MAIO
Semanas 1-2
"Conexión coa Comunidade"
Recollida de receitas familiares
Crear un “Receitario da Comunidade” con achegas das familias (en papel ou dixital).
Plan FOGGA II
Loxística de Recursos: Xestión e recollida do material necesario (mesas, ingredientes, equipos de son/vídeo).
RECEITARIO DA COMUNIDADE
Durante a primeira quincena de maio procurouse implicar ás familias no proxecto a través da iniciativa “Conexión coa Comunidade”. Levouse a cabo a recollida de receitas familiares co obxectivo de poñer en valor a tradición culinaria e os hábitos saudables no fogar. Con todas as achegas, estase a elaborar un “Receitario da Comunidade” en formato dixital, dispoñible en galego e en inglés favorecendo así a participación e o intercambio entre toda a comunidade educativa. Esta actividade ten tamén un claro enfoque educativo, xa que permite traballar contidos relacionados coa nutrición, a cultura gastronómica e a transmisión interxeracional de coñecementos, ao tempo que fomenta a colaboración entre a escola e as familias e reforza o sentimento de pertenza á comunidade educativa.
O alumnado de 1º Bacharelato utilizou a aplicación Canva para elaborar as receitas nas dúas linguas.
O alumnado de 2º de ESO fixo unha merendola saudable cos pratos incluídos no receitario das familias. Pasaron un bo rato despois de traballar duramente. A docente Yolanda Garrido foi a encargada de coordinar e realizar a actividade.
En Francés mesmo se animaron a facer un vídeo ademais das receitas escritas na lingua gala.
Comment faire une pizza maison
PLAN FOGGA II
O pasado 4 de maio retomamos no IES Frei Martín Sarmiento o desenvolvemento do Plan FOGGA da Xunta de Galicia, unha iniciativa dirixida ao alumnado da E.S.O. e coordinada no noso centro por Mónica Vélez.
Despois da primeira fase realizada no mes de xaneiro, na que o alumnado puido gozar de produtos como leite, plátanos e mandarinas, continuamos agora con este programa que promove hábitos de vida saudables, unha alimentación equilibrada e o consumo de produtos galegos.
Con esta nova etapa seguimos apostando pola educación para a saúde e polo benestar do noso alumnado.
Semanas 3-4
"Ensaio Xeral e Marketing Final"
Almorzo de presentación do proxecto SNACKS FP: BOCADOS RESPONSABLES no Carlos Oroza.
Recrutamento de alumnado voluntario para monitores dos postos da feira
Campaña de Buzz: Última semana de publicidade no centro (conta atrás, presentación dos postos).
Nutrimentes visita o proxecto “Snacks FP: Bocados Responsables” no CIFP Carlos Oroza
O pasado xoves, 28 de maio, tivemos a oportunidade de asistir á xornada aberta organizada polo CIFP Carlos Oroza arredor da innovación educativa e da promoción dunha alimentación saudable e sostible na Formación Profesional.
O encontro contou coa participación da directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, así como con representantes doutros centros de FP de Palma de Mallorca e do País Vasco, que coñeceron de primeira man os principais eixes do modelo de innovación educativa desenvolvido polo centro.
Durante a xornada presentouse o proxecto Snacks FP: Bocados Responsables, coordinado polo CIFP Carlos Oroza en colaboración co CIFP Gamarra e o CIFP Juníper Serra. Esta iniciativa promove o deseño e prototipado de snacks saudables, nutritivos e sostibles, substituíndo a oferta habitual de produtos ultraprocesados e convertendo o vending nun espazo real de aprendizaxe e innovación para o alumnado.
Tras a benvida e introdución realizadas pola dirección do centro, cada unha das institucións participantes presentou os produtos desenvolvidos no marco do proxecto. Posteriormente, os asistentes tivemos a oportunidade de degustar as diferentes propostas, comprobando de primeira man a súa calidade, creatividade e o firme compromiso coa alimentación responsable que caracteriza esta iniciativa.
