Borneiro foi o primeiro castro galego datado coa proba do Carbono 14. Como resultado das análises obtidas a partir de materiais extraídos na zona da croa, o profesor Eiroa publicaba a data do ano 520 a.C.(+ 110), á que seguiron outras que non son tan altas pero que veñen a confirmar a idea dunha vida prolongada no castro, pois seguramente estivo habitado ata finais do S. I d. C.
Non coñecemos as razóns da desaparición da vida en Borneiro, pero o que parecen indicar as escavacións é que foi abandonado de forma gradual, non violenta, feito que explicaría o estado dos materiais atopados -enormemente fragmentados e dispersos- e, aínda que as áreas de cinzas e terras queimadas son abundantes, non parece probable que ningún desastre, tipo incendio ou asalto, obrigara a abandonar o poboado de forma rápida e precipitada.
A Cidá de Borneiro chamou cedo a atención dos arqueólogos galegos (restos visibles de construcións, folclore, proximidade á anta de Dombate, toponimia). A comezos dos anos trinta iniciáronse as primeiras escavacións dirixidas por Sebastián González, que estiveron centradas no barrio de extramuros; a finais dos anos sesenta reanudáronse os traballos, dirixidos entón por J.J. Eiroa, cos que se descubriron varias construcións da croa. Será a partir do ano 1980 cando se inicie a terceira etapa de campañas de traballo arqueolóxico que incluía a Borneiro dentro dun plano global de investigación arqueolóxica galega artellado polo Instituto Padre Sarmiento de Santiago; o traballo, ininterrompido durante once anos, estivo dirixido por Ana Romero Masiá.