Dende 1964, para conmemorar a morte de Gandhi, celébrase o 30 de xaneiro o Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Nesta data recórdase a necesidade da educación para a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz.
Na nosa escola decidimos celebrar o Día da Paz reuníndonos no patio para representar e cantar todos xuntos a canción “Chea de Vida”. Esta canción non so ten unha clara mensaxe de defensa deste ideal, senón que vai acompañada no seu retrouso da linguaxe de signos, que aprendemos todo o alumnado e os mestres.
Despois do recreo corremos unha carreira pola paz, co fin de reunir fondos para a organización non gubernamental “Save the children”. Este é o terceiro ano que realizamos esta actividade na que os nenos e nenas da escola son patrocinados polas súas familias e amigos cunha cantidade voluntaria por volta. Esta cantidade increméntase dependendo do número de voltas dadas.
Establecéronse dous circuítos, un para os máis pequenos e outro para o resto dos rapaces. Todos eles participaron esforzándose ao máximo e logrando case 2000 euros, unha pequena achega que axudará a mellorar as condicións de vida de moitos nenos desfavorecidos.
O Día de Paz foi unha xornada emotiva e festiva, un día para recordar e reflexionar que a educación é fundamental como ferramenta para solucionar os conflitos.
E nunha celebración tan importante no mundo escolar como é a do día da paz, a Biblioteca non quixo deixar pasar esta data sen o seu tradicional photocall da paz que tanto lle gusta a comunidade escolar, e sobre todo ós nosos alumnos e alumnas, que pasan os recreos facendo fotos a esgalla. Esperamos que disfrutedes, a lo menos, a metade do que disfrutaron eles facendo cerca de 400 fotografías, as que aparecen no vídeo, son unha pequena mostra delo.