Aínda que o proxecto Nutrimentes: Alimentando o futuro desde a escola comezou oficialmente no mes de novembro, xa en outubro se empezaron a dar os primeiros pasos para preparar o alumnado e o profesorado. Neste sentido, a docente Yolanda Garrido iniciou o traballo de sensibilización asistindo á conferencia “Mi cerebro tiene hambre”, impartida pola divulgadora sanitaria Boticaria García dentro da programación de conferencias de ABANCA. Esta actividade serviu para quentar motores e achegar ideas, recursos e coñecementos que posteriormente se incorporaron ao desenvolvemento do proxecto ao longo do curso.
"Actividades de coordinación e planificación do proxecto"
Reunión de coordinación interdepartamental (Educación Física, Lingua Galega, Lingua Inglesa, Francés, Debuxo e Dinamización Lingüística).
Deseño das rúbricas de avaliación e planificación conxunta.
Creación do espazo virtual compartido (Aula Virtual) para o seguimento do proxecto.
Na reunión inicial presentouse o profesorado participante e definíronse os obxectivos comúns do proxecto, destacando a importancia da colaboración entre departamentos, a realización de actividades conxuntas e a recollida de evidencias a través da aula virtual.
Informouse tamén da colaboración co ciclo de Formación Profesional de Dietética e propuxéronse diversas actividades, como a elaboración de bandas deseñadas, a participación en obradoiros e a organización dunha feira de nutrición e vida saudable a final de curso.
Durante novembro de 2025 realizouse a planificación conxunta do proxecto, na que o profesorado colaborou no deseño de rúbricas de avaliación comúns para valorar o desenvolvemento das actividades. Este traballo permitiu establecer criterios compartidos, garantir a coherencia entre áreas e reforzar a coordinación entre departamentos.
Acordouse empregar o correo electrónico como principal canle de comunicación e deixar liberdade para propoñer actividades sempre que estean relacionadas coa temática do proxecto.
Co fin de facilitar a coordinación e o traballo colaborativo entre o profesorado participante, creouse un espazo virtual na plataforma Moodle durante o desenvolvemento do proxecto. Este espazo permite compartir información relevante, materiais e recursos, así como organizar as distintas actividades previstas.
Ademais, a aula virtual serve como canle de comunicación entre o profesorado, favorecendo o intercambio de ideas, a resolución de dúbidas e o seguimento do proxecto. Tamén posibilita a subida de evidencias das actividades realizadas, contribuíndo a unha mellor organización e avaliación do traballo desenvolvido.
"Actividades introdutorias"
Presentación dixital do alumnado
“Que comemos realmente?”
"Que hai na túa nevera?
Investigación sobre os alimentos ultraprocesados, alimentos proteicos e graxas saudables
Celebración do Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial
Elaboración do logo e da banda sonora do proxecto
Vídeos Animados con consellos saudables
Glosario de termos saudables en inglés de YouTube
Os participantes fixeron o seu avatar usando a aplicación Bitmoji. Logo, no muro de Padlet, presentáronse dando unha visión xeral da súa personalidade en inglés.
QUE COMEMOS REALMENTE: ENQUISA E ANÁLISE
O alumnado de 1º Bacharelato de Ciencias Sociais recolleu e analizou os datos sobre os hábitos alimenticios do alumnado doutros cursos.
O alumnado realizou unha enquisa sobre hábitos alimenticios. ENQUISA
O alumnado de 1º de Bacharelato de CCSS fixo unha análise dos resultados obtidos en inglés.
Na materia de Francés o alumnado elaborou con material funxible o contido da súa nevera. Tamén aprendeu a expresar a cantidade usando o partitivo. Gramática é vocabulario mesturado con hábitos saudables son un método dinámico de aprendizaxe.
O alumnado de 1º da ESO, na materia de Proxecto Competencial, realizou unha investigación sobre os alimentos ultraprocesados, os alimentos ricos en proteínas e as graxas saudables.
Durante este trimestre, na materia de Proxecto Competencial, o alumnado realizou varias actividades relacionadas coa alimentación saudable dentro do programa Nutriescolas. Tivemos a sorte de recibir ao alumnado do ciclo de Dietética, que impartiu unha charla no salón de actos sobre hábitos de alimentación saudable, nutrición e os diferentes grupos de alimentos, reforzando así os contidos que xa traballaramos na aula durante o primeiro trimestre.
