Día 2: Tour polo Liceul Teoretic Gheorghe Lazar, Avrig
Día 2: Tour polo Liceul Teoretic Gheorghe Lazar, Avrig
A mañá comezou solleira e recibimos unha calorosa benvida dos/as nosos/as colegas en Avrig. Tiñan varias aulas esperándonos e fomos quen de visitar e compartir momentos breves co alumnado de infantil, primaria e secundaria, asistindo a clases de francés, lingua romanesa, historia e mesmo visitando o departamento de orientación, onde unha soa especialista cubre as necesidades de todos os rapaces e rapazas do centro.
Topamos moitas similitudes co noso sistema educativo: compartimos inquedanzas no relativo á autonomía do alumnado e á inclusión educativa e foi interesante descubrir a filosofía do centro: a escola é o teu fogar.
Para cumprir este obxectivo, teñen desenvolto varias iniciativas interesantes:
decoran as clases con cortinas de cores escollidas polas nais e pais dos rapaces e rapazas.
engalanan as paredes con murais que o profesorado elabora co alumnado.
realizan actividades de diversa índole co alumnado na súa luminosa biblioteca, onde hai una persoa bibliotecaria que se encarga de que estea sempre en marcha!
teñen posto en marcha un particular museo etnográfico con obxectos e doazóns do alumnado e das súas familias, para poñer en valor o seu patrimonio cultural. No carrusel de fotografías pódese observar unha pequena mostra desta escolma.
Os momentos máis emotivos da xornada tiveron lugar en dous espazos ben diferentes:
Compartimos co equipo directivo do centro un almorzo dos que o alumnado fai diariamente na súa aula, durante un descanso de 20 minutos, entre as últimas dúas clases da xornada. Sorprendeunos o traballo colaborativo dos rapaces e rapazas, que se encargan - personalmente e en equipo - de trasladar as viandas a cada aula, atravesando corredores e escaleiras infinitas!
Visitamos a terraza do seu edificio, onde desfrutamos das vistas aos Cárpatos e ao pequeno pobo de Avrig.