Día 3: As experiencias de observación
Día 3: As experiencias de observación
Novamente, o día comezou ás 8.00 da mañá coa clase de inglés en bacharelato de Catarina. O alumnado non sabía da nosa chegada e a sorpresa semellou agradable e motivadora! Ben pola súa profe! Segundo a propia Catarina, favoreceu o seu comportamento.
A sesión desenvolveuse sen incidencia. As actividades, que tiñan como obxectivo consolidar o emprego do "present perfect simple and continous", estaban intelixentemente andamiadas. Debemos ter en conta que era moi cedo e que as rapazas e rapaces tiñan uns 17 anos. Como podía Catalina motivalos? Pois sinxelo e eficaz: a actividade inicial, posta en marcha a modo de asemblea, partiu dun vídeo animado: "Give in to giving", no que o alumnado foi quen de revisar a estrutura antes de realizar os exercicios dunha fotocopia. Dende aí, a clase transcorreu de xeito fluído: o alumnado traballou individualmente e en parellas. Xa que logo, os diferentes agrupamentos fixeron que a sesión resultase amena e frutífera. Brava, Catalina!
A seguinte sesión foi a sorpresa para nós! Visitamos a súa escola infantil, que está preto ao instituto, no centro de Avrig. Alí nos agardaba o alumnado máis cativo, vestido co traxe típico de Romanía, para compartir connosco os símbolos máis representativos do seu país e cantarnos unha canción tradicional. Agasalláronnos cunha bandeira nacional e conversamos coa súa mestra, que tiña artellada unha clase lúdica, de carácter moi participativo: os pequenos e pequenas estaban encantados de poder saír ao taboleiro dixital que estrearan hai un par de meses para completar as tarefas do Wordwall que a súa profesora tiña preparado para eles.
Dous momentos memorables puxeron o ramo á xornada:
fomos invitadas a unha recepción co párroco da igrexa ortodoxa da vila, que foi construída hai apenas 30 anos moi preto do instituto. Alí nos falou do seu compromiso coas xentes da contorna e co alumnado do Liceul Gheorghe Lazăr: Foron os propios nenos e nenas os que colaboraron na posta en marcha do xardín da igrexa, traballando arreo xunto co profesorado.
visitamos un pequeno museo etnográfico en Avrig. Alí aprendemos a tecer segundo as técnicas romanesas máis ancestrais e desfrutamos dos obxectos de cristal que foron feitos na famosa Fábrica de Sticlă da vila, que pechou en setembro de 2020, deixando sen traballo a máis de 120 familias do distrito e tras máis de 400 anos de actividade empresarial. Curiosamente, moitas delas emigraron a España. De aí que varios dos alumnos e alumnas do Liceul Gheorghe Lazăr puidesen falar español e tamén o motivo polo que o centro está moi implicado nas políticas sociais do municipio, colaborando co seu programa de almorzos gratuítos e transporte escolar para todas e todos os que o precisen.