Xa podes apuntarte os Grupos de Traballo do ANPA
Formulario de Inscripcion => https://forms.gle/qCax8sALYdL2psR26
A ANPA do CEIP Mosteirón está formada por familias que, de maneira voluntaria, dedican parte do seu tempo a organizar actividades, impulsar iniciativas e contribuír a mellorar a vida escolar dos nosos nenos e nenas.
Para poder levar adiante todos estes proxectos necesitamos a colaboración das familias. Por iso, queremos poñer en marcha diferentes grupos de traballo abertos a todas as persoas que teñan ganas de participar, achegar ideas ou botar unha man.
Non é necesario formar parte da Xunta Directiva, ter experiencia previa nin asumir grandes compromisos. Cada persoa pode colaborar segundo a súa dispoñibilidade, participando nas tarefas concretas que lle resulten máis interesantes.
👕 Uniformes Mosteirón
Colaboración na xestión dos uniformes do colexio: pedidos, información ás familias, organización das entregas, control de existencias e coordinación coas persoas provedoras.
🎓 Excursión de 6.º de Educación Primaria
Apoio na organización de actividades e iniciativas para recadar fondos destinados á excursión de fin de curso do alumnado de 6.º. Preparación de propostas, actividades de recadación e coordinación coas familias.
🎄 Mercadillo Solidario de Nadal «Os Mosteiriños» do 12/12/2026
Colaboración na preparación do mercadillo, recollida e clasificación de xoguetes, libros e outros materiais, preparación dos postos, decoración, atención ao público e dinamización durante a xornada.
🎅 Festa de Nadal do 19/12/2026
Participación na organización da festa de Nadal, en colaboración co Concello de Sada e co Colexio de Sada e os seus Contornos. Apoio na preparación das actividades, organización dos espazos e colaboración durante a celebración.
🎭 Carroza de Entroido
Un grupo para deixar voar a imaxinación! Propostas de temática, deseño e elaboración da carroza, decoración, preparación de disfraces e coordinación das familias participantes no desfile.
💻 EducaDixital Mosteirón
Un espazo para promover o uso responsable, seguro e consciente da tecnoloxía. Organización de charlas, obradoiros e iniciativas sobre educación dixital, uso das pantallas, redes sociais, seguridade en internet e outros retos tecnolóxicos que afectan á infancia.
💚 Mosteirón Inclusivo
Un grupo para avanzar cara a unha comunidade educativa máis inclusiva, accesible e participativa. Propostas de mellora, actividades de sensibilización e iniciativas que favorezan a participación de todo o alumnado, tendo en conta a diversidade e as necesidades específicas de apoio educativo.
É moi sinxelo! Só tes que cubrir o formulario indicando nos grupos nos que che gustaría colaborar.
Podes anotarte nun ou en varios grupos, segundo os teus intereses e posibilidades.
Posteriormente, cada grupo poderá organizarse e coordinarse para repartir as tarefas e concretar as necesidades de colaboración sempre en colaboracion coa Xunta Directiva do ANPA.
Non buscamos que ninguén faga todo, senón que entre todos e todas fagamos un pouco.
Porque detrás de cada actividade, festa ou iniciativa hai moitas pequenas colaboracións que a fan posible.
💛 Anímate a participar! A túa colaboración conta e pode marcar a diferenza.
Moitas grazas por formar parte desta comunidade!