Entre os produtos presentados destacaron:
CIFP Carlos Oroza: galleta de améndoa, fresa e chocolate; iogur con granola e froitas liofilizadas; brookie; snack de queixo do Cebreiro, algas e pipas; e bocata de lacón con grelos e queixo tetilla.
CIFP Gamarra: grissini de Idiazábal e noces; snack elaborado con produtos da horta; linguas de froitas da contorna; e pastas de avea alavesa con canela e limón.
CIFP Juníper Serra: muffin de plátano e cacao; galletas mediterráneas; biscoito de cenoria; e flocos de millo con sabor barbacoa.
Desde Nutrimentes consideramos que experiencias como esta constitúen unha valiosa fonte de inspiración para seguir promovendo accións educativas relacionadas cos hábitos de vida saudables, a sustentabilidade e a educación alimentaria. Trátase dun proxecto innovador que demostra o potencial da Formación Profesional para dar resposta a retos actuais mediante propostas creativas, saudables e comprometidas co entorno.
Introdución do Sr. Director
CIFP Carlos Oroza
CIFP Gamarra
CIFP Juníper
O alumnado encargado de exercer como monitores e monitoras nos postos da feira foi o alumnado de 4º da ESO. Este grupo asumiu un papel fundamental na organización e dinamización das actividades, colaborando activamente na explicación das probas, na supervisión do seu desenvolvemento e na orientación do resto de participantes. A súa implicación contribuíu a garantir o bo funcionamento da feira, favorecendo ademais o desenvolvemento de competencias como a responsabilidade, a comunicación e o traballo en equipo.
Durante a última semana antes da feira desenvolveuse unha campaña de publicidade intensiva no centro co obxectivo de xerar interese e expectación. Para iso, colocouse publicidade nas paredes das distintas zonas do instituto, incluíndo carteis con conta atrás e presentación dos postos e actividades. Ademais, realizouse difusión directa nas aulas, explicando ao alumnado o funcionamento da feira e destacando as actividades previstas. Esta combinación de estratexias permitiu aumentar a visibilidade do evento e favorecer a participación de toda a comunidade educativa.
XUÑO
Semanas 1-2
"Loxística para a feira"
Deseño das probas finais para a feira
Análise e elaboración do material necesario: mobiliario, papelería...
O deseño das probas da 1ª Feira Saudable realizouse procurando combinar a adquisición de coñecementos relacionados coa saúde e a alimentación equilibrada co desenvolvemento de habilidades sociais, lingüísticas e motrices. Todas as actividades foron concibidas cun carácter participativo e lúdico, adaptándose ás características do alumnado da ESO.
Durante a fase de preparación seleccionáronse e elaboráronse probas que permitisen traballar diferentes ámbitos competenciais. Na zona educativa incluíronse actividades relacionadas coa interpretación da etiquetaxe alimentaria, a reflexión sobre hábitos saudables, a comprensión lectora a través de cómics en linguas estranxeiras e xogos de asociación de conceptos en galego, inglés e francés.
Paralelamente, deseñáronse retos de carácter práctico e deportivo para o pavillón, orientados ao desenvolvemento da coordinación, a precisión, a concentración e o traballo en equipo. As probas foron escollidas procurando que resultasen atractivas, dinámicas e accesibles para todo o alumnado participante.
Un dos criterios fundamentais durante o proceso de deseño foi que as actividades puidesen ser completadas nun tempo limitado e que permitisen a participación simultánea de varios grupos. Tamén se estableceu un sistema común de validación das probas mediante o uso de tarxetas de control e pegatinas, facilitando así o seguimento do progreso de cada equipo.
Antes da celebración da feira revisáronse e axustáronse os materiais, as normas e os criterios de superación de cada reto para garantir a súa viabilidade e o correcto funcionamento da actividade. Esta fase de planificación foi esencial para conseguir unha proposta equilibrada que combinase aprendizaxe, actividade física, diversión e convivencia.