Despois da charla, trouxeron distintas froitas de tempada para que o alumnado puidese degustalas. Foi unha experiencia moi positiva, xa que os nenos e nenas participaron con moito interese e gozaron probando as diferentes froitas.
CELEBRACIÓN DO DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL
Na ESO celebramos o Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial. Aínda que a celebración deste día foi o 17 de outubro, o alumnado traballou a importancia da cociña galega como seña identitaria.O Departamento de Lingua Galega e Literatura foi o encargado de coordinar a actividade.
Reflexionouse sobre as receitas e o cambio das mesmas ao longo do tempo. En próximas sesións traballarán en alternativas saudables ás receitas orixinais.
O logo gañador do proxecto Nutrimentes: alimentando o futuro desde a escola foi elaborado por Iago M., alumno de 4º de ESO B.
O alumnado deste curso participou activamente no proceso creativo, deseñando unha serie de propostas cheas de imaxinación, compromiso e sensibilidade coa temática do proxecto. Tras unha votación, resultou elixido como gañador o logo que aparece na imaxe da esquerda, destacando pola súa forza visual, claridade e capacidade para representar os valores de alimentación saudable, educación e futuro.
Este deseño converteuse xa nun símbolo do proxecto, reflectindo o talento, a implicación e a creatividade do noso alumnado.
Claudia G., de 4º ESO B, compuxo unha fermosa canción que será a banda sonora do proxecto Nutrimentes: alimentando o futuro desde a escola.
A súa creación destaca pola enorme creatividade e pola orixinalidade coa que soubo transmitir a importancia dunha alimentación saudable e consciente desde as aulas. A melodía, fresca e inspiradora, combina emoción e mensaxe educativa dun xeito natural, conseguindo conectar co alumnado e coa comunidade educativa.
Sen dúbida, trátase dunha obra chea de sensibilidade e talento que reforza a identidade do proxecto e lle dá voz, ritmo e corazón a esta iniciativa tan necesaria.
"O Impacto do que Comemos"
Investigación en grupos das consecuencias dunha alimentación incorrecta (enfermidades, falta de enerxía, impacto emocional).
Creación de infografías/muraís dixitais
Elaboración de materiais didácticos: vídeos, cómics, glosarios bandas deseñadas... sobre mitos e verdades da alimentación adolescente, consellos para unha alimentación saudable.
INFOGRAFÍAS SOBRE AS ENFERMIDADES NUTRICIONAIS: NUTRITIONAL DISEASES
Unha alimentación desiquilibrada ou pouco saudable pode ter consecuencias graves sobre a saúde. O alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias elaborou unhas infografías en inglés sobre as 10 enfermidades nutricionais máis comúns.
O alumnado leu un texto sobre as bebidas enerxéticas e, a partir del, investigou os seus ingredientes, o contido de azucre e cafeína, os efectos para a saúde e comparounas con outras bebidas, rematando cunha opinión persoal argumentada.
O alumnado de 2º de ESO na materia de Proxecto Competencial pescudou a cantidade de azucre que conteñen algúns alimentos como o iogur, galletas, zumos e algúns refrescos populares. É sorprendente a cantidade de azucre innecesario que consumimos a diario.
O alumnado de 1º de Bacharelato elaborou uns orixinais vídeos animados usando a aplicación Plotagon con consellos sobre vida saudable e nutrición.
No marco das actividades de Nutriescolas, o alumnado elaborou un glosario colaborativo con termos relacionados coa saúde e a nutrición en inglés. Para facilitar a comprensión e facer a aprendizaxe máis dinámica, cada termo inclúe vídeos explicativos de YouTube en inglés.
Este recurso está a disposición de toda a comunidade educativa co obxectivo de promover hábitos de vida saudables e mellorar o vocabulario relacionado coa alimentación e o benestar dun xeito práctico e motivador.
"Movemento vs. Sedentarismo: A Balanza da Saúde"
Investigación sobre a importancia do exercicio físico e as consecuencias negativas do sedentarismo.
