Día 4: Observación nas diferentes etapas educativas
Día 4: Observación nas diferentes etapas educativas
O derradeiro día comezou novamente ás 8.00. No centro esperaba Catalina, unha vez máis, para levarnos novamente ás nosas aulas. Comezamos con Claudia e a súa clase de francés en secundaria. A sesión desenvolveuse integramente en francés e o alumnado semellaba non ter dificultades para comprender á súa profesora. Claudia agrupa aos seus alumnos e alumnas en filas de dous e deu gusto ver como se axudaban entre eles. O obxectivo principal da clase foi repasar para unha inminente proba. Aínda así, os nenos e nenas desfrutaron escribindo as súas respostas no panel dixital. Malia que o centro leva apenas dous meses con eles, os rapaces e rapazas xa están afeitos e satisfeitos dos resultados que obteñen ao cambiaren as cores e xogar cos trazos do pincel.
Na xornada de hoxe traballamos arreo: tras a sesión de francés, voltamos ás aulas de inglés de Catalina. Desta volta, observamos ao alumnado de segundo de primaria. Novamente, a competencia dixital da docente resultou evidente: empregou o taboleiro dixital para que os nenos e nenas participasen nun memory game ben entretido para repasar as partes do corpo en inglés. Malia que se introduciron palabras novas, o emprego de imaxes e son foi clave para a comprensión. A actividade foi un éxito!
Tras as clases de linguas estranxeiras, voltamos cambiar de etapa: tocou latín en bacharelato, lingua romanesa en primaria e volta con francés na clase de primaria de Simona.
A xornada concluíu cunha pequena presentación que Ana e Paula, coordinadora do CFR e xefa de estudos da EOI respectivamente, fixeron para o profesorado do centro. O noso obxectivo tiña unha dobre vertente:
Dar a coñecer e poñer en valor as nosas escolas oficiais de idiomas como centros públicos únicos para o ensino de linguas estranxeiras das persoas adultas.
Difundir o labor que realiza o CFR de Pontevedra, que fornece formación continua ao profesorado da nosa comunidade.
Sorprendéronnos as moitas preguntas por parte do claustro, porque... claro! Ningunha das dúas institucións existen en Romanía.
Para rematar, o coro do colexio, acompañado dun saxofón e dun clarinete que tocaban dous dos profesores, interpretou varias cancións tradicionais romanesas, para conmemorar o Día Nacional, que se celebra o 1 de decembro, día no que os actos festivos están prohibidos, por ser electoral. Quen sabe! Se cadra, o futuro do sistema educativo que vimos de observar muda por mor da situación política do país. O tempo o dirá!