IMPACTO NA METODOLOXÍA: ACTIVIDADES DE AULA

Nesta páxina amosámosche o impacto do Proxecto Europeo na metodoloxía de aula. Grazas aos coñecementos adquiridos durante as moblidades e ás xornadas de difusión desenvoltas no centro, o profesorado vai incorporando progresivamente estas técnicas á súa pedagoxía. Trátase dun proceso lento pero moi enriquecedor e satisfactorio.

Compartimos esta escolma de experiencias realizadas a pé de aula. Agardamos que vos resulten interesantes:

ESTRATEXIAS DEMONITORIZACIÓN E TITORIZACIÓN

TARXETAS DE ENTRADA:

As tarxetas de entrada son unha ferramenta de monitorización e avaliación moi eficaz xa que anticipa problemas que poden xurdir durante o desenvolvemento dos contidos e sirve de punto de arranque e motivación para o alumnado, facilitando a planificación e fornecendo así a autorregulación da súa aprendizaxe.

Velaquí amosamos un modelo de tarxeta de entrada á unha semana de aprendizaxe. Trátase dun cuestionario deseñado con Google Forms que resulta sinxelo de compartir co alumnado a través dunha aula virtual.

TARXETAS DE SAÍDA:

As tarxetas de saída son un recurso que facilita a autoavaliación por parte do alumnado e proporciona feedback inmediato ao profesorado sobre necesidades que quedaron sen cubrir durante o desenvolemento do proceso de aprendizaxe. Trátase dunha ferramenta que pon en valor tamén a autonomía e autorregulación do alumnado, que precisará reflectir sobre o aprendido para poder cubrir o cuestionario. Desta volta escollemos novamente Google Forms para o seu deseño, xa que é un documento sinxelo de compartir co alumnado a través dunha aula virtual. Velaquí un modelo de tarxeta de saída tras unha semana de aprendizaxe.

Os mapas mentais resultan especialmente eficaces cando a persoa titora decide realizar unha chuvia de idea colaborativa para fomentar o debate ou reflexionar sobre un tema. Tamén axuda a compilar os conceptos chave dunha unidade categorizando e reflectindo as dependencias entre as ideas.

Neste exemplo elaborado coa ferramenta COGGLE empregamos a técnica dos "5 por ques" ou "5 Whys". Comezamos formulando unha pregunta inicial: "Por que nos sentimos estresados?" Coas primeiras 5 respostas obtidas aplicamos a mesma técnica e preguntamos unha vez máis: Por que? Desta maneira conseguimos afondar no tema e chegar a un nivel profundo de análise.

Este recurso facilita a colaboración xa que o alumnado pode editar directamente o mapa de ideas compartido. Ademáis o produto final pode incrustarse na aula virtual, engadindo un compoñente visual aos contidos da plataforma.

REFLEXIÓN E AUTOAVALIACIÓN A TRAVÉS DOS PORTFOLIOS DIXITAIS:

Os portfolios dixitais son un recurso que favorece a reflexión sobre a aprendizaxe e a autorregulación do alumnado. Nas distintas seccións dun portfolio pódense reflectir as evidencias de aprendizaxe e as experiencias de aula, fomentando o seguimento continuo do curso.

Compartimos con vós esta presentación que recolle os distintos Portfolios elaborados polas persoas participantes no curso NILE onde escolmamos todo o aprendido durante esta primeira e inesquecible mobilidade virtual do proxecto sBlendid. A ferramenta coa que elaboramos os Portfolios é Google Sites, pero esta presentación tan xeitosa da colmea de abellas, metáfora do traballo colaborativo entre EOIs galegas, é obra do CAFI e foi deseñada con Genially.

PRESENTACIÓN DE CONTIDOS NA AULA VIRTUAL COA ADOBE SPARK:

Por experiencia sabemos que o deseño e dinamización da aula virtual é un proceso esixente. Acotío as persoas titoras andamos á procura de ferramentas que nos permitan presentar os contidos dunha maneira visual e atractiva para aumentar a motivación do alumnado. A plataforma Moodle ofrece varias opcións para organizarmos os contidos de cada unidade como o recurso "Libro" ou "Páxina".

Porén, existen ferramentas gratuitas que poden axudarnos a presentar o material e os recursos nun formato atraente que favoreza a navegabilidade polas distintas tarefas. Neste caso, empregamos Adobe Spark para deseñar os contidos dunha unidade sobre Tecnoloxía onde ademáis traballamos a mediación de gráficos e estatísticas. Como se poder observar, Adobe Spark permite engadir actividades interactivas, textos, vídeos e imaxes nun mesmo documento que se pode ser á súa vez "incrustado" na aula virtual.

MOSTRAS DE ACTIVIDADES DE LINGUA

TAREFAS DE EXPRESIÓN ESCRITA EN ISSUU:

Tarefas de expresión escrita do alumnado de C1 de inglés da EOI de Pontevedra:

A ferramenta Issuu permite dar visibilidade ao traballo do alumnado mediante a publicación de contidos en formato dixital, optimizado para dispositivos móbiles. Este contido que se xenera en liña pode despois ser usado na aula para actividades de comprensión de lectura, reforzo de estructuras ou vocabulario ou reflexión sobre as diferentes tipoloxías textuais e as súas características máis específicas.

