CURSO 19-20

Día Internacional dos Bosques

21-03-2020

En 1971 a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) instaurou o 21 de marzo como o Día Forestal Mundial. En 2012, a Asamblea Xeral de Nacións Unidas o proclama Día Internacional dos Bosques.

Para darlle un carácter simultaneo á conmemoración, seleccionouse esta data porque coincide co inicio da primavera no hemisferio norte e o comezo do outono no sur.

Ao longo desta xornada, miles de persoas realizan plantacións e outras actividades para chamar a atención sobre a necesidade de preservar estes ecosistemas e loitar contra as agresións ás que ven sometidos, como os incendios e as deforestacións. A metade destes ecosistemas da Terra desapareceron e unha gran parte dos bosques primarios foron destruídos ou están ameazados pola extracción de madeira, os usos agrícolas ou gandeiros destes espazos, os encoros, a urbanización ou o cambio climático, entre outros factores.

Galicia é unha das principais potencias forestais de Europa, cunha superficie forestal arborada que representa o 48% do seu territorio (1.400.000 hectáreas). Máis de 120.000 hectáreas destas son consideradas superficie forestal certificada, o que coloca a esta comunidade á fronte do Estado en canto a xestión forestal sostible.

Foro das Nacións Unidas sobre os Bosques