O castro ocupa un pequeno outeiro rodeado polo Río dos Muíños que desemboca na ría de Corme e Laxe e que, en parte, serve de defensa natural ao xacemento.
O poboado castrexo de Borneiro presenta unha croa de planta ovalada de 56 m (E-O) x 104 m (N-S) protexida por unha muralla e por un foxo. Protexido por unha segunda liña defensiva está o barrio de extramuros, un conxunto de construcións diferenciadas do resto da croa.
Pola súa planta xeral, pola forma das súas construcións domésticas e pola disposición das súas defensas dispostas de forma concéntrica, Borneiro é un claro modelo de arquitectura de Cultura Castrexa.