A nosa proposta

A fenda investigadora

Os aspectos de coñecemento e práctica da metodoloxía de investigación sitúanse xeralmente nos dominios máis elevados da aprendizaxe humana, aqueles que necesitan o densenvolvemento de capacidades previas, como a análise e xuízo críticos, a avaliación e a metacognición. Polo tanto, a introdución de contidos de metodoloxía de investigación acostuma a reservarse para os momentos finais da educación formal superior, como o traballo de fin de grao, mestría e teses de doutoramento, cando se considera que os alumnos xa adquiriron en grao suficiente esa capacitación.

No campo do ensino secundario non se deu, en cambio, ningún paso cara ao fomento da investigación e, por unha especie de acordo tácito, queda reservada exclusivamente ao mundo universitario, sen que exista ningunha base de coñecemento que certifique que as prácticas de investigación deban ser desterradas do ensino secundario e con elas a facilitación da realización de traballos orientados mediante metodoloxías científicas cuantitativas ou cualitativas.

Un paso adiante

A proposta presente ten como obxectivo reparar esta situación, na medida das nosas posibilidades, contando coa oportunidade que articula, en forma de recoñecemento lexislativo e organizativo, a resolución de 22 maio de 2019 que regula o bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxías (STEMbach). En consecuencia, o noso proxecto únese aos principios fundamentais establecidos na citada resolución. Destacamos especialmente o seu obxectivo declarado de procura da comprensión dos “elementos e os procedementos fundamentais da investigación e dos métodos científicos", sobre todo para o desenvolvemento da propia investigación.

Precisamente o contido e a práctica derivada do currículo pretende transmitir aos alumnos deste tipo de bacharelato STEM as habilidades e coñecementos necesarios que lle capaciten para a creación dunha investigación propia, sexa individual ou colectiva.

Integración das TIC

Paralelamente, e como non podía ser doutro modo, tendo en conta a Sociedade da Información na que vivimos, o currículo fomenta tamén a denominada competencia informacional, que se refire a habilidades e destrezas para o manexo e análise da información, así como de técnicas para a súa transformación e presentación. As Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) representan mecanismos e estratexias indisolublemente unidas á propia información, de forma que falar de competencia investigadora implica necesariamente traer a colación o mundo das TIC.