ZONA 1
POSTO 1*
Biblioteca.- Etiquetado de alimentos en 3 linguas: Galego, Francés e Inglés
POSTO 2
Pantalla dixital: Cuestionario saudable
POSTO 3
Mesa grande entrada do centro: Resposta de preguntas sobre bandas deseñadas
POSTO 4
Corredor de mecanizado: Xogo de dobres disposto en 10 mesas
*Nota aclaratoria: A pirámide alimentaria empregada na actividade de etiquetado de alimentos foi elaborada antes do mes de xaneiro, tomando como referencia os materiais dispoñibles nese momento. Co fin de garantir unha información actualizada e rigorosa, incorporouse unha nota explicativa na que se indica a configuración actualmente recomendada da pirámide alimentaria e se explican os cambios introducidos nas revisións máis recentes dos modelos educativos de alimentación saudable.
ZONA 2
Water Flip Bottle
Globos
Torre de Vasos
Balón de Espuma
A organización da 1ª Feira Saudable requiriu unha planificación previa detallada para garantir o correcto desenvolvemento das actividades e a participación simultánea dos diferentes grupos de alumnado.
En primeiro lugar, realizouse unha análise das necesidades materiais de cada posto e das probas deportivas, elaborando e recompilando todos os recursos necesarios. Preparouse a papelería específica para cada actividade (tarxetas de participación, cuestionarios, fichas de traballo, pegatinas de control e materiais informativos), así como os soportes visuais empregados nos distintos postos.
Na Zona 1, dedicada ás actividades educativas, foi necesario habilitar espazos diferenciados para cada proposta. O posto de etiquetado de alimentos requiriu materiais impresos e recursos visuais relacionados coa alimentación saudable. Para o cuestionario interactivo empregouse unha pantalla táctil con acceso ás actividades preparadas previamente. O posto dos cómics precisou exemplares impresos e follas coas preguntas que o alumnado debía resolver. Pola súa banda, o xogo de dobres requiriu unha organización específica do espazo, sendo necesarias 10 mesas para distribuír adecuadamente os materiais e facilitar a participación simultánea dos grupos.
Na Zona 2, situada no pavillón deportivo, preparáronse os materiais necesarios para as diferentes probas de habilidade e coordinación: botellas de auga para o reto Water Bottle Flip, globos, vasos para a construción de torres e balóns de espuma para os retos deportivos.
Ademais, foi preciso organizar os itinerarios de circulación entre postos, distribuír os espazos para evitar aglomeracións e coordinar os horarios de participación de cada grupo. Tamén se prepararon as tarxetas de control que recibiu cada equipo ao inicio da actividade, nas que se rexistraba mediante pegatinas a superación das distintas probas.
A preparación dos premios para a 1ª Feira Saudable foi posible grazas ao excelente traballo en equipo desenvolvido polo profesorado participante.
Irene, do Departamento de Lingua Galega, encargouse da elaboración dos diplomas destinados aos equipos gañadores e da preparación das receitas de batidos saudables que se incluíron como parte dos agasallos.
Ademais, fixéronse uns chaveiros co logo do proxecto coa máquina de mecanizado láser do centro que se incluíron na cesta.
Mónica, do Departamento de Educación Física, foi a responsable da selección e compra dos produtos que conformaron as cestas saudables entregadas como premio aos equipos vencedores.
Pola súa banda, Sonia, do Departamento de Francés, encargouse da preparación e empaquetado das cestas, contribuíndo a que os premios presentasen unha imaxe atractiva e coidada.
A coordinación destas tarefas permitiu crear uns premios orixinais e motivadores para o alumnado, poñendo de manifesto a importancia do traballo colaborativo entre departamentos e a implicación do profesorado na organización de actividades que enriquecen a vida do centro.
