Cando tivemos claro que iamos a traballar o primeiro libro da saga de J. K. Rowling, "Harry Potter y la Piedra Filosofal", o primeiro que fixemos foi investigar sobre a autora.
Coa información obtida, na materia de Lingua Galega, elaboramos unha biografía cos datos máis importantes da vida desta coñecida escritora británica.
Tras investigar á escritora da obra escollida, iniciamos a lectura da novela, lendo dous capítulos por semana para, despois, na aula, poder facer unha tertulia literaria e comentar os aspectos máis importantes.
Ademais de falar dos diferentes capítulos, tamén iamos rexistrando neste caderniño diferentes datos importantes ou curiosos que ían aparecendo, para logo telos a man. Unha parte esencial de cada sesión semanal adicada á obra era a liña do tempo que fomos completando, na cal recollemos de forma ordeada os feitos clave de cada capítulo.
Unha vez rematada a lectura da obra, non nos daba chegado a hora de ver a película!
O 14 de decembro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria desfrutou da proxección na gran pantalla de "Harry Potter y la piedra filosofal" no Auditorio Municipal de Cambados. Invitamos tamén aos nenos e nenas de 4º de EP para que nos acompañasen nesta sesión de cine, a cal estivo, por suposto, acompañada duns ricos flocos de millo.
ANALIZAMOS AS DIFERENZAS ENTRE O LIBRO E A PELÍCULA
O seguinte paso na nosa andaina cara a elaboración dunha curtametraxe foi analizar as principais diferenzas que atopamos entre a novela e a súa produción audiovisual posterior.
Elaboramos un mural colectivo nun dos corredores das aulas do noso ciclo no que fomos plasmando estas desemellanzas.