BIOGRAFÍA DA AUTORA
Na materia de Lingua Galega e Literatura, escollemos como tipo de texto a traballar durante o comezo do curso a biografía.
Comezamos lendo e analizando diferentes modelos. Logo, elaboramos algunhas en grupo, escollendo como protagonistas ás xogadoras da Selección Española de Fútbol. Despois desta práctica grupal, cada alumno e alumna, individualmente, buscou, seleccionou e organizou información para redactar unha biografía de Joanne Rowling, a autora da obra escollida para traballar no 3º ciclo: "Harry Potter y la piedra filosofal".
CARTA A HOGWARTS
Comezamos a actividade recibindo unha carta de Hogwarts na que nos ofertaban a posibilidade de pasar uns días nesta escola. Non obstante, como non todos podiamos asistir, os interesados debían elaborar unha carta de presentación, incluindo varios aspectos solicitados pola mismísima Minerva McGonagall.
As cartas son a forma de comunicación a distancia empregada no mundo de Harry Potter, como ben puidemos ir observando a medida que avanzabamos na lectura da obra. Aproveitamos entón para traballar este tipo de texto na materia de Lingua Castelá, empregando un rexistro formal na súa escrita.
Tras analizar a estrutura da carta e identificar que información deberían incluir no seu escrito, os nenos e nenas cubriron un organizador gráfico para ter claros os aspectos aos que facer referencia. Logo elaboraron a carta a sucio e, finalmente, pasárona a limpo para proceder ao seu envío.
Unha vez rematado o libro, enfrontámonos ao reto de sintetizar as case 300 páxinas da obra nun máximo de tres carillas.
Nas tertulias literarias semanais que realizamos durante a lectura da obra, iamos completando unha liña do tempo na que rexistramos os feitos máis importantes. Tras completar esta liña, analizámola en gran grupo detidamente e fomos destacando os puntos realmente significativos.
Cando tivemos claro o camiño a seguir no resumo, cada nena e neno comezou o seu propio resumo no seu caderno. Unha vez finalizado, revisado e autocorrixido, pasárono a limpo para entregalo.
Unha das tarefas que realizou o alumnado do 3º ciclo durante o segundo trimestre para traballar a expresión oral foi a elaboración, nos grupos de traballo de aula, dunha presentación en CANVA sobre a casa de Hogwarts que lles correspondería segundo a cor do seu equipo.
Unha vez decididas e feitas as diapositivas, distribuíronas equitativamente e ensaiaron como amosar o seu traballo ante un público. Finalmente, cada grupo realizou a exposición oral da súa presentación ante o resto da clase.
Aproveitamos a elaboración individual dunha "variña máxica" na materia de Educación Plástica, como un dos complementos do noso disfrace de Entroido, para posteriormente redactar un texto instructivo sobre os pasos a seguir para construir este obxecto tan característico dos magos e bruxas.
Primeiro, nunha sesión de Lingua Castelá, elaboramos un borrador no caderno. Posteriormente, tras corrixilo, editámolo en Canva para facer estes fermosos carteis que colocamos polos corredores do noso nivel.
Outro dos textos traballados no segundo trimestre do curso foi a entrevista. Despois de analizar a estrutura e características básicas deste tipo de texto a través dun exemplo dunha entrevista realizada a J.K.Rowling, cada nena e neno do 3º ciclo escolleu un personaxe da saga ao cal realizarlle unha entrevista.
Unha vez redactadas e revisadas polo alumnado, e tras as correccións dadas pola mestra, imprimimos estes textos e encardernámolos para ter un novo recurso de lectura na nosa biblioteca: "Entrevistas do mundo máxico".
Por aquí vos deixamos un pequeno exemplo dalgunha delas.
Este curso voltamos cunha nova edición do Certame de Podcast de Lectoriño, na cal botamos da man do tema do PDI deste curso, "Da literatura ao cine", e abordamos a tan debatida cuestión de que é mellor: o libro ou película?
Cada ciclo realizou os seus podcast tendo como referencia a obra lida ao longo do curso. Deste xeito, o 3º ciclo gravou os seus pequenos programas de radio falando sobre se preferían o primeiro libro de Harry Potter ou a película.
Facendo click no cartel do certame poderedes escoitar o podcast gañador.
Unha vez rodadas as escenas das curtametraxes, e mentres se estaba a levar a cabo o proceso de montaxe e edición das mesmas, o alumnado do 3º ciclo creou un cartel para anunciar a curta.
Comezamos analizando diferentes carteis de cine para identificar os seus elementos principais. Coa estrutura básica clara, pasamos a elaborar en Canva, de xeito individual ou en parellas, unha proposta de cartel.