Toda esta planificación permitiu desenvolver a feira de maneira fluída e ordenada, favorecendo a participación activa do alumnado e o correcto funcionamento das diferentes actividades propostas.
Diplomas e Receitas de Batidos Saudables
Chaveiros co logo do proxecto
Cestas Saudables
(Contido: froitos secos, chocolate negro, galletas integrais e chaveiro)
Semanas 3-4
"Montaxe e Celebración da Feira"
Envío de instruccións ao profesorado e alumnado
Deseño de horarios para de alumnado e profesorado
Montaxe dos postos
A celebración da 1ª Feira Saudable foi posible grazas á implicación e ao compromiso do profesorado participante, que dedicou tempo e esforzo máis aló das súas obrigas lectivas para garantir o éxito da actividade.
Na tarde anterior á feira, as profesoras integrantes do equipo de Nutriescolas, Irene, Yolanda, Sonia, Mónica, Margarita e María, permaneceron no centro fóra do seu horario laboral para realizar a montaxe dos distintos postos e deixar preparados todos os espazos. Este traballo adicional resultou imprescindible para que a actividade puidese desenvolverse nas mellores condicións posibles.
Durante varias horas organizouse o mobiliario, distribuíronse os materiais, preparáronse os recursos didácticos, acondicionáronse os espazos das probas e revisouse que cada posto contase con todo o necesario para o seu correcto funcionamento. Ademais, colocáronse os elementos de sinalización, preparáronse as tarxetas de participación e ultimáronse os detalles organizativos para evitar incidencias durante a xornada.
Cómpre destacar que este labor de preparación foi realizado de maneira totalmente voluntaria e grazas á disposición do profesorado para dedicar parte do seu tempo persoal á organización da feira. Sen esta dedicación extraordinaria, non sería posible levar a cabo actividades deste tipo, que enriquecen a vida do centro e ofrecen ao alumnado experiencias educativas motivadoras e significativas.
O esforzo realizado permitiu que todo estivese listo á primeira hora da mañá seguinte, garantindo un desenvolvemento fluído das actividades e contribuíndo ao éxito dunha iniciativa que contou cunha excelente acollida por parte do alumnado e do profesorado.
Co fin de garantir unha organización eficaz da 1ª Feira Saudable e favorecer o correcto desenvolvemento de todas as actividades, elaborouse unha planificación horaria específica tanto para o alumnado participante como para o profesorado implicado na organización.
Por unha banda, deseñouse un horario detallado para o alumnado, establecendo as quendas de participación de cada grupo e os tempos de paso polos diferentes postos e probas. Esta distribución permitiu organizar os fluxos de alumnado, evitar aglomeracións e asegurar que todos os grupos puidesen completar as actividades previstas.
Por outra banda, elaborouse tamén un horario específico para o equipo docente de Nutriescolas, no que se distribuíron as responsabilidades de supervisión, coordinación e dinamización dos distintos postos ao longo das dúas xornadas da feira.
Ademais, co obxectivo de facilitar a coordinación de todo o centro, remitíronse instrucións ao conxunto do profesorado nas que se detallaban os horarios de participación de cada grupo, así como as indicacións necesarias para que acompañasen ao seu alumnado aos espazos correspondentes nas horas asignadas. Esta comunicación previa permitiu que todos os docentes coñecesen o funcionamento da actividade e colaborasen no cumprimento da planificación establecida.
A elaboración destes horarios e a coordinación entre o profesorado resultaron fundamentais para garantir un desenvolvemento ordenado da feira, optimizar os tempos de participación e asegurar que todas as actividades se realizasen con normalidade.
Os días 18 e 19 de xuño celebramos no centro a nosa 1ª Feira Saudable, unha actividade organizada dentro do programa Nutriescolas co obxectivo de promover hábitos de vida saudables a través do xogo, a participación activa e o traballo en equipo.
