OBSERVAR A TRAVÉS DOUTRAS VENTÁS

Observación docente en Avrig (Transilvania)

Do 25 ao 29 de novembro de 2024, a Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra participou dunha enriquecedora experiencia de observación docente no Liceul Teoretic Gheorghe Lazăr, en Avrig, moi preto da medieval cidade de Sibiu, na rexión de Transilvania, en Romanía. Este intercambio formou parte da cuarta e última fase do programa "Observa_acción" que coordinan - conxuntamente - o Centro de Formación e Recursos para o Profesorado na provincia de Pontevedra e o Centro Autonómico de Formación e Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia. O programa foi implemetado durante os últimos catro anos na nosa escola, avanzando cara a unha etapa internacional no actual curso escolar.

Viaxaron tres docentes do noso centro: Alejandra Alonso Lorenzo, do departamento de francés, Paula Gómez Cernadas, do departamento de inglés, e Begoña Suárez Moreno, do departamento de italiano, así como unha das asesoras do CFR de Pontevedra: Ana María Velo Barreiro, que nos brindou apoio durante a estancia. As catro estivemos ilusionadas por mergullarnos na realidade educativa desta institución e do seu país, por coñecer de primeira man outras metodoloxías e culturas docentes e por compartir experiencias que nos axuden a crecer como profesionais.  

Tras anos de experiencia en observación, sabiamos das súas vantaxes: aprender doutros enfoques, reflexionar sobre a nosa propia práctica docente e descubrir novas ferramentas para motivar e apoiar ao noso alumnado. Ademais, observar proporciona momentos únicos para establecermos conexións co profesorado doutros contextos e para intercambiarmos ideas. Abofé que esta experiencia foi unha fonte de inspiración, que ten beneficiado tanto a nosa escola como ao Liceul Teoretic Gheorghe Lazăr, Avrig!

Neste portafolios deixamos constancia das nosas vivencias, observacións e reflexións, co obxectivo de compartir esta aprendizaxe e contribuír á mellora colectiva da nosa comunidade educativa. Compartes connosco esta aventura vivida? Acompáñanos a observar preto da cidade que observa!