O conxunto dos materiais atopados no castro de Borneiro poden ser agrupados en catro conxuntos: orgánicos, pétreos, cerámicos e metálicos.
En canto ós materiais orgánicos, é coñecido de todos o problema de Galicia para a súa conservación debido á acidez do seu chan. Por iso é practicamente imposible atopar restos óseos completos nesta etapa castrexa; unicamente, ben por circunstancias concretas de lugar de conservación, ben pola consistencia da súa materia orgánica calcárea, poden chegar ata nós algúns restos, como é o caso dos chamados concheiros. Trátase de conxuntos formados por restos de cunchas de mariscos mesturados con espiñas de peixes e dos que en Borneiro foron localizados varios na zona leste, contra a muralla da croa.
Entre os materiais pétreos atopados destacan, pola súa abundancia, os muíños. Todos eles son de tipo plano, de frotación, formados por dúas pezas: a base plana e o pisón. Algúns deles teñen aparecido in situ, no nivel do pavimento e nas proximidades dos fogares. Igualmente abundantes son as pedras de afiar. Tamén en pedra apareceron varios restos de moldes de fundición de metais, pezas de adorno persoal (pequenos colgantes finamente pulidos), fusaiolas (pezas do tope dos fusos) e machados pulidos.
Os materiais cerámicos son, con moita diferenza, os máis abundantes; en cada campaña de escavacións é posible atopar varios miles de fragmentos. Como norma xeral, preséntanse nun estado de fragmentación que dificulta extraordinariamente a súa reconstrución.
As pastas cerámicas son bastante groseiras, sendo frecuente que asomen en superficie areas e outros degrasantes que dan rugosidade e tosquiade ás superficies; as coloracións dominantes son as roxizas/amarelentas, pero poden aparecer moi matizadas pola acción do lume Ao que estiveron expostas, tanto no momento da cocción coma polo uso cotián; moitas delas presentan grosas capas de feluxe en superficie, tanto no interior como no exterior.
As formas destas cerámicas son moi variadas: pratos, cuncas, olas, xerras... e igualmente variados son os motivos decorativos (mamilos, cordóns aplicados, ungulacións, triángulos, etc.) e as técnicas decorativas (aplicación plástica, incisa, excisa, impresa, brunida). Nun mesmo cacharro poden combinarse varias técnicas e motivos decorativos.
A maioría destas vasillas presentan un fondo plano (aínda que ten aparecido algún exemplar moi interesante de fondo alzado); porén, existe moita variedade nos tipos de bordos e panzas. Existen exemplares realizados a man e outros, menos, elaborados a torno.
Tamén en cerámica apareceron restos de moldes e de crisois de fundición, así como numerosas pezas circulares coñecidas como fusaiolas pola semellanza coas de pedra, pero que deberon ter outro uso, tal vez como fichas de xogo.
Os materiais metálicos localizados en Borneiro son de ferro e de bronce, este en aliaxe ternaria (cobre-estaño-chumbo). A escoura é abundante en todo o xacemento e os efectos da oxidación chegan a deteriorar de tal modo a peza que pode pulverizarse en contacto co aire.
En bronce teñen aparecido agullas, aneis (lisos ou enrolados), doas de colar, varios fragmentos de vasillas metálicas, asas de sítula (tipo de caldeiro con asa), conteiras (remates metálicos das fundas de coiro para puñais), empuñaduras de puñais de antenas e fragmentos de láminas decoradas, ademais das fíbulas; forman estas fíbulas (prendedores de roupa) un conxunto numeroso e moi interesante no que hai que incluír unha do tipo coñecido como de longo travesaño sen espiral, moi ben conservada e decorada coa técnica de nielado con fío de prata e que debe figurar entre as mellores de Galicia.
Borde de caldeiro
Fíbula de bronce con nielados de prata
Os obxectos de ferro son menos numerosos e case todos eles están relacionados coa actividade doméstica, agrícola ou metalúrxica: coitelos (as follas, xa que os mangos, de madeira, non se conservan), puñais, fouces, cinceis, picos e fragmentos de pezas difíciles de identificar.