencial no desenvolvemento deste proxecto, así como profesionais do campo ou membros de colectivos para o desenvolvemento da agricultura ecolóxica cos que nos poidamos poñer en contacto.