SAÍDA E VISITA AO SOUTO DA RETORTA

O xoves, 19 de abril, coa chegada do bo tempo, levamos a cabo a saída programada para coñecer o entorno natural do Souto da Retorta.O Souto da Retorta atópase entre as localidades de San Pedro de Viveiro e Chavín, máis concretamente no lugar de Calvoso, moi preto da poboación de Viveiro, na provincia de Lugo (Galicia).

Tamén coñecido como “o eucaliptal de Chavín”, trátase dun bosque de eucaliptos dunhas dimensións incribles. Con alturas que superan os 80 metros e os 10,5 metros de perímetro, este eucaliptal está declarado Espazo Natural Protexido e Monumento Natural.

Á árbore máis vella do Souto da Retorta coñéceselle como “O Avó”, ten 135 anos e mide 68 metros de alto e 10,5 de perímetro. Ademais, está catalogado como a árbore máis grande de España.

O espazo ten unha superficie de 3,19 ha e caracterízase polo seu clima oceánico húmido, cunhas precipitacións anuais medias de 1.412 mm e unha temperatura media de 13 °C. Está situado a unha altitude duns 30 metros sobre o nivel do mar.

Ademais dos eucaliptos centenarios, o espazo presenta, ao longo do curso do río, dúas fervenzas dignas de mención: o Salto do Can e o Pozo da Ferida, este cunha caída en vertical de 30 metros.

CADERNO DE CAMPO