Elaboración de presentacións curtas (tipo PechaKucha ou Elevator Pitch).
"Decisións no Prato e no Sofá"
Análise de publicidade de produtos alimentarios e de lecer (sedentario).
Debate sobre as estratexias de marketing e a toma de decisións informadas sobre o consumo.
Elaboración de receitas de nadal.
A actividade “Movemento vs. Sedentarismo: A Balanza da Saúde” centrouse en reflexionar sobre a importancia do exercicio físico e os efectos negativos dunha vida sedentaria. O alumnado investigou como a actividade física contribúe ao benestar físico e mental, mellora a saúde cardiovascular, fortalece os músculos e prevén enfermidades, mentres que o sedentarismo está asociado a riscos como obesidade, fatiga, problemas posturais e malestar emocional.
Tras esta investigación, o alumnado elaborou presentacións curtas, ao estilo PechaKucha ou Elevator Pitch, para comunicar de forma clara e concisa as conclusións do seu traballo, combinando información relevante con mensaxes que conciencian sobre a necesidade de levar un estilo de vida activo e saudable.
Un elevator pitch é unha presentación breve e clara na que se expón unha idea principal en moi pouco tempo, normalmente entre 30 segundos e 2 minutos, como se coincidises con alguén nun ascensor. O seu obxectivo é captar a atención de forma rápida e transmitir unha mensaxe de maneira sinxela, directa e convincente.
Neste caso, as presentacións do alumnado céntranse en concienciar sobre os perigos da vida sedentaria, como poden ser problemas de saúde física e mental, e destacan a importancia de manter unha vida activa. A través destes elevator pitch, ademais de practicar a lingua estranxeira, o alumnado explica como o exercicio físico regular contribúe a mellorar o benestar, previr enfermidades e levar unha vida máis saudable.
Unha presentación PechaKucha é un formato de exposición oral dinámico e visual no que se empregan 20 diapositivas, mostradas durante 20 segundos cada unha. Isto obriga a quen presenta a ser claro, conciso e a apoiar o discurso en imaxes máis que en texto, facendo a explicación máis áxil e atractiva para o público.
Neste contexto, o alumnado de 1º de bacharelato elaborou presentacións deste tipo co obxectivo de dar a coñecer os perigos da vida sedentaria e destacar a importancia da actividade física. A través deste formato creativo, conseguiron transmitir mensaxes claras e impactantes sobre como o exercicio contribúe á saúde e ao benestar, fomentando hábitos de vida máis activos.
A actividade “Decisións no Prato e no Sofá” tivo como obxectivo desenvolver unha visión crítica sobre os hábitos de consumo relacionados coa alimentación e o lecer sedentario. O alumnado de 1º de Bacharelato de Ciencias Sociais traballou por grupos analizando diferentes produtos pouco saudables, como cremas de cacao, doces industriais, comida rápida ou patacas fritidas, xunto con exemplos de ocio sedentario, como as consolas de videoxogos.
A partir desta análise, o alumnado estudou como a publicidade inflúe nas nosas decisións, identificando estratexias de marketing como o uso de imaxes atractivas, mensaxes emocionais ou a asociación con estilos de vida desexables. Finalmente, realizouse un debate no que reflexionaron sobre a importancia de tomar decisións informadas e responsables, fomentando hábitos de vida máis saudables e activos.
ELABORACIÓN DE RECEITAS DE NADAL
O alumnado de 1º de ESO participou nunha actividade do programa Nutriescolas na que elaborou diferentes receitas relacionadas co Nadal. Durante a proposta, o alumnado traballou aspectos de alimentación saudable e creatividade culinaria, achegándose á tradición gastronómica destas datas dun xeito lúdico e educativo.
"Planificando un Prato Saudable e Sostible"
Deseño de menús semanais equilibrados para adolescentes, considerando a estacionalidade e o custo.
Creación dun Repositorio/Caderno Dixital de Receitas saudables e fáciles
PROPOSTA DE MENÚS
O alumnado da materia Proxecto Competencial de 1º da E.S.O. elaborou unha proposta de menús equilibrados, incorporando alimentos que son do seu agrado. Para iso, tiveron en conta a importancia dunha alimentación saudable e variada, combinando distintos grupos de alimentos como froitas, verduras, cereais, proteínas e produtos lácteos.
