O xadrez xa tiña varios adeptos entre o alumnado do 3º ciclo, mais a aparición deste xogo na novela de "Harry Potter e a Pedra Filosofal" fixo que despertase aínda máis o interese de moitos nenos e nenas por esta disciplina. Tal foi o éxito e a demanda que facía que o alumnado sobre o xadrez que nos tivemos que poñer en contacto con expertos no tema para poder axudar aos rapaces e rapazas.
Deste xeito xurdiron os obradoiros de xadrez, impartidos por un especialista no mesmo durante unha das sesións de Matemáticas cada tres semanas, empregando así este xogo como medio para traballar o pensamento computacional.
A saga de Harry Potter e o éxito dela entre o alumnado do 3º ciclo permitiunos traballar dende as diferentes áreas empregando un fío condutor común que fose motivador para as nenas e nenos.
Neste caso, unha das actividades realizadas dende a área de Matemáticas foi empregar o número de veces que se mencionan os diferentes obxectos máxicos pertencentes ao mundo máxico ao longo dos sete libros de J.K. Rowling para traballar os criterios de divisibilidade.
Cada luns, o alumnado de 5º e 6º atopa colgado na aula virtual un reto lóxico-matemático que debe resolver antes do venres.
Como non podía ser doutro xeito, moitos destes enigmas están vinculados co mundo máxico de Harry Potter.
Por aquí vos deixamos algúns exemplos dos retos semanais relacionados coa temática do proxecto.
Aproveitamos tamén diferentes elementos da saga de Harry Potter para abordar diferentes contidos da área de Matemáticas vinculados coa xeometría.
Por exemplo, a través do símbolo das Reliquias da Morte, traballamos as figuras xeométricas presentes nel, a súas respectivas áreas e perímetros e os elementos do círculo e da circunferencia. Así mesmo, empregamos as cristeleiras do castelo de Hogwarts para para ver o semicírculo, os sectores circulares e a amplitude dos seus ángulos.