O castro de Borneiro presenta escavadas, aproximadamente, as tres cuartas partes da superficie da croa e un total de 36 construcións que amosan un predominio absoluto das plantas redondeadas.
Nun principio, Borneiro foi considerado coma un exemplo típico de poboado castrexo pre-romano no que a ausencia de urbanismo -entendido ao estilo clásico de tipo hipodámico- era total. Porén, neste momento, e á vista da área escavada, esta afirmación ten que ser matizada, xa que son detectables pequenos conxuntos de construcións dispostos arredor de espazos baleiros que poden poñerse en relación con estruturas máis serodias de castros romanizados -os barrios- e dos que os conxuntos de Borneiro serían como un antecedente.
O conxunto de defensas articúlase, como é o normal nas defensas dos castros galegos, nun circuíto interior que acolle á croa e que unicamente se interrompe para dar paso á entrada principal, que se situaba na zona leste, no barrio de extramuros.
Paralela a esta muralla corre un foxo, hoxe bastante colmatado pero que debeu alcanzar, nalgún punto, considerables dimensións. De forma máis ou menos concéntrica articúlase un segundo circuíto de muralla e un segundo foxo e, na zona oeste, a máis vulnerable, aínda son visibles restos de muralla que formaría, neste área, un terceiro circuíto.
Estas murallas están construídas a base dunha estrutura interna de amoreamento de pedras grandes que son as que manteñen a elevación; a ámbolos dous lados, terra e pedra miúda configuran o grosor da defensa e, para dar maior consistencia a toda a estrutura, estes materiais están contidos por un muro que é o que as escavacións deixan agora á vista. O grosor medio da muralla da croa é de 4 m. e as alturas oscilan desde os 80/90 cm. ata máis de 5 m.
As construcións atopadas no interior da croa de Borneiro son de tipo doméstico e a planta dominante é a redondeada. Todas elas están construídas con material local -esquisto- con aparellos de cachotería irregular trabada con barro, tamén local, da propia croa, onde aparece en superficie e de moi boa calidade. O grosor medio dos muros é de 60 cm. As alturas conservadas oscilan desde os escasos centímetros dunha fiada de pedras ata máis de 2 m. nalgunhas das construcións circulares da zona sur.
Non todas as construcións de Borneiro deberon funcionar como vivendas; algunhas, polo tipo de aparellos, dos materiais atopados no seu interior, tamaño, etc. debían funcionar como anexos ou dependencias.
No interior de moitas destas construcións atopáronse os fogares orixinarios que están situados, preferentemente, na zona central da casa. Case todos eles responden a un mesmo modelo consistente nunhas pedras chantadas verticalmente que delimitan unha zona rectangular; nela, e sobre unha base de arxila, faise o lume directamente. Estas pedras protexen o lume, pero tamén protexen o poste que, fincado no centro da construción, servía para soster a cuberta. Esta cuberta debía ser de materiais vexetais entretecidos.
No espazo interior, a nivel dese fogar, frecuentemente aparece un pavimento ou chan formado por unha capa de arxila endurecida. Estes pavimentos, polo deterioro do uso, podían ser reparados botando unha nova capa de arxila.