Dia 5: Despedida e primeiras reflexións
Dia 5: Despedida e primeiras reflexións
A experiencia no Liceul Teoretic Gheorghe Lazăr foi moito máis que unha oportunidade de observación docente: foi un encontro transformador, tanto a nivel profesional como persoal. Tivemos a oportunidade de explorar prácticas educativas nun contexto distinto, reflexionando sobre como aspectos como a improvisación, a creatividade e a xestión dos recursos limitados poden ter un impacto positivo no ensino e na aprendizaxe.
Como docentes, regresamos con novas ideas para enriquecer as nosas clases, conscientes de que non só os métodos ou os recursos marcan a diferenza, senón tamén a conexión humana e o compromiso co alumnado. Aprendemos do entusiasmo dos profesionais romaneses e da súa capacidade para facer moito co pouco que teñen.
A nivel persoal, a viaxe abriunos os ollos á riqueza cultural de Romanía, á calor humana das persoas que coñecemos e á importancia de saír da nosa zona de confort para cuestionarnos como profesionais e como individuos. Volvemos con novas perspectivas e unha motivación renovada para mellorar o noso labor docente.
É importante destacar que este tipo de mobilidades non serían posibles sen o apoio institucional. Nun contexto onde, como vimos, moitos centros educativos carecen de recursos ou de iniciativas similares, o noso compromiso co desenvolvemento profesional debe ser, máis ca nunca, unha prioridade. Estas experiencias demostran que o intercambio cultural e educativo non só beneficia ao profesorado, senón tamén ao alumnado e, en última instancia, á comunidade educativa no seu conxunto.