O alumnado de 4º da ESO participou activamente na organización da feira, asumindo o papel de monitores nos diferentes postos. Encargáronse de guiar aos participantes durante as actividades, resolver dúbidas e validar a correcta realización de cada unha das probas.
Pola súa banda, o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO participou na competición distribuído en equipos dentro de cada grupo-clase. Ao inicio da actividade, cada equipo recibiu unha tarxeta na que se recollían todas as probas que debía completar ao longo do percorrido. Cada vez que superaban un reto, recibían unha pegatina na casa correspondente da tarxeta, o que lles permitía levar un rexistro visual do seu progreso e dos desafíos acadados.
Este sistema contribuíu a facer a actividade máis dinámica, motivadora e participativa, fomentando tanto o traballo en equipo como a aprendizaxe a través do xogo.
A feira estruturouse en dúas zonas diferenciadas, nas que o alumnado tivo que superar diversas probas e retos relacionados coa alimentación saudable, a actividade física e as competencias lingüísticas.
Nesta zona desenvolvéronse catro postos temáticos:
Posto 1: Etiquetado de alimentos
O alumnado realizou actividades relacionadas coa interpretación e análise da etiquetaxe alimentaria en tres linguas: inglés, francés e galego.
*Nota aclaratoria: A pirámide alimentaria empregada na actividade de etiquetado de alimentos foi elaborada antes do mes de xaneiro, tomando como referencia os materiais dispoñibles nese momento. Co fin de garantir unha información actualizada e rigorosa, incorporouse unha nota explicativa na que se indica a configuración actualmente recomendada da pirámide alimentaria e se explican os cambios introducidos nas revisións máis recentes dos modelos educativos de alimentación saudable.
Posto 2: Cuestionario interactivo sobre saúde
A través da pantalla táctil, os participantes responderon a un cuestionario interactivo sobre alimentación, hábitos saudables e benestar. A actividade estaba composta por 13 preguntas de diferente nivel de dificultade, deseñadas para poñer a proba os seus coñecementos de forma dinámica e amena. No caso de cometer un erro, debían reiniciar o cuestionario desde o inicio. Cada participante dispoñía dun máximo de tres intentos para completar correctamente a proba.
Posto 3: Bandas deseñadas
Os grupos participantes tiveron que localizar e identificar as respostas a unha serie de preguntas empregando como fonte de información diversos cómics elaborados en inglés e francés polo alumnado de 1º e 4º da ESO. Para superar a proba, era necesario ler con atención os textos, interpretar a información contida nas viñetas e seleccionar correctamente os datos relevantes.
O cuestionario estaba composto por un total de 10 preguntas en inglés e 10 preguntas en francés, relacionadas co contido dos cómics. A actividade requiría que os membros de cada equipo colaborasen entre si, repartindo tarefas, contrastando respostas e chegando a acordos antes de completar o cuestionario.
Esta proba contribuíu ao desenvolvemento da comprensión lectora en linguas estranxeiras, ao tempo que reforzou o vocabulario e as estruturas lingüísticas traballadas durante o curso. Ademais, fomentou o traballo cooperativo, a comunicación entre iguais, a capacidade de análise da información e a resolución conxunta de problemas, converténdose nunha actividade dinámica e motivadora para o alumnado.
Posto 4: Xogo de dobres
Nesta actividade lingüística, o alumnado participou nun dinámico xogo de asociación de conceptos relacionados coa saúde, os hábitos de vida saudables e o benestar en inglés, francés e galego. A través dunha versión adaptada do xogo Dobble, os participantes debían identificar o máis rápido posible os elementos coincidentes entre diferentes cartas e nomealos correctamente na lingua correspondente. O material para estes xogos foi elaborado polo alumnado da ESO.
A actividade permitiu reforzar e ampliar o vocabulario específico traballado nas distintas materias lingüísticas, favorecendo a comprensión e o uso de termos relacionados coa alimentación, a actividade física, a saúde e os hábitos saudables. Ademais, ao tratarse dun xogo de observación e rapidez, o alumnado tivo que manter un elevado nivel de concentración durante toda a proba.
