PRESENTACIÓN
Benvidos/as ao espazo do Programa StemBach do IESP Eusebio da Guarda.
Que é o StemBach?
O bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach) é un programa formativo de carácter extraescolar que comprende dous cursos académicos, que se corresponden co primeiro e segundo curso da etapa.
Cal é o seu principal obxectivo?
O principio metodolóxico do bacharelato STEMbach é fomentar o pensamento científico e crítico a través do enfoque práctico de investigación e resolución de problemas, a través da realización dun proxecto de investigación.
Deste xeito, o alumnado integra como parte do seu desenvolvemento formativo competencias que lles permitirán elaborar, expoñer e argumentar de forma razoada estes traballos resultado dunha metodoloxía científica.
Quen participa?
O alumnado desenvolve o seu proxecto de investigación en colaboración con docentes do IESP Eusebio da Guarda e con docentes e grupos de investigación da Universidade da Coruña, aplicando procedementos de xeito rigoroso, ordenado e crítico.
Como está organizado?
No noso centro o STEMbach organízase en 5 módulos divididos en dous cursos académicos.
Os tres primeiros módulos son de aprendizaxe de ferramentas básicas para a análise de problemas científico-tecnolóxicos, e para a investigación, a análise e a argumentación científica, o cuarto é un módulo específico de Laboratorio de cada proxecto, e inclúe a preparación para a investigación que se desenvolve coa universidade.
Por último, o módulo 5 de "Proxecto de investigación" consiste na elaboración, e preparación da presentación escrita e oral das investigación realizadas.
Como parte da formación o alumando e o equipo docente participan dun programa específico de Actividades que inclúe visitas a centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresarias e conferencias de especialistas.