Encontro literario con Arantxa Portabales

O pasado 14 de febreiro, a novelista Arantza Portabales participou nun encontro literario co alumnado do club de lectura de Primaria e Secundaria do CPI Cabo da Area. A biblioteca do centro, en colaboración do equipo de Dinamización da Lingua Galega, acolleu o coloquio, que comezou ás 17h e se prolongou ata pasadas as 18.30h. Os presentadores do acto deron a benvida á autora e realizaron unha extenso percorrido pola súa traxectoria literaria, mencionando os títulos de narrativa breve e novela publicados ata o momento por Arantza Portabales, así como os múltiples galardóns obtidos en distintos certames de gran prestixio a nivel nacional.

A continuación, parte do alumnado de 3º e 4º ESO interpretou a lectura dramatizada dunha adaptación do capítulo “Quen matou a Xiana Alén?”, procedente da novela Beleza vermella, para dar paso logo á entrevista que os seus compañeiros e compañeiras de 2º, 3º e 4º ESO lle realizaron a Arantza Portabales arredor da súa traxectoria literaria, o seu proceso de escritura e a construción dos personaxes e as tramas de Beleza vermella e A vida secreta de Úrsula Bas, nas que acada unha especial importancia o tema da violencia de xénero e a igualdade entre homes e mulleres, pois o protagonista masculino de ambas obras ten un escuro pasado violento arredor do que a autora convida a reflexionar. Arantza Portabales incidiu especialmente neste aspecto ao longo do coloquio co alumnado, enfatizando a importancia de rexeitar calquera comportamento agresivo no seo da parella e da sociedade en xeral.