Para determinar o paso definitivo do río Miño organizouse unha Comisión Internacional, por parte española e portuguesa. En 1879 a comisión determinou o mellor punto para o cruce do Miño e encargouse o proxecto de construción a Pelayo Mancebo.
Ambos países ratificaron, en 1881, os acordos para a construción da ponte internacional que sería de dous niveis, o superior para o ferrocarril e o inferior para o paso da estrada, e o 30 de xullo anunciouse o concurso público para la adxudicación da construción, sendo seleccionada a empresa belga “Braine le Compte” que propuxo algunhas modificacións no proxecto orixinal, entre as que destacan a substitución dos piares metálicos proxectados polo enxeñeiro español Pelayo Mancebo de Agrada por uns de pedra.
Non é unha obra de Eiffel pero nel veremos clara a súa influencia. Foi inaugurado oficialmente o 25 de marzo de 1886, case un ano e medio despois da súa entrada en servizo, e substituíu ás barcazas que unían as vilas de Valença do Miño e Tui.
A obra foi realizada en 34 meses, entre novembro de 1881 e outubro de 1884. Para a construción empregáronse 1.540.364 quilos de ferro e 700 de chumbo e a sillería foi traída dende a localidade lusa de Lanhela, situada a 24km do lugar. Zumaya aportou o cemento necesario. Todos os materiais foron transportados por lanchas a vapor polo Miño.
As probas de resistencia realizáronse xa en xaneiro de 1885, empregándose para iso locomotoras de ata 68 toneladas de peso, conforme aos estándares franceses de probas de sobrecarga. A ponte, desde aquela, só precisou unha reparación, en 1975, dirixida polo enxeñeiro portugués Edgar Cardoso, que corrixiu unha inclinación anormal da mesma.
O custo do proxecto ascendeu a 1.254.143 pesetas e foi financiado polos dous países. Durante a súa inauguración e coa ponte adornada, dous trens cruzáronse no centro ante a atenta mirada dos miles de veciños dos dous países, unindo definitivamente as dúas marxes do río.
Nos piares de pedra da súa parte española pódense ver uns buratos aos que se accede mediante unha escaleira. Estes buratos eran fornos de minas para poder dinamitalo en caso de conflito co país irmán. Para iso tamén foi construído un cuartel con capacidade para unhas duascentas persoas.