TAREFAS DE EXPRESIÓN ESCRITA A TRAVÉS DE PADLET:

Tarefas de expresión escrita do alumnado de B1 de inglés da EOI de Pontevedra:

A ferramenta Padlet facilita a realización de tarefas colaborativas e da visibilidade ao traballo do alumnado. Neste exemplo o contido xerado é comentado polos compañeiro/as e a docente, favorecendo a aprendizaxe entre iguais e facendo que as actividades de aula adquiran unha dimensión útil e máis próxima a situacións reais de lingua.

PRÁCTICA DAS CINCO DESTREZAS NUN TABOLEIRO DIXITAL COLABORATIVO:

Unidade didáctica sobre celebracións do alumnado de B1 de inglés da EOI de Pontevedra. Mediante esta actividade e empregando a ferramenta Padlet, o alumnado traballa as cinco destrezas : comprensión oral e escrita, expresión oral e escrita e mediación. O feito de que a actividade sexa colaborativa en tempo real é fundamental para a teledocencia. Facilítase ademáis o traballo en grupo e as distintas velocidades de aprendizaxe do alumando.

NUBE DE IDEAS PARA A ACTIVACIÓN DE COÑECEMENTOS: MENTIMETER:

As nubes de palabras poden ser un aliado para activar os coñecementos previos do alumnado antes de abordar un tema. Imaxinemos a seguinte actividade: "Observa a imaxe que ilustra unha noticia. Que vocabulario chave coñeces relacionado co tema?"

Asimesmo, podemos empregar este recurso para escolmar as ideas principais dun artigo periodístico unha vez realizada a comprensión escrita.

Malia que existen numerosas ferramentas para realizar nubes de palabras colaboraticas, (Answer Garden Wooclap, etc.), Mentimeter é unha das nosas favoritas pola súa versatilidade.

TABOLEIRO PARA COMPARTIR: JAMBOARD

Presentámosvos un xogo de pistas utilizando a voz pasiva e empregando unha pizarra colaborativa coa ferramenta Jamboard. Trátase dun exercicio de producción oral e escrita moi versátil e práctico para a aula de linguas estranxeiras.

O alumnado ten que elaborar pistas, usando as diferentes modalidades da voz pasiva sobre obxectos que os compañeiros terán que adiviñar. Deste xeito, engadimos un compoñente de "intriga" á actividade que mantén a atención do alumnado.

A ferramenta Jamboard promove o traballo autónomo do alumnado en entornas virtuais e facilita a conexión entre o traballo realizado na casa e na aula física. Un aspecto clave do "Blended Learning":

CONECTANDO A ENTORNA VIRTUA COA AULA PRESENCIAL.

A mediación é unha destreza imprescindible para superar as probas de certificación das EOIs e por iso cómpre practicarmos este tipo de actividades na aula. Se estamos a titorizar un curso semipresencial podemos empregar a aula virtual como elemento anticipador dunha actividade de mediación de textos orais. Amosámosche as claves para conectar o entorno virtual de aprendizaxe coa clase presencial:

  • TRABALLO NA AULA VIRTUAL: o alumnado visualiza o discurso de Steve Jobs para a Universidade de Stanford a través da aula virtual. O discurso divídese en 3 partes polo estableceremos grupos de 3 persoas. Cada membro/a do grupo tomará notas de xeito individual sobre as ideas principais da secuencia do discurso asignada pola persoa titora nun taboleiro dixital en Pin Up Sticky Notes.

  • TRABALLO NA AULA FÍSICA: Os grupos reúnense e poñen en común as súas ideas. Cada alumno resume oralmente o contido da parte do discurso que lle correponde. Así practicamos a mediación oral e aproveitamos o tempo da sesión presencial priorizando a interacción.

Black History Month

Durante o mes de febreiro estivemos na obriga de realizar as nosas clases en liña por videoconferencia. Aproveitamos esta oportunidade para facer actividades relacionadas con Black History Month.

  • Preparáronse varios xogos de biografías de personaxes negros importantes na historia dos Estados Unidos. usando a función "breakout rooms" na videoconferencia, cada grupo leía unha biografía e comentábaa. O alumnado apuntaba os datos máis importantes sobre ese personaxe.

  • Cambiamos os grupos. Cada membro deste novo grupo tiña unha biografía diferente e contaban aos seus compañeiros e compañeiras a vida deste personaxe.

  • Como traballo extra, propúxose gravar un vídeo de 2 minutos contando a vida dun personaxe negro que posteriormente foi compartido nas redes sociais.

  • Unha vez de volta ás clases presenciais, organizamos unha conferencia telemática cunha profesora americana da Universidade de Bordeaux que nos fixo unhas actividades sobre preconceptos e prexuizos sobre as persoas negras.