Ademais, reflexionaron sobre os seus propios hábitos alimentarios e aprenderon a tomar decisións máis conscientes á hora de escoller o que comen, valorando tamén a calidade nutricional dos produtos. Este traballo permitiulles desenvolver habilidades de planificación e fomentar un estilo de vida máis saudable, ao tempo que potenciaron a súa autonomía e responsabilidade.
REPOSITORIO DIXITAL DE RECEITAS SAÚDABLES E FÁCILES
O alumnado da E.S.O. e de 1º de Bacharelato creou un repositorio de receitas saudables e sinxelas en francés e inglés. Ademais, este repositorio inclúe un vídeo no que se explica, paso a paso, como elaborar as receitas de maneira doada.
FRANCÉS
INGLÉS
"Comunicando Saúde: Os Primeiros Pasos"
Elaboración de Material de Difusión I: Utilizando o logo xa creado, os grupos deseñan os primeiros carteis, posts para redes e stickers con mensaxes clave sobre alimentación e exercicio, empregando linguas cooficiais e linguas estranxeiras.
Plan FOGGA: Reparto de leite e froita (15 - 28 de xaneiro)
Charla: Lidia Folgar, 23/01/2026
10:10- 11:00 ----> 2º e 4º E.S.O.
11.25-12:15 ----> 1º e 3º E.S.O.
13:20-14:10 ---->1º BAC
ELABORACIÓN DE MATERIAL DE DIFUSIÓN
O alumnado da E.S.O. e de 1º de Bacharelato elaborou material de difusión con mensaxes clave sobre alimentación e exercicio, empregando linguas cooficiais e linguas estranxeiras. Elaboráronse pósteres, stickers e posts para as redes sociais.
Ao longo deste proceso, o alumnado traballou a importancia de transmitir información clara, atractiva e rigorosa, adaptada a diferentes públicos. Ademais, fomentouse a creatividade e o uso responsable das ferramentas dixitais, así como o traballo colaborativo.
Esta actividade contribuíu a sensibilizar á comunidade educativa sobre a relevancia de manter hábitos de vida saudables, ao tempo que o alumnado mellorou as súas competencias comunicativas e dixitais en distintos idiomas.
PLAN FOGGA
O noso centro iniciou hoxe o Plan FOGGA da Xunta de Galicia dirixido ao alumnado da E.S.O., baixo a coordinación de Mónica Vélez. Esta iniciativa ten como obxectivo fomentar hábitos de vida saudables e unha alimentación equilibrada entre os mozos e mozas, promovendo o consumo de produtos galegos. O programa desenvolverase no noso centro do 15 ao 28 de xaneiro, cunha duración total de 10 días lectivos. No primeiro día repartíronse leite, plátanos e mandarinas entre o alumnado participante.
O noso centro contará coa presenza da coñecida nutricionista Lidia Folgar.
Lidia Folgar é nutricionista titulada, especializada en promover hábitos de vida saudables a través dunha alimentación equilibrada e personalizada. O seu traballo céntrase en acompañar ás persoas na mellora da súa saúde e benestar, adaptando cada recomendación ás necesidades individuais e ao estilo de vida de cada paciente.
No seu labor diario aposta por unha alimentación consciente, equilibrada e sostible, afastada de dietas restritivas, poñendo no centro o benestar físico e emocional das persoas. Destaca pola súa cercanía no trato, a súa capacidade de escoita e pola adaptación das pautas nutricionais ás necesidades reais de cada persoa, buscando cambios duradeiros e realistas no tempo.
No IES Frei Martín Sarmiento tivo lugar unha charla impartida por Lidia Folgar sobre nutrición. Ao longo da sesión reflexionouse sobre como as redes sociais inflúen na maneira na que vemos o noso propio corpo e o dos demais, xerando comparacións e presións pouco realistas. A charla puxo o acento na importancia de escoitar e respectar as necesidades reais do corpo, promovendo a aceptación persoal fronte ás esixencias e expectativas sociais.