Este reto non só contribuíu ao desenvolvemento das competencias comunicativas e lingüísticas nas tres linguas, senón que tamén potenciou a rapidez mental, a axilidade no procesamento da información, a atención sostida e a agudeza visual. Así mesmo, fomentou a participación activa, a motivación e a aprendizaxe a través do xogo, creando un ambiente dinámico e colaborativo no que o alumnado puido poñer en práctica os seus coñecementos de forma lúdica e atractiva.
A segunda zona da feira estivo dedicada a probas físicas e de habilidade, deseñadas para fomentar a actividade física, a coordinación motriz e o traballo en equipo. A través de diferentes retos dinámicos, os participantes tiveron que demostrar a súa destreza, capacidade de organización e colaboración cos seus compañeiros e compañeiras para superar con éxito cada unha das actividades propostas.
Entre as probas realizadas atopábanse as seguintes:
Water Bottle Flip Challenge: os integrantes de cada equipo participaban por relevos nun reto que consistía en lanzar unha pequena botella de auga para conseguir que aterrase de pé. A actividade requiría precisión, concentración e control dos movementos, ademais de favorecer a perseveranza ante os intentos fallidos.
Proba con globos por relevos: os participantes debían desprazarse transportando un globo entre os seus corpos sen utilizar as mans. En cada nova rolda incorporábase un membro máis ao equipo, aumentando progresivamente a dificultade da proba. Este reto potenciou a coordinación grupal, a comunicación e a cooperación entre os membros do equipo.
Construción de torres de vasos: mediante un sistema de relevos, o alumnado tiña que desprazarse ata unha mesa para construír unha torre cun número determinado de vasos de plástico. Unha vez completada, debían desmontala seguindo unhas normas específicas, retirando os vasos un a un. Esta actividade puxo a proba a coordinación, a planificación e a habilidade manual dos participantes.
Retos con balón de espuma: os equipos debían transportar un balón de espuma facendo que este se deslizase polas costas dos compañeiros ata chegar ao punto marcado. A proba requiría coordinación, equilibrio e unha boa organización do grupo para evitar que o balón caese durante o percorrido.
Estas actividades permitiron combinar exercicio físico, diversión e aprendizaxe, promovendo valores como o esforzo, a cooperación, o respecto polas normas e a importancia do traballo en equipo para alcanzar un obxectivo común.
Inicialmente estaba prevista tamén a realización dun Bingo Saudable, no que os equipos deberían responder correctamente a distintas preguntas relacionadas coa saúde e os hábitos de vida saudables para completar un cartón. Porén, debido ás limitacións de tempo derivadas do desenvolvemento do resto das actividades, esta proba non puido levarse a cabo finalmente.
O alumnado gañador foi agasallado cunha cesta saudable como recoñecemento á súa participación, implicación e esforzo ao longo da actividade. Ademais dun chaveiro co logo do proxecto, a cesta incluía unha selección de alimentos saudables, como froitos secos, chocolate negro e galletas integrais.
Como complemento ao premio, os gañadores tamén recibiron un diploma acreditativo e un receitario de batidos saudables, co obxectivo de fomentar hábitos de alimentación equilibrada máis alá da aula. Un pequeno recoñecemento para poñer en valor o seu traballo e o seu compromiso coa promoción dun estilo de vida saudable.
A participación do alumnado foi moi positiva, destacando a súa implicación, entusiasmo e espírito de colaboración ao longo das dúas xornadas. Tamén cómpre agradecer a colaboración e o compromiso do profesorado participante, cuxa implicación resultou fundamental para o éxito da actividade.
A 1ª Feira Saudable converteuse nunha experiencia enriquecedora que permitiu combinar aprendizaxe, actividade física e convivencia, fomentando hábitos saudables dun xeito dinámico e motivador.